Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2023 | Actualizada ás 18:46
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Gonzalo Muíños, asegurou que a reunión da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "non achegou nada relevante á cidade".
"Unha reunión que leva anunciando durante máis dun mes e da que esperabamos máis, porque a realidade é que este encontro non achegou nada relevante para a cidade, nada de compromisos, só estudos", denunciou o socialista nun comunicado.
O portavoz dos socialistas afea a Sanmartín a súa "nula capacidade de presión" á vez que critica a "falta de compromiso" de Alfonso Rueda con Santiago. "Non souberon estar á altura da cidade", afirma Muíños, que recoñece avances na definición do que é vivenda baleira, aínda que dubida das condicións nas que se fará esa definición".
Muíños insiste no "non" que recibiu a alcaldesa fronte aos "anuncios triunfalistas": "O presidente da Xunta dixo non a incrementar a achega para o Servizo de Axuda non Fogar, non á nova sede da Escola Oficial de Idiomas, non a máis fondos para a Edar, non a construír vivenda pública, non ao centro de día de Fontiñas, non ao centro de saúde de Conxo e non ao conservatorio de danza", denuncia o edil socialista.
Os socialistas tamén cuestionan o estudo que solicitan desde a Xunta para buscar solucións á falta de taxis: "Abonda con que o presidente tente conseguir un taxi durante a celebración dalgún congreso ou en período vacacional para que se de conta de algo que é evidente", sinala Muíños.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.