Unanimidade na Cámara galega para urxir un catálogo de enfermidades de traballadores do mar e o seu traslado ao Sergas

Artrose, artrite, dor de costas, trastornos músculo-esqueléticos na columna ou infección de ouriños son algunhas das enfermidades máis recorrentes no sector. As asociacións de mulleres do mar calculan que o 90 % das enfermidades profesionais deste colectivo son catalogadas como comúns, cando o 80 % son derivadas do seu traballo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia insta, por unanimidade, ao Estado á elaboración, "á menor brevidade posible", dun catálogo de enfermidades profesionais dos traballadores o mar, tal e como se contempla na lei de pesca sustentable. Durante o debate na Comisión de Pesca, a deputada do BNG Rosana Pérez avisou que, "despois deste impás lexislativo", "é importante que o catálogo non quede durmindo nun caixón".

Igualmente ínstase a que as Consellerías de Mar, Sanidade e Promoción do Emprego e Igualdade colaboren para trasladar ao persoal facultativo do Sergas e das mutuas de traballo a relación de enfermidades que estean recoñecidas como profesionais no sector do mar e a máxima importancia de tratalas como tales. Ademais, emprázase a levar a cabo unha campaña de información entre os traballadores do mar respecto das enfermidades do sector recoñecidas como profesionais e dos beneficios que supón a súa identificación.

Artrose, artrite, dor de costas, trastornos músculo-esqueléticos na columna ou infección de ouriños son algunhas das enfermidades máis recorrentes no sector. "As asociacións de mulleres do mar calculan que o 90 % das enfermidades profesionais deste colectivo son catalogadas como comúns, cando o 80 % son derivadas do seu traballo", apunta.

Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia
Mariscadores e mariscadoras apañando ameixa e berberecho na Ría de Muros e Noia | Fonte: Liliana Solís - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta