En Galicia todo ten nome, dende leiras ata penedos, e o proxecto 'Galicia Nomeada' loitará para que non se perdan

Nunha comunidade como a nosa, na que se calcula que pode haber uns 2 millóns de microtopónimos, uns 50 de media por cada quilómetro cadrado, "hai moitos que só perviven na memoria dos nosos avós e avoas, que nos van deixando e, con eles, morren centros de nomes", lamenta Vicente Feijóo, coordinador técnico do proxecto 'Galicia Nomeada' e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG).

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/11/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Galicia é terra de alcumes. Os galegos temos nomes para todo e para todos. Calquera veciño non é coñecido só como Manolo, senón por Manolo o do Afiador, ou ben por O Ourellas. De igual xeito, os lugares que pisamos non son só outeiros, senón o outeiro da Ra, o outeiro do Moucho... O mesmo ocorre no caso das leiras: a leira dos Muíños, a do Cura, a da Eirexa... Os galegos somos así, gústanos ter un nome familiar para todo, aínda que, por desgraza, cada vez se vai perdendo máis esta forma tan nosa de nomear. As novas vilas e as cidades que se expanden xa non conservan eses nomes dos nosos avós e bisavós, e usan nomes de políticos ou doutras personalidades para referirse ás rúas. Por iso, o noso patrimonio inmaterial estase perdendo a pasos axigantados e, se ninguén o evita, cando os máis anciáns morran, xa nada quedará, pois moitos deses nomes só viven na súa memoria.

Nivel de detalle do mapa de Galicia Nomeada nunha aldea do concello coruñés de Rois
Nivel de detalle do mapa de Galicia Nomeada nunha aldea do concello coruñés de Rois | Fonte: Galicia Nomeada

Para tratar de evitalo, xorde o proxecto 'Galicia Nomeada', no ano 2019, que se materializa tanto a través dunha web como dunha aplicación móbil, dispoñible para a descarga. O obxectivo principal desta iniciativa é o de salvagardar todos eses microtopónimos que, co abandono do rural e a expansión das cidades, entre outros motivos, se están a perder, pervivindo só na memoria dos máis maiores. "Dicían cando xurdiu a iniciativa que poderiamos salvagardar dous millóns de topónimos, nunha Galicia que estimamos que ten 50 topónimos por quilómetro cadrado, fronte a outros lugares de España, como pode ser a Comunidade Valenciana, onde só hai 5 topónimos por quilómetro cadrado", conta Vicente Feijóo, coordinador técnico do proxecto e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), que explica que mesmo "en concellos como Cangas chegáronse a rexistrar 170 topónimos por quilómetro cadrado". "Se Galicia ten 30.000 quilómetros cadrados, teriamos só na terra un millón e medio de topónimos, aos que deberían sumarse medio millón das zonas de costa, onde hai moitas rochas dende A Guarda ata Ribadeo", expón.

Así, entrando na web e creando unha conta os usuarios poden contribuír a golpe de 'click' incorporando no mapa os topónimos da súa zona dos que se lembren. Hai concellos que xa están máis explorados que outros, como pode ser o caso de Rois, onde hai un total de 7.000 microtopónimos introducidos, pero hainos que aínda precisan de novas incorporacións, como é o caso do seu veciño, Padrón, onde só hai 200 topónimos introducidos. "Precisamos que a xente se involucre", afirma Feijóo. Nestes momentos Galicia Nomeada conta xa con 32.124 contas de colaboradores, "usuarios serían moitos máis, porque detrás dalgunha conta pode haber un colexio, e todos os alumnos subirían os topónimos na mesma conta". En total, fixéronse xa 68.319 achegas.

O método de funcionamento é moi sinxelo. Cando se quere incorporar un topónimo, dáselle a engadir no mapa e cúbrese unha ficha, na que se marca de xeito aproximado ou detallado (segundo se queira) a súa ubicación; nesa ficha que se cubre, tamén se poden meter audios coa pronunciación e con imaxes da zona en cuestión. Despois, toda a información pasará por un proceso de avaliación e comprobación por parte dos expertos da RAG e, finalmente, quedará publicada no mapa. Ademais, na web hai un 'podium¡ cos nomes das contas que máis nomes aportaron: Iván Sestay, un filólogo da zona de Arousa leva xa 16.925 topónimos recollidos, a maioría a través de mariñeiros; o IES Pintor Colmeiro de Silleda leva 1.540; e o Concello de Allariz incorporou 1.317. Por defecto, na aplicación trabállase cunha fotografía do ano 2020, pero pronto se incorporará a de 2022, cun nivel de 'zoom' aínda máis detallado.

"AOS GALEGOS OS NOMES ÚNENNOS AFECTIVAMENTE AOS LUGARES"

Web de Galicia Nomeada co mapa onde se poden engadir os topónimos
Web de Galicia Nomeada co mapa onde se poden engadir os topónimos | Fonte: Galicia Nomeada

Chegados a este punto, é interesante coñecer que é a toponimia como tal. A toponimia é a ciencia que estuda os nomes propios dun lugar e, como di Vicente Feijóo, "todos os lugares de Galicia teñen nome propio". "Hai moitos que se repiten, como O Outeiro ou A Igrexa, pero para non confundilos o que fixemos os galegos foi porlles apelidos implícitos, co nome da parroquia á que pertencen (O Outeiro de Covas ou A Igrexa de Montes) e, se con iso aínda non chegaba e había dúas parroquias que se chamaban igual, poñíaselle 'De Arriba' ou 'De Abaixo' (O Outeiro de Covas de Arriba)", exemplifica o experto da RAG. Isto é o mellor reflexo de que "para os galegos os topónimos son algo máis que un nome propio dun lugar, porque únenos a eses nomes un sentimento de afectividade", tanto é así que "polo mundo hai centos de emigrantes que se poden esquecer de moitos nomes, pero dos da súa terriña nunca se esquecen".

Por iso este proxecto da Galicia Nomeada está a ter tanto éxito, porque, como afirma Feijóo, "esperta a curiosidade de todas as persoas, que nos preguntan de onde vén o nome da súa aldea, do río ou dos prados onde ían cas vacas de pequenos". Aí é onde radica a diferenza entre macrotoponimia e microtoponimia. A macrotoponimia son os nomes de provincias, comarcas, concellos, parroquias e aldeas de Galicia oficializados no 'Nomenclator' de Galicia, libro dispoñible na web coa toponimia oficializada dende 2003, competencia da Xunta, aínda que culturalmente é levada tamén pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Consellería de Cultura. Dende o Seminario de Onomástica da RAG levan xa un tempo traballando na súa actualización para poder retrotraer os topónimos ás súas formas históricas, que se foron perdendo en moitos casos co paso do tempo.

Como di Feijóo, "isto non vai gustar a todo o mundo", pois exemplifica que na nova versión do 'Nomenclator' o concello da Cañiza pasaría a ser A Caniza, pero "os veciños e alcaldes non queren". Do mesmo xeito, "Manzaneda, un castelanismo, habería que cambialo por Maceda, pero como se leva mal co concello veciño da Pobra de Trives non quere chamarse Maceda de Trives". Así, o experto evidencia que "ás veces atopámonos con reticencias tanto por parte da veciñanza como dos alcaldes, que se resisten a oficializar estes topónimos". Tamén hai outros nomes aos que lles faltan os artigos dos que deben ir precedidos.

Ademais, a norma galega di que 'os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega', algo que considera de "suma importancia", xa que "os nosos topónimos só teñen unha forma, non coma no caso de Cataluña ou País Vasco, onde teñen dúas formas oficiais, por exemplo Vitoria-Gasteiz". "O problema é que durante os séculos escuros moitos castelanizáronse e agora debemos devolvelos á forma galega", demanda, avogando por acudir ao 'Nomenclator' sempre que haxa dúbidas, tamén naqueles lugares coa eterna teima entre o 'b' e o 'v', como Ribeira/Riveira ou Lestrobe/Lestrove (en ambos casos a forma correcta e con 'b').

CONTINUADOR DO PROXECTO 'TOPONIMIA DE GALICIA', PARALIZADO NO 2012

Por outra banda, a microtoponimia está formada polos nomes que os nosos antepasados lle deron ás leiras, ás fontes ou aos regatos. "En Galicia todo ten un nome e esa microtoponimia estase a perder, sendo o noso deber salvagardalo entre todos dalgunha maneira", pide Feijóo. Para logralo, entre os anos 2000 e 2011 activouse un proxecto que dependía da Xunta, financiado por todas as Consellerías, chamado 'Toponimia de Galicia'. Nel, filólogos ían ás aldeas galegas, quedaban con xente maior e, a través de fotografías aéreas, pedíanlles que lles identificasen as leiras polo seu nome. Chegaron a recoller 400.000 microtopónimos neses anos. Converteuse nun referente a nivel estatal e Cataluña e País Vasco interesáronse por facer o mesmo. Con todo, en 2012 a Xunta paralizouno. Vicente Feijóo, coa teima de recuperalo, logrou en 2019, "despois de petar a moitas portas e despois de conseguir unha subvención da Unión Europea para facer unha app", poñer en marcha 'Galicia Nomeada'.

E é que sería unha pena que se perdese a densidade de nomes que temos no noso territorio, inigualable. "Unha densidade de nomes que só vive na memoria dos nosos maiores, nin sequera recollida no catastro, e que se non a recollemos agora, dentro de trinta anos será tarde", expón Feijóo, que asegura que "son nomes que nos contan a historia da vida da xente que poboou as nosas terras, por iso é tan importante salvagardalos". O proceso de expansión do ser humano está facendo que moitas leiras xúntense nunha para a construción de edificacións é, por tanto, se perdan os seus nomes individuais. O experto fai referencia a un traballo realizado no barrio vigués de Coia, onde ao ensinarlle aos máis maiores o supermercado Alcampo, estes lembrábanse perfectamente de que na zona onde se vendían macarróns había unha leira que se chamaba dun xeito e onde estaba o peixe outra que se chamaba doutro. E é que vendo a zona nunha foto do ano 1956, Coia era todo leiras e todas estaban traballadas, por iso había tantos nomes dentro do propio Alcampo. 

Isto acontece non só na terra, senón tamén no mar. "Temos unha enorme toponimia no mar", asegura Feijóo, que explica que "recollemos a microtoponimia das Illas Cíes e foi unha regalía descubrir como sete ou oito quilómetros mar adentro tiñan nome todas as pedras, habendo unha que se chamaba Sardeiros en recordo dun barco que naufragara alí e outra que era A Asubieira porque ao bater as ondas contra ela semellaba que asubiaba", expón. E nestas zonas do mar, afirma que "eses nomes corren máis risco de desaparecer que nas zonas do interior, porque no mar moitas veces hai un único mariñeiro que sabe os nomes da zona onde el faenaba, porque usaba as pedras como marcas de navegación, nun tempo no que non había GPS e onde os vellos mariñeiros contaban con esas marcas que poñían nun punto da costa para saber que alí podían pescar ben". Así, ás pedras redondeadas chamábanlles o primeiro collón, o segundo collón... para marcalas; e ás que eran puntiagudas chamábanlles a primeira mama, a segunda mama...

"OS MEUS FILLOS NON VAN APRENDER OS SITIOS ONDE MEU PAI ÍA CAS VACAS"

A peculiaridade de Galicia neste sentido é tal que "todos os toponimistas europeos destacaron que temos nomes referidos ao tipo de vexetación dos lugares, dos animais salvaxes que os habitaban, dos donos das terras, dos tipos de cultivo e ata ao amor, que motivou moitas veces nomes como as penas dos namorados, que están espalladas por todo o país adiante, do mesmo xeito que os nomes dos nosos seres míticos por excelencia, os mouros".

Ademais, outra das características dos nosos topónimos é a súa antigüidade, porque hai moitos nomes que se conservan que son de orixe prerromano, como acontece no caso da parroquia de Herbón, no concello de Padrón, que é un nome prerromano moi antigo, ao igual que o propio da comunidade, pois Galicia tamén é un nome con moita antigüidade. Lamentablemente, non foi ata fai ben pouco, ata o pasado 2016, cando por primeira vez na historia de Galicia se citou á toponimia como patrimonio cultural inmaterial da nosa terra, como un ben a preservar coa mesma importancia que a lingua e as tradicións orais.

E é que "todo este patrimonio estase perdendo, entre outras razóns, polo abandono das tarefas agrícolas e gandeiras". Feijóo recorda que "cando eu era neno, meu pai mandábame coas vacas a sitios polo seu nome e eu tiña que saber chegar, pero os meus fillos xa non van aprender eses nomes porque xa non van ir coas vacas, entre outras cousas, porque en moitos concellos non quedan nin vacas, así que toda esa sabiduría non se transmite". Ademais, apunta á concentración parcelaria, que "fai que desaparezan centos de nomes, pois onde antes había tres leiriñas só queda unha enorme hoxe que conserva un nome que sería escollido pola concentración parcelaria, seguramente sen ser o máis rico dos que había".

Outro problema é que "nas serras non hai catastro, só os pastores coñecían os nomes", afirma o experto da RAG, que conta que entre os anos 2000 e 2001 traballou na serra do sureste ourensán e recolleu máis de 20.000 topónimos a base de ir cos pastores: "A pesar de que se consideraban a eles mesmos como analfabetos, cada pastos tiña na cabeza entre 200 e 300 nomes que non aparecían en ningún catastro; e todos os meus informantes tiñan entre 80 e 90 anos, así que se daquela non tivese recuperado a información, hoxe xa sería imposible". 

ESTÍMASE QUE HAI 1.900 ALDEAS DESPOBOADAS, PERO PODERÍAN SER 7.000

Así as cousas, estímase que na actualidade hai en Galicia unhas 1.900 aldeas deshabitadas, pero a realidade é que, tendo en conta os seus microtopónimos, poderían ser máis de 7.000, porque dende a RAG "temos recollidas aldeas formadas só por unha ou dúas casas que o Instituto Nacional de Estatística non contempla". Nesas aldeas, por desgraza, "está chegando xente de fóra a comprar para adicalas ao turismo rural e pretenden poñerlle nomes en inglés, cando tiveron nome de seu durante séculos, pero claro, nunha aldea deshabitada non hai quen o recorde". "Os nosos avós e avoas vannos abandonando e, con cada un que nos deixa, vanse centos de nomes que só eles teñen na cabeza, do mesmo xeito que coplas, cantigas ou lendas", lamenta Feijóo, que, por iso, cando vai aos colexios a dar charlas "sempre lles digo aos rapaces que lle pregunten aos seus avós por estas cousas, porque van aprender moitísimo". En moitas cidades costeiras, como é o caso de Vigo, a onde emigran vivir os mozos, "créanse novas urbanizacións constantemente que sepultan terras con nome e, en lugar de preservarse, as rúas reciben nomes honoríficos ou simplemente números", lamenta o experto. 

Galicia é un caso moi particular e sería unha pena que deixase de selo. "O noso territorio está poboado dende tempos inmemoriais, e por iso contamos cun terzo das entidades de poboación de toda España, porque aquí un grupo de casas que estea aquí e outro cincuenta metros máis aló non é unha única entidade, aínda que hoxe en día poida parecer que si", reivindica Feijóo. Ademais, a orografía da nosa terra tamén contribue a iso, pois "somos o país dos mil ríos, con outros tantos montes, como dicía Álvaro Cunqueiro, así que os nosos antepasados poñíanlle nome aos outeiros e ás terras nas que cultivaban, mentres que no caso de Castela, por exemplo, onde todo é cha e se ve a centos de quilómetros dende un mesmo punto, un único nome vale para designar hectáreas e hectáreas de terreo". Así mesmo, houbo un tempo no que se deu en Galicia un minifundismo excesivo, de maneira que "no catastro do Marqués da Ensenada houbo un momento no que cada leiriña tiña un nome distinto". 

Aldea Canexol nas illas Ons
Aldea Canexol nas illas Ons | Fonte: Surfing the Planet - Arquivo
A aldea prerromana de Piornedo, declarada BIC
A aldea prerromana de Piornedo, declarada BIC | Fonte: CARLOS CASTRO - Arquivo
Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios
Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta