Balance exitoso e entrega de premios do FIC Vía XIV 2023

Unha gala de clausura no Auditorio Municipal de Verín, e presentada polo actor Manuel Cortés, puxo o punto final á edición deste ano. Curtas de Grecia, Suecia e Portugal recibiron algúns dos premios dentro das categorías oficiais a concurso.

Por Galicia Confidencial | Verín | 19/09/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Na gala de clausura do FIC Vía XIV 2023, celebrada o pasado sábado 16 de setembro, déronse a coñecer os nomes dos títulos das curtas gañadoras dentro de cada unha das categorías oficiais do certame, outorgadas por un xurado do que formaron parte Nora Sola, Toni Salgado e Nicolás Afonso, así coma o premio do público.

Manuel Cortés, presentador da gala de clausura. Foto: FIC Vía XIV Verín
Manuel Cortés, presentador da gala de clausura. Foto: FIC Vía XIV Verín

CURTAS PREMIADAS

No marco da categoría oficial Horizontes o traballo premiado foi 11.20. A.M. de Dimitris Nakos (Grecia); a mellor curta de A Raia foi Raticide, un traballo de Joao Niza (Portugal); o premio á mellor peza exhibida na categoría Nova foi para One Minute, de Matilde Sköld e Markus Svanberg (Suecia) e como mellor curta dentro da categoría Infantil, de nova creación este ano, foi elixido o título Papirola, un traballo de Fabián Molinaro, con sello español. O premio especial do público recaeu no título El Bus, de Sandra Reina (España). Doutra banda, o film Ice Merchants, de Joao González (Portugal), recibiu unha mención especial do xurado dentro da categoría A Raia.

OUTROS RECOÑECEMENTOS

Durante a gala de clausura tamén se entregaron dous premios correspondentes a dúas das actividades paralelas celebradas ao longo destes días ao abeiro do certame. O traballo gañador do concurso de pintura, posto en marcha este ano por vez primeira pola organización do FIC Vía XIV para que aqueles artistas gráficos maiores de 16 anos plasmasen sobre lenzo unha escena ben recoñecida da historia da cinematografía, foi Daniela Domínguez coa súa obra Undine, de Christian Petzold. Doutra banda, o establecemento que gañou o concurso de escaparatismo promovido conxuntamente entre a Asociación Cultural Vía XIV e AEVER foi Noisiness Verín. Tratouse dunha iniciativa que convidou aos diferentes establecementos comerciais da vila a engalanar as súas vitrinas con motivos relacionados coa sétima arte.

VALORACIÓNS

No apartado de valoracións, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, salientou a transcendencia mediática do festival á hora de dar a coñecer a "marca Verín", e tamén o pulo que este evento lle dá á canteira local no eido audiovisual.

A concelleira de Cultura, Samanta Barreira, puxo en valor a organización do festival como proba da aposta que o Concello de Verín realiza dende hai anos pola dinamización cultural do municipio; mentres que o director do FIC Vía XIV, Carlos Montero, centrou o seu discurso do acto de clausura no "efecto catalizador do pensamento crítico" que supón o evento. “Este ano, máis ca nunca, quixemos que o FIC se erguera como un faro de pensamento crítico. Por este motivo, incluímos tanto na programación oficial presentada a concurso como nas actividades paralelas diversas temáticas de índole social. Puxemos o foco, especialmente, en asuntos que nos convidan a pensar sobre cuestións tan diversas e de calado social como a sostibilidade ambiental, a realidade das persoas refuxiadas ou o papel transformador que a Intelixencia Artificial pode ter na cultura”, comentaba Montero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta