18F.- Besteiro comprométese a impulsar 2.500 vivendas de promoción pública ao ano en Galicia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2024 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse a impulsar unhas 2.500 vivendas de promoción pública anuais en Galicia con medidas como a prevención das vivendas baleiras e a rehabilitación.

Así o trasladou este venres tras reunirse en Santiago de Compostela co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya, a quen trasladou as medidas que o PSdeG incluirá no seu programa electoral para as eleccións do próximo 18 de febreiro.

Na súa intervención e tras incidir na necesidade de actuar sobre as vivendas baleiras e a rehabilitación, apostou tamén por duplicar as axudas que se dirixen ao bono aluguer para mozos e, sobre todo, afrontar directamente as zonas tensionadas para permitir que os alugueres sexan máis baratos e accesibles.

O dirixente socialista destacou que se trata dunha batería de medidas para os próximos catro anos. "Este próximos catro anos van ser o catro anos da vivenda, fundamentalmente de vivenda pública, dunha ocupación racional e de recuperar o territorio que levamos perdido durante estes últimos 15 anos do PP".

"Non só se trata de construír, que en moitos lugares hai que facelo. Tamén hai que recuperar patrimonio que hoxe está baleiro, non está utilizado e require a súa rehabilitación", afirmou para sinalar que todo iso se debe de levar a cabo con parámetros de "eficiencia enerxética e ambiental".

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reúnese co decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta