Terremoto de magnitude 3,3 rexistrado en Oroso séntese en Santiago e outras localidades da contorna

Segundo a listaxe de poboacións que recompila o Instituto Xeográfico Nacional, chegou ata a ría de Muros e Noia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2023 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

Un terremoto de magnitude 3,3, segundo a escala de Richter, rexistrouse na tarde deste xoves na localidade coruñesa de Oroso e deixouse sentir en Santiago de Compostela e outros concellos da contorna como O Pino.

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) informou do movemento sísmico a través da súa páxina web. Inicialmente trasladou que a magnitude fora do 3,6, aínda que posteriormente corrixiu o cálculo rebaixando a magnitude a 3,3.

O tremor produciuse ás 19,08 horas da tarde en Oroso, segundo se pode observar nos datos publicados. A súa profundidade foi de sete quilómetros, mentres que a latitude sitúase en 42.9844. A sacudida deixouse sentir con máis intensidade nas comarcas de Santiago e Ordes, aínda que chegou, segundo a listaxe de poboacións que recompila o Instituto Xeográfico Nacional, ata localidades da ría de Muros e Noia.

Páxina do Instituto Xeográfico Nacional.
Páxina do Instituto Xeográfico Nacional. | Fonte: Europa Press

En todo caso, o tremor notouse de forma leve e non tivo consecuencias. De feito, Álex Doval, alcalde da localidade de Oroso, epicentro do terremoto, trasladou a Europa Press que xusto no momento no que se produciu os dirixentes políticos do municipio estaban no pleno e apenas o percibiron. "Non nos decatamos de nada e non temos aviso algún de incidencias", indicou.

OUTROS TREMORES EN GALICIA EN DÍAS PASADOS

Ademais do de Oroso, a web que recolle a información sísmica do país reflicte que en días pasados rexistráronse outros tremores en Galicia. Por exemplo, en Becerreá rexistrouse unha sacudida de magnitude 2,2 o 27 de novembro, e en Lugo, un día despois, outro da mesma intensidade.Tamén na provincia de Ourense rexistráronse tremores en días pasados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta