Novos rexeitamentos a proxectos eólicos mentres se preparan protestas contra a política da Xunta en toda Galicia

A Consellería de Industria rexieta o marcroproxecto eólico na Limia, mentres que varios colectivos chaman a marchas o vindeiro 10 de nadal, Día das Montañas.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 05/12/2023 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

A Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de emitir a finais de outubro dous informes desfavorábeis a tres dos proxectos, así como á liña de evacuación, que conforman o macrocomplexo eólico denominado Cluster A Limia.A empresa xa enviara documentos iniciais ao Ministerio para la Transición Ecológica para a instalación de 49 aeroxeradores de 240 metros de altura e unha Liña de Alta Tensión de 96 quilómetros que atravesaría 18 concellos entre Castrelo do Val e Castrelo do Miño.  

Marcha contra a instalación dun parque eólico con aeros de 180 metros na Monte da Casa da Neve
Marcha contra a instalación dun parque eólico con aeros de 180 metros na Monte da Casa da Neve | Fonte: Stop Eólicos Xurés - Celanova

O escrito da Xunta subliña que a Lei 8/2009, de 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia determina que “non se poderán implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico” . A Consellería de Economía, Industria e Innovación sinala que unha parte das poligonais dos proxectos PE A Limia-Altos de Verín e PE A Limia-Sarreaus “atópase emprazada fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) incluídas dentro do Plan”.

A Xunta informa desfavorabelmente tanto dos proxectos PE A Limia-Altos de Verín e PE A Limia-Sarreaus, como da LAT, e anota que “dada a lonxitude da liña de evacuación, non se considera adecuada a súa execución (...) e considérase necesaria unha planificación racional e ordenada das infraestruturas de evacuación e as de transporte, baixo o principio de rede única e evitar unha rede paralela de evacuación”.

Informes similares a respecto das ADE planificadas no documento sectorial de Galiza xa serviron para frear outros procesos de tramitación de infraestruturas eólicas no MITECO, que se ocupa da xestión dos macropolígonos de máis de 50 MW de potencia.

Cabe sinala, que o Plan Sectorial Eólico de Galicia non se someteu á avaliación ambiental estratéxica tal e como estable a Ley 21/2013, de 9 de diciembre, de evaluación ambiental. Unha cuestión que está a debate esta mesma semana no Parlamento de Galcia. Os colectivos e plataformas veciñais veñen reclamando a revisión do plan ou a elaboración dun novo documento dadas as eivas do plan vixente.

MANIFESTACIÓN

De feito, e para rexeitar este plan están convocadas numerosas protestas. Será o domingo 10 de decembro, Día das Montañas,  a partir das 12.00 horas en numerosos puntos de Galicia afectados pola depredación eólica. A coordinadora Eólica Así Non convoca seis mobilizacións para reivindicar o papel da sociedade civil "activa e organizada" en defensa do territorio. Serán o vindeiro sábado 9 de decembro, ás 16.00 horas, na Fonsagrada e o domingo 10, neste caso a horas comprendidas entre as 11.00 e as 12.00 horas, en Moraña, Lugo, Ortigueira, Val do Dubra e Vilar de Barrio.

Esta data foi elixida con motivo do Día Mundial das Montañas, ecosistema e medio de vida especialmente ameazado pola vaga eólica. O lema empregado nesta ocasión para os actos reivindicativos será: “Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores”, co propósito de ensalzar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta