Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/01/2024 | Actualizada ás 21:00
Manu e Tomás son dous mozos cataláns que, vendo a crise dos pélets (microplásticos ou granulados) que estaba a afectar a Galicia a través dos medios de comunicación non dubidaron en collerse un autobús o xoves para facerse catorce horas de camiño e vir botar unha man. Pasarán aquí catro días, marchando este próximo domingo, e súa idea é poder facer un percorrido por diferentes praias ao longo de toda a costa galega para poder aportar o seu graniño de area (nunca mellor dito) en todas elas.
Tomás, ademais, é estudante de Fotoxornalismo en Barcelona, polo que tamén cre que é importante "documentar fotograficamente esta vertedura" e "o traballo que están a realizar os voluntarios". Despois de alugar un coche que usaron como habitación improvisada para durmir, e aínda coas caras desencaixadas do frío que pasaron durante a noite, ás once da mañá deste venres estaban na praia de Cabeiros, en Porto do Son, listos para comezar a recollida.
"Ao final non nos importa facernos unhas cantas horas de bus para poder axudar", asegura Manu, que explica que ela vén "axudar un pouquiño no que se poida". Comezaron o seu percorrido pola cidade da Coruña, baixando todo pola costa e "a idea é chegar ata Vigo", para "tratar de identificar cales son as zonas máis afectadas e retratar como están e como está a traballar a xente en cada unha".
O que máis lles sorprendeu ao chegar, con moitas dúbidas na mente, foi percatarse de que "non só había pélets nas praias", senón tamén "todo tipo de plásticos". En concreto, Manu apunta que "na Coruña o estado das praias era un pouco deplorable, pois aínda que na zona norte non había tanto pélet como aquí, si nos atopamos con parachoques de coches, redes pesqueiras, botellas, solas de zapatos...".
A súa preocupación principal con respecto aos pélets está en se "estes se van degradar ou erosionar co mar", e consideran que "o importante sería eliminar os que hai no mar". Por desgraza, saben que non é doado e, abraiados pola inmensidade das praias galegas e polas pequenas dimensións destas boliñas, cren que "vai ser case imposible eliminalos todos". Antes de proseguir coa súa viaxe cara o sur da comunidade, miran o tempo para esta semana.
Son coñecedores xa de que se aproxima un forte temporal que cambiará a dirección do vento e, polo tanto, atraerá os pélets que quedan na auga (a maioría, o 90 % segundo a Xunta) á costa, en moito maior número que o que se está a ver nestes días. Con todo, e aínda que aseguran que se sumarán ás multitudinarias recollidas planificadas para esta fin de semana, nas que supoñen que "haberá máis xente porque moita non traballa", temen que "o tempo faga inviable estar na praia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.