Educación cre que CIG e BNG "prefiren unha mala lea a un bo acordo" coa súa postura sobre o convenio educativo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, afeou a postura do sindicato CIG e do BNG sobre o novo convenio educativo, xa que entende que o seu rexeitamento evidencia que "prefiren unha mala lea a un bo acordo" como, di, é o alcanzado entre a Xunta e as organizacións CC.OO., UGT e ANPE.

Así respondeu á pregunta formulada pola deputada do BNG María Cristina Fernández Davila no pleno do Parlamento de Galicia celebrado este mércores, onde a parlamentaria nacionalista sentenciou que o acordo "non contenta a ninguén" como evidencia o seguimento "masivo" da folga celebrada hai semanas e a convocatoria de novos paros para a próxima semana.

O conselleiro reduciu o impacto da primeira folga "a un 15 %" do profesorado e acusou a CIG e BNG de "ningunear" e "desprezar" ás tres organizacións sindicais que asinaron o convenio educativo a través dunha negociación coa Xunta na que, di, "todas as partes" tiveron que "ceder" nas súas posturas.

Segundo o titular de Educación, trátase dun acordo "bo" para o ensino público galego porque reduce cocientes (cun horizonte temporal de 10 anos) e vai permitir "atender mellor" aos alumnos con necesidades especiais. Por iso, Rodríguez aseverou que CIG e BNG "quedaron totalmente fóra de xogo" e pretenden agora "facer ruído" porque "prefiren unha mala lea a un bo acordo".

Pleno
Pleno | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta