Besteiro promete a gratuidade dos libros de texto se é presidente

Promete ampliar a FP dual a todas as especialidades e aprobar unha nova lei de educación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2024 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que a primeira medida que tomará como presidente do Goberno galego será "aplicar a gratuidade dos libros de texto na educación obrigatoria" para todos os nenos que estuden en centros públicos ou concertados e comprometeuse a ampliar a FP dual a todas as especialidades.

Así o anunciou este martes nun acto en Santiago de Compostela, no que lembrou que a gratuidade dos libros foi a primeira medida que aprobou o goberno socialista de Touriño e a primeira que "tombou" o PP de Feijóo e Rueda. "Será a primeira que recupere", dixo.

Esta política, conforme indicou, suporá un aforro para as familias dunha media de 600 euros por escolar só ao comezo do curso. Un desembolso importante que é necesario cubrir, segundo Besteiro, porque "a igualdade de oportunidades pasa, necesariamente, por unha educación pública de calidade e gratuíta".

O dirixente socialista anunciou, así mesmo, unha nova lei de educación de Galicia que contemple as novas necesidades como a loita contra o acoso e o ciberacoso escolar; a prestación de servizo de atención psicolóxica gratuíta e a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais con reforzo de profesorado especializado e dotación de recursos.

FORMACIÓN PROFESIONAL DUAL

Ademais, expuxo a súa proposta para a Formación Profesional Dual, que o PSdeG impulsará "en todas as titulacións e con novas modalidades, especialmente as estratéxicas, como as vinculadas aos sectores produtivos máis implantados no país.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, xunto a candidatos socialistas e integrantes de Xuventudes ante o Politécnico de Santiago. PSDEG
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, xunto a candidatos socialistas e integrantes de Xuventudes ante o Politécnico de Santiago. PSDEG | Fonte: Europa Press

MATRICULAS UNIVERSITARIAS

No acto tamén se referiu ao anuncio do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de que a primeira matrícula sexa gratis. "Nunca é tarde", lembrou para sinalar que o PSOE levou esta medida ao Parlamento, que foi rexeitada en varias ocasións polo PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta