Marta Lois: "A amnistía é unha solución ao conflito catalán, como no seu día foron os indultos"

No ámbito galego, Marta Lois reivindicou o papel que terá Sumar Galicia fronte "á parálise do Partido Popular" na Xunta e asegurou que están "a traballar" na construción deste espazo, pero descartou pronunciarse sobre se ela será candidata.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, mostrouse convencida de que España terá "un Goberno progresista" á vez que afirmou que "cada vez máis" en Cataluña e no conxunto do Estado "enténdese que a amnistía é unha solución" ao conflito catalán.

A vicepresidenta segunda en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz (i), e a portavoz parlamentaria de Sumar, Marta Lois (d), ofrecen unha rolda de prensa, no Congreso dos Deputados, a 21 de agosto de 2023
A vicepresidenta segunda en funcións e líder de Sumar, Yolanda Díaz (i), e a portavoz parlamentaria de Sumar, Marta Lois (d), ofrecen unha rolda de prensa, no Congreso dos Deputados, a 21 de agosto de 2023 | Fonte: Alejandro Martínez Vélez - Arquivo

Nunha entrevista concedida a 'A Xanela Galicia' da Cadena Ser, a política galega advertiu de que o futuro Goberno de Pedro Sánchez pasa por "unha gran axenda social de avances en dereitos e políticas útiles para a xente", como reclama Sumar. "Sumar, neste momento, o que quere é que o Partido Socialista estea en disposición de negociar esa axenda social", dixo Lois.

Sobre a posibilidade dunha lei de amnistía, a portavoz de Sumar mostrouse a favor de "falar de construción dun proceso de diálogo" e de "chegar a acordos co tema dunha eventual, unha futura, lei de amnistía", alegando que "os conflitos políticos necesitan solucións políticas".

"Creo que, cada vez máis, en Cataluña e no conxunto do Estado, enténdese que a amnistía é unha solución, como no seu día, no anterior mandato, na anterior lexislatura, foron os indultos", dixo Lois. Xa no ámbito galego, Marta Lois reivindicou o papel que terá Sumar Galicia fronte "á parálise do Partido Popular" na Xunta e asegurou que están "a traballar" na construción deste espazo.

"Sumar Galicia leva tempo traballando de maneira discreta, de maneira organizativa e, en breve, teredes noticias tamén desa fase máis programática e da elaboración dun programa para presentarnos ás eleccións galegas", dixo Lois, que se mostrou "convencida" de que a formación "estará preparada como forza política para presentarnos cando se convoquen as eleccións en Galicia". Con todo, descartou sinalar se ela será candidata, como apuntan algunhas voces, destacando o "orgullo" do papel que representa no Congreso. "Creo que non toca de momento falar de candidatos ou candidatos á presidencia da Xunta", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta