Falece Xesús Mato, sacerdote do pobo e fundador de Fuxan os Ventos

Contribuíu á creación de Auxilia Lugo, entidade de voluntariado preocupada pola integración de enfermos crónicos e persoas con discapacidade intelectual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2024 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O mundo da cultura chora a morte do sacerdote fundador de Fuxan os Ventos, Xesús Mato (Paradela, 1932), que faleceu esta madrugada en Lugo aos 91 anos de idade.

Tras lograr co grupo 'Folk 72' en 1972 o primeiro premio do Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan vos ventos, a formación tomaría o nome da canción e, a partir de aí, converteríase nunha referencia da cultura galega das seguintes décadas.

Lucense do Ano, galardoado cos premios María Castaña e Moncho Valcárce, Fillo Predilecto de Paradela, foi tamén sacerdote na montaña lucense e en Lalín, onde creou a coral polifónica e abriu unha emisora de radio, entre outras cousas.

Ademais, no ano 2018, Xesús Mato recibiu a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de 2.500 persoas e institucións. Tamén contribuíu á creación de Auxilia Lugo, entidade de voluntariado preocupada pola integración de enfermos crónicos e persoas con discapacidade intelectual.

A MÚSICA GALEGA, DE LOITO

Xosé Luís Rivas 'Mini', compoñente de Fuxan os Ventos ata a fundación da Quenlla, expresaba este martes o seu pesar polo falecemento de Xesús Mato: "Hoxe a música galega está de loito. A de onte, a de hoxe e a de mañá. E xunto a ela eu camiñarei pola vida con máis soidade".

'Mini' define a Mato como un musicólogo que "non conta nos libros de musicoloxía" e un sacerdote que "cría de verdade no seu deus" e "practicaba". "Creou e encamiñou a nave de Auxilia cando ninguén daba un peso polos diminuídos físicos. Aldea a aldea buscábaos e tentaba facer o Ben, que conquistasen autonomía, que fosen donos de si", destaca nunha mensaxe nas súas redes sociais.

A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre este mércores, ás 17.00 horas, ata a Igrexa de San Nicolás, en Portomarín. Á chegada celebrarase o funeral e, continuación, a condución ao cemiterio municipal para ser enterrado no panteón familiar.

Xesús Mato, fundador de Fuxan vos Ventos.. ORFEÓN LUCENSE
Xesús Mato, fundador de Fuxan vos Ventos.. ORFEÓN LUCENSE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta