17.000 persoas pasaron por Expourense para gozar de Xantar 2023

Este pasado domingo, 5 de novembro, pechou as portas a 24ª edición deste foro internacional de turismo gastronómico. Un certame con bastantes novidades que, en palabras do seu director, Rogelio Martínez, "viñeron para quedar".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 07/11/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Xantar 2023 presentouse este ano con novidades como a entrada gratuíta, a zona de tapas, os concertos ou a duración de 4 días (en lugar de 5), iniciativas que tiveron boa acollida por parte do público.

Xantar 2023 no recinto feiral de Expourense. Foto: Prensa Expourense.
Xantar 2023 no recinto feiral de Expourense. Foto: Prensa Expourense.

En total o salón rexistrou 17.000 visitas durante os catro días de celebración do salón. O director da feira, Rogelio Martínez, agradeceu aos 100 expositores de 5 países e aos 5 restaurantes (os 4 tradicionais máis o de “Xantar Tapeando”) por celebrar unha edición de “moi alto nivel” destacando o feito que esta cita “é xa moito máis que un lugar onde vir comer ou cear menús completos e de calidade. É un punto de encontro profesional e persoal, un lugar onde vir descubrir, aprender, compartir, participar, gozar e probar o que nos ofrecen os expositores e as actividades”.

Cómpre destacar a alta participación nas 140 actividades que propoñía o programa desta edición xa que todas completaron o aforo permitido. En total, máis de 5.000 participantes visitaron ás 2 aulas gastronómicas e á aula de cata comentada. O acto de clausura do domingo estivo presidido polo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, que destacou os beneficios para a saúde da dieta atlántica baseada nos produtos de calidade do campo e do mar de Galicia que se preparan por normal xeneral de forma sinxela para manter o seu valor nutritivo.

O derradeiro día do evento foi o día dedicado ao Medio Rural, xornada representada polo director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria – AGACAL, José Luis Cabarcos, que destacou que “Xantar é unha excelente plataforma de promoción internacional dos produtos agroalimentarios de calidade de Galicia”. A consellería do Medio Rural non só participa como expositor na feira, senón que facilita que pequenos produtores poidan promocionarse e vender os seus produtos ante os visitantes.

Houbo un Túnel do Viño de Galicia, no que estaban representadas 59 adegas das 5 denominacións de orixe de Galicia que ofrecían un total de 104 referencias, e organizouse  un taller de cociña diario e catas comentadas que presentaron as denominadas “Experiencias de Calidade”.

Como en cada acto central desta edición, a Deputación Provincial de Ourense estivo representada. Na clausura do certame o seu vicepresidente, César Fernández, destacou que Xantar é un “evento necesario para promocionar desde Ourense a excelente calidade dos nosos produtos, da nosa restauración e das nosas festas gastronómicas”.

VINDEIROS EVENTOS EN EXPOURENSE

A actividade feiral retómase xa do 16 ao 19 de novembro coa celebración do 14º Salón do Automóbil (Vehículo Novo) que continuará do 23 ao 26 coa celebración do salón do Vehículo de Ocasión.

Xa entre o 29 de novembro e o 1 de decembro celebrarase unha nova edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo, que xa terá a pista de atletismo instalada dando así paso á tempada e actividade deportiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta