Os amantes das curtas de comedia teñen unha cita en Allariz co Festival RIR

O evento chega este ano á súa sexta edición, alongarase ata o 9 de setembro e conta con 41 curtametraxes a concurso. O premio 'RIR contigo', que premia traxectorias dedicadas á comedia, será para Manuel Manquiña.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 05/09/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A vila do Arnoia acolle esta semana, do 4 ao 9 de setembro, un certame de curtametraxes internacional, evento que ademais de cinema inclúe actividades paralelas como teatro infantil, charlas e espectáculos de humor.

Panel de ambientación do RIR 2023. Foto: Comunicación Concello Allariz.
Panel de ambientación do RIR 2023. Foto: Comunicación Concello Allariz.

Trátase do Festival RIR que organizan Zinemusik e Escena Sonora coa colaboración do Concello de Allariz e a Deputación de Ourense. Este 2023, na que será a VI edición, chegaron á fase final e serán proxectados estes días 41 curtas de comedia, traballos seleccionados dun total de 268 recibidas.

Ademais de diferentes espectáculos humorísticos, cómpre salientar dúas actividades interesantes para lembrar a dous clásicos que terán lugar o venres 8 de setembro. Por unha banda a homenaxe a Manuel Summers coincidindo do 30 aniversario da súa morte. Para honrar a súa figura proxectarase a curta "El viejecito"; e o documental "Paco Martínez Soria, el precio de la risa" do director Javier Lechón. 

O festival convidado este ano é o Festival de Cine de Comedia de Tarazona e o Moncayo. A presentación correrá a cargo de Carlos Gurpegui Vida, coordinador de comunicación e imaxe do certame que ademais contempla no seu currículo ser membro da Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas nacional e organizador dos Premios Feroz.

O programa completo con horarios e espazos para gozar das curtas e do resto de actividades pódese consultar na páxina web do Festival RIR.

Manuel Manquiña. Premio 'RIR contigo' 2023. Foto: Zinemusik
Manuel Manquiña. Premio 'RIR contigo' 2023. Foto: Zinemusik

XURADO E GALA DE CLAUSURA

O xurado deste ano, encargado de elixir as curtas gañadoras, está composto polas actrices Elena Seijo (ourensá) e Goize Blanco (vasca) e o actor Machi Salgado.

A Gala de Clausura será o sábado 9 ás 20:30 h. e consistirá nun Late Night 'A desfeita' de Porco Bravú. No transcurso do mesmo entregaranse os premios da VI Edición do Festival RIR e o premio 'RIR Contigo' dedicado ás premiar traxectorias dedicadas á comedia. Este último será para o actor e humorista galego Manuel Manquiña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta