División entre os sindicatos tras o acordo da ratio de alumnado; a CIG anuncia folga

CCOO, ANPE e UGT celebran este pacto porque supón "un comezo" para a recuperación de dereitos. A CIG, que non o asinou, anuncia folgas na educación.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 11/10/2023 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o encargado de asinar este mércores cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT o acordo de redución do número de alumnos por aula e do horario lectivo a partir do curso que vén nos centros públicos e concertados de Galicia. A CIG, principal organización entre os traballadores educativos galegos, non ratificou o documento por velo insuficiente e promove unha folga para o próximo 24 de outubro.

O acto de firma celebrouse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e contou tamén coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen se referiu a este "acordo histórico" como un "punto e seguido" para "mellorar" as condicións laborais dos docentes e, polo tanto, o sistema educativo galego.

Rodríguez felicitou non só aos tres sindicatos asinantes pola súa "responsabilidade" e "altura de miras", senón tamén ao equipo negociador da Xunta, encabezado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o subdirector xeral de Recursos Humanos, José Luís Canosa.

Aínda que destacou a presenza do presidente, foi o conselleiro o encargado de manifestar a satisfacción da Administración. "Estamos francamente contentos, pero conscientes de que isto é unha avaliación continua e que hai que seguir traballando", dixo.

Ademais, Rodríguez lembrou como "todas as partes, como en calquera negociación", tiveron que ceder nas súas pretensións e buscar "puntos de encontro" para poder asinar este documento final. "Pensouse en Galicia, pensouse no interese xeral, na educación e no futuro. É un acordo que, aínda que podemos pensar que se concretiza no presente, serve para adiantarnos ao futuro", sentenciou.

PARA OS SINDICATOS, "UN COMEZO"

Neste acto, tamén tomaron a palabra os representantes dos tres sindicatos asinantes. Desde CCOO, José Manuel Fontes destacou as "moi importantes" baixadas de cocientes por aula e horario lectivo que se implementarán "xa o próximo curso, de forma inmediata".

O presidente de ANPE en Galicia, Julio Díaz, celebrou que levaban esperando "moitísimo tempo" por un acordo deste tipo. Iso si, puntualizou que é "un comezo" para seguir nesa "boa liña" de melloras para os docentes, xa que aínda "queda sen desenvolver" unha maior redución das horas de clase á semana.

Pola súa banda, a responsable de UGT-Ensino, Sandra Montero, reivindicou este acordo como un "camiño para unha mellora e unha recuperación" de dereitos laborais do profesorado en Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na firma do acordo de cocientes con José Manuel Fontes (CCOO), Xullo Díaz (ANPE) e Sandra Montero (UGT)
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, na firma do acordo de cocientes con José Manuel Fontes (CCOO), Xullo Díaz (ANPE) e Sandra Montero (UGT) | Fonte: XUNTA - Europa Press

CIG OPONSE

Pola súa banda,  CIG-Ensino, principal sindicato na educación galega, despregará unha "intensa" campaña contra o acordo. A central nacionalista chama a todo o profesorado galego a secundar o vindeiro martes 24 de outubro a folga convocada contra este "acordo da infamia" que culminará cunha manifestación en Santiago de Compostela. Partirá de Praza de Cervantes ás 12,00 horas, tal e como informa a CIG nun comunicado.

O sindicato pide á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que "rectifique" e que mellore o documento final, que contempla baixadas do número de alumnos por aula a implantar paulatinamente a partir do curso 2024/25 --empezarase por 4º de Infantil-- e a redución da carga lectiva, de 25 a 23 horas semanais, en Infantil e Primaria.

O sindicayo maioritario insiste en que as propostas iniciais da Consellería foron "insultantes" e que as demandas que finalmente se introduciron foron froito dunha "trama". Ao final, as cuestións do horario lectivo contémplanse de forma "inasumible" --as 23 horas en Infantil e Primaria seguen estando por encima das 21 que había antes de 2011-- e froito de "unha chantaxe" porque "se non se asina non hai garantía de que se aplique".

"É dicir, o profesorado foi empregado como refén de intereses partidistas do PP e duns sindicatos que prefiren renunciar á mobilización e deixar tirado ao profesorado nas reclamacións que ata hai 10 meses estaban nos programas das eleccións sindicais e que na propia negociación trazáronse como liñas vermellas", critica a CIG.

CONTIDO DO ACORDO

O acordo farase de maneira paulatina, empezando o próximo curso 2024/25 por 4º de Infantil (3 anos), onde o máximo de nenos por cada clase pasará dos 25 actuais a 20. Para o seguinte ano académico, o 2025/26, implantarase este cociente en 5º de Infantil (4 anos) e así será, de maneira sucesiva, ata que no curso 2032/33 chegue a 6º de Educación primaria.

O documento contempla tamén a baixada dos cocientes en ESO e Bacharelato a 25 e 30 alumnos, respectivamente, pero o seu calendario de aplicación queda posposto ata que finalice a implantación en Infantil, é dicir, en torno ao ano 2027.

HORARIO LECTIVO E AUMENTOS RETRIBUTIVOS

En canto ao horario lectivo, o acordo contempla a súa diminución en Infantil e Primaria de 25 a 23 clases semanais para o profesorado. A posibilidade de que esta medida chegue a ESO e Bacharelato, que actualmente contan con 21 horas, estará vinculado á negociación que a Xunta emprenda para establecer a xornada de 35 horas semanais para todos os empregados públicos autonómicos.

Esta é a principal cuestión que esixían todos os sindicatos que se introducise na negociación como 'liña vermella'. CCOO, ANPE e UGT recoñecen que lles gustou chegar máis aló e volver á situación anterior ao 2011, cando a Xunta elevou a carga lectiva de 21 a 25 horas en Infantil e Primaria, e de 18 a 21 en ESO, Bacharel e FP.

O documento asinado este mércores na Cidade da Cultura tamén recolle aumentos retributivos. En primeiro lugar, elevaranse os sexenios por formación permanente un 5% durante tres anos, ata totalizar un 15% desde o 1 de xaneiro de 2026. Pasados seis anos, esixirase que os profesionais conten co nivel B1 de competencias dixitais.

Tamén subirá o complemento polo desempeño de funcións de goberno --como de dirección-- e de inspección educativa, de ata 60 euros desde 2026. Da mesma maneira, farase de forma graduada: o ascenso será de 20 euros durante durante tres anos. En canto ás funcións de titores, incrementaranse un 20%: un 10% en 2025 e outro 10% en 2026.

OUTROS PUNTOS

Outro dos compromisos da Xunta que asinou cos sindicatos CCOO, ANPE e UGT é a elaboración dun plan de simplificación de tarefas burocráticas do profesorado. En concreto, constituirase un grupo de traballo este curso 2023/24 e a intención é que as medidas se implanten no curso 2024/25.

Os últimos puntos do acordo inclúen a posibilidade de realizar reunións telemáticas nos órganos de coordinación docente, sempre que así o decida o claustro ou o órgano convocante, así como incrementos nos reintegros das axudas por formación, que se multiplicarán por dúas, e a regulación das licenzas por formación non retribuídas.

RUEDA FALA DE "ACORDO HISTÓRICO"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou o "acordo histórico" asinado este mércores co obxectivo de "sentar as bases no ensino en Galicia para a próxima década". De feito, todas as medidas que inclúe quedaron aprobadas polo Goberno galego a fin de que se incorporen nos orzamentos para 2024, que proximamente se remitirán ao Parlamento.

Rueda pronunciouse respecto diso na súa comparecencia tras a reunión semanal do Consello da Xunta, celebrada despois dun acto na Cidade da Cultura no que el mesmo plasmou a súa firma no documento xunto coas dos representantes das mencionadas organizacións. A CIG, principal forza sindical, non o ratificou e convocou unha folga para o martes 24 de outubro.

O presidente destacou que "todos os sindicatos, menos un", asinaron este pacto que, aínda que non debe servir para "conformarse" na mellora do ensino público, si supón "un paso importante" para o que todas as partes da negociación tiveron que "ceder" nas súas posturas.

O groso do acordo pasa pola redución paulatina do número de alumnos por aula. Isto implicará, dixo Rueda, unha educación "máis excelente e personalizada" ao alumno. Tamén impactará na "atención á diversidade", dado que aqueles nenos con necesidades especiais (por presentar un grao de discapacidade ou dependencia) contarán dobre ou triplo á hora de computalos para establecer os cocientes.

Ademais, o mandatario autonómico destacou que o acordo prevé a elaboración dun plan para reducir a carga burocrática dos docentes. O obxectivo é que estes profesionais se dediquen a "a que é a súa verdadeira vocación": ensinar. O documento final tamén contempla a redución de 25 a 23 as horas de clase á semana en Infantil e Primaria desde o próximo curso, así como subidas retributivas nos complementos por formación, por labores de dirección e por tutorías, entre outros asuntos. "Os que saen beneficiados son os profesionais e, en xeral, o sistema de ensino público en Galicia", resumiu.

O SINDICATO DE PROFESORES STEG SÚMASE Á FOLGA

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) rexeita o acordo de redución de cocientes e horario lectivo asinado este mércores pola Xunta e tres das catro organizacións na mesa sectorial docente (CCOO, ANPE e UGT). Por iso, sumarase á convocatoria de folga xeral no ensino que xa anunciou a CIG.

A través dun comunicado, STEG (que non forma parte da mesa sectorial, pero si conta con representantes nas mesas de persoal) lamenta que se dea por bo un documento "tan pobre" que tardou "nove anos" en proporse. Así, dubidan de que poida repercutir "en algo na calidade do ensino público".

"Quen gaña aquí non é o ensino público. Quen gaña é a Xunta do PP, que hoxe avanza na súa manobra de descoido de parte da comunidade educativa e, a ollos da opinión pública, fortalece a súa posición cando o único que fixo nestes últimos 13 anos foi desmantelar", censura esta central.

Neste contexto, STEG mostra "total predisposición" a colaborar coa CIG (principal sindicato entre os docentes galegos e único da mesa sectorial que non asinou o acordo) para promover esta folga: "É máis o que nos une que o que nos separa na loita polos dereitos dos traballadores do ensino público".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta