Rueda apunta a Besteiro tras os pactos de Sánchez: "Deu o seu visto e prace aos prexuízos para Galicia"

O presidente galego insiste que pedirá explicacións a Sánchez na Conferencia de Presidentes pero recoñece que lle gustaría que houbera ministros galegos no seu executivo que "miren pola terra".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/11/2023 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

As eleccións galegas están xa a tiro de pedra. Con toda probabilidade serán na vindeira primavera. Quedan poucos meses e o rebumbio creado tras o acordo de goberno de Pedro Sánchez cos independentistas dálle munición, moita munició,n a Alfonso Rueda de cara a eses comicios. De feito, un dos seus rivais políticos, o socialista José Ramón Besteiro, está xa no centro da diana.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda e o novo candidato do PSdeG en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro /Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda e o novo candidato do PSdeG en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro /Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo / Europa Press

O pasado domingo, nas manifestacións convocadas polo PP para protestar polos pactos de Sánchez, xa se escoitaron berros en contra do candidato do PSdeG as eleccións galegas. Preguntado por isto, Rueda non só non os criticou, senón que atacou directamente a Besteiro por ser cómplice deses acordos. "Non sei se debería demitir pero el formou parte da comisión negociadora e o que se acordou con respecto a Cataluña ten o seu visto e prace, igual que os prexuízos que supón para Galicia", respondeu ao tempo que criticou a "guerra de fotos" que tivo co BNG sobre o pacto con este partido.

OFENSIVA

Con todo, a investidura e os pactos de Sánchez abren novas posibilidades de enfrontamento entre Galicia e o Goberno de Madrid e, polo tanto, supón máis munición para a campaña das galegas. Por iso, Rueda anunciou xa unha ofensiva contra o Executivo central e pediu a convocatoria da Conferencia de Presidentes para que Sánchez explique os pactos cos independentistas

Nesta xuntanza Rueda ten a intención de darlle a coñecer ao presidente español as necesidades de Galicia tras comprobar que durante o debate de investidura as referencias a Galicia foron "escasas" ou "incorrectas", dixo en alusión a que Sánchez mesmo se confundiu sobre o número de hospitais ou escolas infantís que hai no noso país. "Falou sen coñecemento é porque o seu compromiso con Galicia e prácticamente nulo", engadiu.

"O presidente fixo oposición aos que van ser oposición para tentar esconder as concesións a independentistas. Foi unha baixada de ollos e dando todo por bo a pesar das advertencias de Junts. Os independentistas teñen o que queren e Sánchez o que quere e moitas autonomías pois sairemos perdendo porque se se reparte para unhas, non se lle dá a outras", apuntou.

Pero, preguntado se aceptaría o diñeiro de Madrid para rebaixar as listas de espera tal e como anunciou o líder do PSOE, Rueda foi rotundo: "por suposto que o aceptarei". ·Se ofrece axuda e colaboración, Galicia, será a primeira se con iso podemos mellorar as listas de espera".

MINISTROS GALEGOS

A pesar das críticas a Sánchez, o presidente galego recoñeceu que lle gustaría que houbera ministros galegos, "que exerzan de galegos", e teñan compromiso coa súa terra. "Agardo que non sexa só un cupo porque non sería boa noticia que non teñan apego a súa terra", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta