Os novos concursos de evacuación de transición xusta deixen fóra ás centrais térmicas das Pontes e Meirama

Así o denuncia a CIG, que explica que nestes concursos as empresas competidoras deben presentar proxectos de enerxía renovable pero tamén iniciativas industriais con compromiso de creación de emprego nas localidades afectadas e, ademais, formalizar un aval sobre o resultado do concurso que, de non cumprirse os compromisos, perderían.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 17/09/2023 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A CIG censurou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) deixen fóra ás localidades galegas das Pontes e Meirama da nova orde reguladora para a concesión de nova capacidade nos nós de transición xusta. Nun comunicado remitido aos medios, a central nacionalista explica que estes nós, que terán concurso de evacuación, afectan as centrais de carbón térmicas de Velilla (Palencia), Lada (Asturias), La Robla (León), Andorra (Teruel) e á central nuclear de Garoña (Burgos).

A CIG explica que, nunha primeira fase, o concurso afectará a 1.320 MW, dos 4.700 MW que teñen dispoñibles estas centrais xa pechadas. Ademais, destaca o caso de Andorra, que xa tivo un concurso de evacuación e agora poderá optar a outro novo con outros 100 MW. O sindicato sinala que nestes concursos as empresas competidoras deben presentar proxectos de enerxía renovable pero tamén iniciativas industriais con compromiso de creación de emprego nas localidades afectadas e, ademais, formalizar un aval sobre o resultado do concurso que, de non cumprirse os compromisos, perderían. Así, indica que as garantías por cada MW que vai ao concurso está nos 160.000 euros.

Así as cousas, o sindicato asegura que "sorprende" o anuncio do MITECO e critica que na reunión do pasado 7 de setembro en Madrid o departamento estatal dixese que as centrais de carbón das Pontes e Meirama non terían ningún concurso de evacuación ao "non ter MW dispoñibles despois do seu peche", uns criterios técnicos que a CIG asegura que "non son asumibles nin cribles".

A central nacionalista sostén que este anuncio do MITECO deixa "fóra de xogo" ao alcalde das Pontes, Valentín González Formoso. En concreto, a CIG asegura que o tamén secretario xeral do PSOE galego dixo no pleno municipal do pasado 14 de setembro que "nin Velilla nin La Robla ían ter concurso" para "tentar darlle cobertura política á posición" do ministerio. "Queda claro que o seu coñecemento no tema é ben escaso", sinala. "En definitiva, nin o MITECO, nin o PSOE galego, nin ningunha outra institución son capaces de explicar por que as dúas centrais galegas das Pontes e Meirama quedan sen concurso de evacuación e, por tanto, sen unha garantía de plena reindustrialización", indicou.

Central Térmica de Meirama, coa aldea da Lousa ao pé
Central Térmica de Meirama, coa aldea da Lousa ao pé | Fonte: Remitida - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta