O paro sobe un 1,23% en xaneiro en Galicia

Hai case 1.600 novas persoas desempregadas. A Seguridade Social perdeu unha media de 11.752 cotizantes en Galicia durante xaneiro. Rueda presume dos datos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/02/2024 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas galegas dos servizos públicos de emprego subiu en 1.597 persoas en xaneiro, en relación co mes anterior tras o fin da campaña de Nadal, o que supón un aumento do 1,23%, inferior ao 2,23% rexistrado a nivel estatal.

Segundo os datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo e Economía Social, Galicia conta na actualidade cun total de 131.101 desempregados, 13.937 menos que en xaneiro de 2023, o que representa unha caída do 9,62% nun ano. Este descenso tamén é superior ao rexistrado a nivel estatal, cunha baixada interanual do 4,83%.

Por provincias, foi A Coruña onde máis creceu o paro, con 696 desempregados máis en xaneiro, un 1,34% máis. Con todo, no último ano reduciu as súas cifras en 5.733 persoas, ata 52.563 parados, un 9,83% menos.

En Lugo hai na actualidade 12.820 persoas sen emprego, 435 máis que hai un mes (+3,51%), pero 1.005 menos que hai un ano (-7,27%). Situación similar viviu Ourense, con 15.387 parados, un 367 máis que en decembro (+2,44%) e 1.191 menos que en xaneiro de 2023 (-7,18%).

Por último, na provincia de Pontevedra hai na actualidade 50.331 desempregados, 99 máis que en decembro (+0,2%), e 6.018 menos que hai un ano (-10,68%). Do total de parados galegos, un 57,9% é muller e un 3,96% ten menos de 25 anos.

Por sectores, todos diminuíron o número de parados excepto os servizos, que aumentaron en 2.006 persoas, ata 93.681 desempregados en xaneiro. Mentres tanto, a agricultura pechou o mes con 4.321 parados (-65); a industria con 12.909 (-171); a construción con 8.907 (-51) e 11.283 desempregados non tiveran un traballo antes (-122).

Varias persoas saen das tendas con bolsas
Varias persoas saen das tendas con bolsas | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press

SEGURIDADE SOCIAL

Pola súa banda, a Seguridade Social perdeu unha media de 11.752 cotizantes en Galicia durante xaneiro, o que supón un 1,11% menos que un mes antes, segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, recollidos por Europa Press.

Desta maneira, o número total de afiliados quedou en algo máis de 1,05 millóns de persoas en Galicia, gañando 19.792 cotizantes no último ano, un 1,92% máis. Por provincias, o sistema contabiliza 455.783 afiliados na Coruña (un 2,32% máis que hai un ano), así como 122.793 en Lugo (+1,22%), 104.526 en Ourense (+1,47%) e 367.428 en Pontevedra (+1,78%). En Galicia, 828.446 cotizantes correspondían ao réxime xeral, así como 203.788 eran autónomos e 18.296 persoas traballaban no Mar.

RUEDA

Pola súa banda, o presidente da Xunta e aspirante do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, advertiu, dixo que é "o mellor mes de xaneiro desde ano 96" e incidiu en que as cifras "seguen mellorando", o que considera unha proba de que "as cousas funcionan, que se crea emprego e non se destrúe".

SINDICATOS

Sindicatos valoraron este venres os datos de paro publicados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, vinculando o aumento do desemprego co "comportamento habitual" do mercado laboral, aínda que alertando de que, unha vez máis, as mulleres son as "máis castigadas". En concreto, UGT explicou que o crecemento do paro e a baixada da afiliación á Seguridade Social é a propia do mes de xaneiro, caracterizado polo fin do período de Nadal e, por tanto, "do tirón extraordinario que supón sobre o emprego".

O sindicado valorou o mercado laboral "forte e dinámico" de Galicia que, tras a reforma laboral de 2021, "resiste mellor do esperado ao contexto económico e político nacional e internacional". UGT puxo o foco na estatística de contratos, que continúa mostrando signos de "estabilización", con "menos contratos, pero de maior calidade". A pesar diso, ve "imprescindible" seguir mellorando a calidade do emprego.

Ao contrario, a CIG foi moito máis pesimista ante os datos coñecidos este venres, avisando da "escandalosa" e "preocupante" caída da afiliación á Seguridade Social e do aumento do paro, sendo as mulleres "as máis castigadas". Para o secretario confederal de Emprego e Industria da devandita organización sindical, Francisco González Sío, estas cifras confirman o que a CIG advirte desde hai tempo. "O que trouxo a reforma laboral foi un cambio no modelo de precariedade baseado na contratación a tempo parcial e nos sectores máis feminizados e con peores condicións", lamentaron.

"España e Galicia son os únicos territorios de toda Europa que teñen taxas de paro de dous díxitos e esta é unha situación asfixiante", engadiu a CIG, alertando de que non se pode celebrar coma se fosen bos os datos de desemprego porque "se estaría trasladando á cidadanía a idea de que se pode vivir con esta taxa de paro".

Tamén Comisiones Obreras (CC.OO.) puxo o foco nas mulleres, sinalando que son as "principais prexudicadas" da negativa evolución do mercado laboral en xaneiro. A secretaria de Emprego deste sindicato, Maica Bouza, recoñece que a subida do desemprego en xaneiro é "habitual", pero nesta ocasión é menor grazas, ao seu xuízo, ao "impacto positivo" da reforma laboral de fai xa tres anos.

No entanto, fixo un chamamento a todos os partidos políticos galegos para que poñan o emprego de calidade no centro dos seus programas, "porque é a mellor garantía de protección social que existe".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta