Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/10/2023 | Actualizada ás 17:10
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou a xestión económica da Xunta e a súa "pasividade" ante a "perda de capital galego" en empresas "buques insignia" de Galicia.
Así o sinalou na súa visita á Feira Conxemar, que se celebra desde este martes en Vigo, e antes de reunirse con traballadores de Nueva Pescanova, que se atopan en plena negociación dun expediente de regulación de emprego (ERE) que implicará o despedimento de máis de 80 persoas.
Formoso lamentou a "falta de xestión" tanto do expresidente do Goberno autonómico Alberto Núñez Feijóo, como do actual presidente, Alfonso Rueda, porque, ao seu xuízo, provocou a perda de capital galego en empresas de sectores estratéxicos da economía, do mesmo xeito que podería ocorrer con Nueva Pescanova.
Neste sentido, lembrou casos como os do Banco Pastor ou Caixanova, que na actualidade forman Abanca e está en mans dunha empresa de Venezuela. "Galicia tampouco conta cun referente no sector enerxético como foi Unión Fenosa, hoxe presa de fondos de investimento estranxeiros, así como nas telecomunicacións, onde R fala galego nos seus anuncios, pero é de capital de fondos estranxeiros", explicou.
Formoso apoiou aos traballadores de Nueva Pescanova no proceso de negociación dun ERE que afrontan como "vítimas" dunha medida "inxusta" derivada da mala situación económica do grupo. Para el, esta medida é consecuencia da "falta de política industrial" da Xunta, que "fracasa" á hora de ofrecer alternativa ao talento galego.
REBAIXA NA COMPRA DE VEHÍCULOS
O responsable socialista tamén criticou a medida "á desesperada" de Rueda, respecto da baixada de impostos na compra dun vehículo de segunda man. "A cidadanía non vai variar o seu voto por un chándal que ofreza Alfonso Rueda ou pola rebaixa na compra dun vehículo de segunda man", indicou en alusión os últimos anuncios "preelectorais" do presidente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.