Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2024 | Actualizada ás 14:13
A Xunta limitará a partir do martes o uso obrigatorio da máscara aos servizos de urxencias, aos Puntos de Atención Continuada (PAC) e aos servizos nos que haxa pacientes inmunodeprimidos, tal e como establece a normativa estatal, por unha "baixada na intensidade da gripe".
"O pico de enfermidades respiratorias chegou a última semana do ano e a partir de aí observamos unha baixada", explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita á PAC do Val Miñor, no municipio pontevedrés de Nigrán.
O conselleiro asegurou que Galicia "se adiantou" a este repunte coa recomendación do uso xeral de máscara en todos os centros sanitarios desde o 28 de decembro, así como coas campañas de vacinación de Covid-19 e gripe, que tal e como afirmou Comesaña, alcanzaron os "mellores datos de todo o estado".
Segundo os informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, a semana do 15 ao 21 de xaneiro a taxa de consultas en atención primaria por gripe diminuíu en todas as provincias e grupos de idade. En total, a baixada en todo Galicia foi dun 47% respecto da semana anterior.
Así mesmo, o titular de Sanidade sinalou que "as infraestruturas de atención primaria e os hospitais estaban previstos e preparados para asumir a moita poboación", aínda que, "evidentemente" as semanas de festivos houbo "algúns atrasos na atención".
POSITIVOS E INGRESADOS POR ENFERMIDADES RESPIRATORIAS
Das probas realizadas, ao redor do 10% resultaron positivas en gripe na semana do 15 ao 21 de xaneiro, o que supón un descenso respecto da anterior semana, na que se rexistraron un 20,1% de mostras positivas. Nesa última semana estudada, notificáronse 103 persoas ingresadas por gripe -- un 63% menos que na semana previa--.
Igualmente, notificáronse un total de 3.071 ingresos en toda a tempada de gripe, dos que 161 estiveron na UCI. Sobre o covid, o número de casos activos é de 508, dos que sete están na UCI e 113 en unidades de hospitalización.
Por outra banda, García Comesaña tamén se referiu a os servizos de urxencias que sufriron "un incremento importante" nos últimos anos e que, segundo o conselleiro, "creceron de forma ininterrompida".
Ademais, avanzou que ten prevista unha reunión este luns co xefe de servizo para analizar a situación dos servizos de urxencias e mantense convocada unha mesa sectorial para o martes para falar deste asunto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.