A Xunta pide ao Goberno "pasos adiante" na eólica mariña

Critica ao Executivo de Sánchez por non ter "en conta" as observacións de Galicia ao plan de ordenación do espazo marítimo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2023 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, pediu ao Goberno central "pasos adiante" para pór "en funcionamento" a enerxía eólica mariña, pero subliñou que, entre as "liñas vermellas" da Xunta, está a de "preservar" os recursos pesqueiros. Sinalouno tanto en declaracións aos medios de comunicación previas á súa participación nunha xornada de GOE-Asime sobre a eólica mariña como despois, durante a súa intervención. 

Lorenzana subliñou a "importancia do diálogo" e ratificou que a Xunta apoia "firmemente" o desenvolvemento da coñecida como eólica 'off shore', "pero coa compatibilidade dos recursos mariños, dos recursos pesqueiros". Por iso ten "aberto" un observatorio neste ámbito, "precisamente" porque quere que os profesionais do mar "sentan tranquilos respecto desa compatibilidade". "Esa é a clave para nós do desenvolvemento deste tipo de enerxía, que ten en Galicia unha importancia moi grande non só a nivel enerxético senón a nivel industrial", reiterou.

A conselleira falou da "relevancia para o desenvolvemento industrial deste tipo de enerxía" tanto "pola fabricación dos compoñentes" como por "a importancia das renovables para a baixada dos custos enerxéticos". Pola súa banda, reclamou á Administración Xeral do Estado "que colabore nese diálogo" e subliñou que "é fundamental a regulación que se está facendo por parte do Estado" e que "non está a contar coas achegas" do observatorio da Xunta.

ESPERANDO AUTORIZACIÓN

A preguntas dos xornalistas, Lorenzana indicou que é "moi importante que o estado desenvolva os concursos para poder levar a cabo ese desenvolvemento da eólica" e é "moi importante que o faga sempre falando con todos os sectores". Por unha banda, dixo estar "a esperar" que autorice unha plataforma experimental, toda vez "que xa hai unha autorizada en País Vasco, máis preto da costa, e ten requirimentos ambientais superiores". "Iso é fundamental para comezar a traballar", apuntou.

Doutra banda, instou ao Goberno central a "que desenvolva reglamentariamente a normativa necesaria para poder pór en funcionamento a eólica off shore". "Nós estamos preparados, temos ese observatorio aberto e imos apoiar totalmente ao Estado, pero agora está todo en mans deles", reiterou.

Ademais, comentou que a planificación actual "vai ao ano 2027" e advertiu de que "isto é moi curto" e "hai que adaptalo", pois se está "a piques de comezar 2024". Por iso é polo que avogase pola "actualización dese plan por parte do Estado" e o "desenvolvemento para comezar a explotación".

Eólica mariña / CTA - Arquivo / Europa Press
Eólica mariña / CTA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta