En Galicia, 26 solicitantes da eutanasia morreron antes de concedela: "Os límites de tempo deberían fixalos os médicos"

Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico no CHUS e presidente da asociación Dereito a Morrer Dignamente, lamenta que Galicia é a terceira comunidade coa taxa de instrucións previas (documento no cal a persoa manifesta anticipadamente a vontade sobre o tratamento da súa saúde ou o destino do seu corpo para cando xa non poida expresala persoalmente) máis baixa de España: 5,40 galegos cubriron e rexistraron o documento de instrucións previas por cada mil habitantes.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/02/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

A eutanasia en Galicia, ao igual que no resto de España, está regulada pola Lei Orgánica 3/2021, do 24 de marzo, a que recoñece a toda persoa que cumpra as condicións esixidas (que estea sometida a un sufrimento físico ou psíquico que consideren intolerable por padecer unha enfermidade grave e incurable cun prognóstico de vida limitado ou un padecemento grave, crónico e imposibilitante, sen posibilidade de curación ou melloría apreciable) o dereito a solicitar e recibir a axuda precisa para morrer, e tamén establece o procedemento que debe seguirse e as garantías a observar. A lei entrou en vigor o 25 de xuño do 2021. Dende ese momento, entendíase tamén a nivel legal que morrer dignamente era un dereito de toda persoa e incluíase a prestación de axuda para morrer na carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde, sendo a eutanasia unha práctica financiada publicamente. 

Estadísticas sobre a eutanasia no informe da Consellería de Sanidade no 2023
Estadísticas sobre a eutanasia no informe da Consellería de Sanidade no 2023 | Fonte: Sergas

Tras a implantación da lei, era unha obriga do Goberno galego presentar información sobre a súa evolución, isto é, era unha obriga rendir contas ante o Parlamento de Galicia e, polo tanto, ante a cidadanía. Tal e como apunta Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) e presidente da asociación Dereito a Morrer Dignamente en Galicia, explica que isto non supón outra cousa que "contar á sociedade, á opinión pública, como evoluciona a materialización do dereito a morrer dignamente". "Non só é algo que ten que ver coa transparencia, senón co control que a sociedade realiza dun dereito que colga dos dereitos fundamentais". E esas memorias que debían ser anuais, xa non se están a facer anualmente, aínda que é unha obriga. Pois se a lei se implantou en 2021, o primeiro informe é do pasado ano, do 2023, polo que, como advirte Miguel Anxo, "levamos xa dous anos de retraso", fronte "a outras comunidades como Cataluña, Navarra ou Euskadi onde as cousas se fixeron ben, presentando os informes xa no primeiro ano".

Sexa como fose, e a pesar dese atraso de dous anos, que nos di o informe sobre eutanasia presentado polo Goberno galego no 2023? "Moito non pode dicir, porque é unha diapositiva colgada na web do Sergas, só unha diapositiva, o cal non é aceptable, porque iso non é un informe", critica o psicólogo clínico do CHUS. Profundando nos datos que contén esa diapositiva en cuestión, que tampouco son moitos, aparece que, en Galicia, dende que se regulou a lei (do 25 de xuño de 2021 ao 30 de xuño do 2023) houbo 58 persoas que solicitaron a eutanasia (en dous anos). Desas 58 eutanasias solicitadas, realizáronse 21 (déronlle a prestación a un 36 % dos solicitantes), o paciente revocouna en 8 ocasións (un 13 %) e negáronse 3 (un 5 %). Pero o realmente grave está en que houbo un total de 26 persoas (o 44 % dos solicitantes) que morreron sen ter resposta á súa solicitude. Isto supón que a enfermidade que padecían levounos antes de que puidesen ver recoñecido o seu dereito, probablemente con sufrimento e padecendo, pois precisamente era o que querían evitar coa eutanasia. 

UN DOS 21 PACIENTES QUE RECIBIRON A EUTANASIA A AUTOADMINISTROU

"Trátase da porcentaxe máis elevada dentro do conxunto de España, este 44 % de persoas que tendo solicitada a eutanasia morren antes de poder acceder ao seu dereito", lamenta Miguel Anxo, que considera que isto debería facernos reflexionar (ás administracións competentes) sobre "como manexamos os tempos" e "cal é a separación de tempo entre que a persoa pide a eutanasia, ten que reiterar a petición aos 15 días e se lle concede". O sanitario aposta por que haxa "uns límites de tempo establecidos médicamente, e que sexan estes profesionais os que, en determinados casos onde o paciente non conte con moito tempo de vida, poidan acurtar ou directamente eliminar eses tempos de espera". E é que, como recorda, "estamos a falar de morte digna, da decisión dunha persoa que plantexa o dereito que lle corresponde e se somete a un procedemento para poñer fin á súa vida", algo que a día de hoxe "dura da orde de 40 a 45 días" entre todos os trámites. "Pero como o informe só consta dunha diapositiva, non se explica por que ese 44 % dos solicitantes morreron antes de recibir a aprobación da súa solicitude, algo que é intolerable". 

Estadísticas sobre a eutanasia no informe da Consellería de Sanidade no 2023
Estadísticas sobre a eutanasia no informe da Consellería de Sanidade no 2023 | Fonte: Sergas

Outros datos que aporta ese informe indican que as solicitudes de eutanasia máis numerosas foron as de persoas de 50 a 59 anos e de 70 a 79 anos, cunha idade mínima de 20 anos e unha máxima de 96. O 58,6 % das solicitudes foron realizadas por homes, fronte ao 41,4 % no caso das mulleres. E a patoloxía máis frecuente que motivou a solicitude foi a neurolóxica (50 %), seguida pola oncolóxica (31 %). Ademais, dentro das prestacións de axuda para morrer realizadas (as 21), o 57 % leváronse a cabo nun centro hospitalario, o 33 % efectuáronse no domicilio do paciente e o 10 % restante tiveron lugar en residencias sociosanitarias. En 20 casos, o paciente optou pola modalidade de administración por parte de profesionais sanitarios e só nun caso a persoa escolleu a modalidade de autoadministración (en presenza de profesionais sanitarios). E en 6 ocasións os pacientes foron doantes de órganos. Así mesmo, o número de profesionais formados na actualidade para poder levar a cabo esta práctica é de 3.996, aínda que todos eles, como advirte Miguel Anxo, "formados 'online', nunha cousa que é moi emocional e que precisaría de formación presencial".

GALICIA CONCEDEU 10 VECES MENOS SOLICITUDES DE EUTANASIA QUE NAVARRA

Comparando os poucos datos que presta a diapositiva cos do resto de España, as cifras son, canto menos, preocupantes. En Galicia 0,2 de cada mil mortes acontecidas ao ano na comunidade se produciron pola prestación de axuda médica para morrer. Como evidencia o psicólogo clínico do CHUS, "a eutanasia non é a elección principal das persoas", de feito, "mesmo nos países que nos levan anos luz de vantaxa na execución deste dereito, como os Países Baixos, a taxa de eutanasia quedouse nun 4 %, non evolucionou moito máis dende aí". Pero sería moi importante coñecer o por que esas persoas solicitan a eutanasia, por que hai galegos que queren rematar coa súa vida. "Pódese inferir, pois Galicia ten un alto índice de enfermidades oncolóxicas, e a nivel España hai moitas enfermidades neurodexenerativas, pero sería preciso explicalo nos informes anuais, porque igual se poden propoñer a esas persoas outras opcións de tratamento", apunta Miguel Anxo.

En concreto, en comparación co resto do Estado en cantidade de prestacións de eutanasia, Galicia  (0,2 por cada mil habitantes) concedeu 10 veces menos que Navarra (2,06 por cada mil habitantes); e 6 veces menos que Cataluña (1,28 por cada mil habitantes). E, en conxunto, concedeu tres veces menos que a media de España no seu conxunto. "É curioso que precisamente as comunidades onde se presentaron máis documentos de instrución previa (documento mediante o cal unha persoa manifesta anticipadamente a súa vontade sobre o coidado e tratamento da súa saúde ou o destino do seu corpo, para que esa vontade se cumpra no intre no que chegue a situacións en cuxas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente), sexan nas que se accede en maior cantidade ao dereito a morrer dignamente: Cataluña, Navarra e Euskadi", apunta o profesional. Por que? Na súa opinión, "non son as diferenzas culturais as que explican tal distancia".

A PROVINCIA DE LUGO SÓ TEN UN PUNTO DE REXISTRO DE INSTRUCIÓNS PREVIAS

Por iso considera que é moi preciso "dar información á poboación sobre os documentos de instrucións previas, promocionalos, publicitalos, dalos a coñecer", así como "incrementar as oficinas de rexistro" e "o apoio na realización destes documentos por parte dos profesionais, para que axuden á xente a definir ben que é o que quere, como quere morrer e en que circunstancias". E é que, segundo os datos presentados nesa diapositiva publicada na web da Consellería de Sanidade o pasado ano, Galicia é a terceira comunidade coa taxa de instrucións previas máis baixa de España: 5,40 galegos cubriron e rexistraron o documento de instrucións previas por cada mil habitantes. Mentres, a comunidade con máis taxa de instrucións previas rexistradas é Navarra, con 22,36 por cada mil habitantes; e a que menos, Murcia, con 4,08 por cada mil habitantes, non moi lonxe do dato galego. "Estamos moi por detrás", advirte Miguel Anxo.

E isto é algo que considera lóxico tamén tendo en conta que a xente non sabe ben onde pode cubrir e rexistrar o seu documento de instrucións previas. "Este non é un trámite que se poida burocratizar, é algo moi importante, vital na vida das persoas", asegura o psicólogo clínico, que por iso pide "máis unidades de rexistro". "Antes só había un sitio no que poder facelo: as delegacións provinciais", lembra o profesional, de tal xeito que "aínda que moita xente tiña o documento na casa gardado, nunca remataba de ir a entregalo, porque tiña que cadrarlle de pasar pola delegación provincial da súa provincia de residencia para facelo e, sendo sinceiros, estas cousas nunca cadran ben". A día de hoxe, alo menos, na provincia da Coruña hai 29 unidades de rexistro, 14 na de Pontevedra e 7 na de Ourense. O alarmante é que na de Lugo só hai unha, "e queda na delegación territorial da Consellería de Sanidade, o sitio por onde debe pasar máis xente da provincia, ao que non vas a non ser que teñas que facer un trámite que resulte inevitable e inaprazable". "Tería que haber un punto de recollida e rexistro destas instrucións en cada centro de saúde, e incrementar os profesionais acreditados para o rexistro, pois só é facer un cursillo e estender unha certificación", demanda Miguel Anxo.

Estadísticas sobre a eutanasia no informe da Consellería de Sanidade no 2023
Estadísticas sobre a eutanasia no informe da Consellería de Sanidade no 2023 | Fonte: Sergas
Manifestación en Madrid a prol do dereito á morte digna no día en que o Congreso aproba a lei de eutanasia
Manifestación en Madrid a prol do dereito á morte digna no día en que o Congreso aproba a lei de eutanasia | Fonte: Marta Fernández - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta