(Vídeo) Unha transplantada bipulmonar pasa 40 horas na sala de observación do CHUS

Dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncian que "isto, que ten responsables con nomes e apelidos (a xerente da área Eloina Núñez e o xefe do servizo Plácido Mayán), non acontece en momentos puntuais ou imprevistos, senón que se produce ao longo de todo o ano".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 14/02/2024 | Actualizada ás 23:23

Comparte esta noticia

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS compartiu outro vídeo sobre a saturación que se vive nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Trátase, neste caso, do testemuño de Verónica T.G., filla dunha transplantada bipulmonar, que pasou 40 horas en observación. Segundo apuntan dende a asociación, o seu testemuño explica por que os pacientes do servizo de urxencias do CHUS "rematamos aparcados nos corredores de acceso, en moitos casos durante horas, en padiolas e cadeiras de rodas soportando a violación dos nosos dereitos fundamentais e padecendo a gravidade da doenza que nos levou ata alí".

Pacientes nos corredores das Urxencias do CHUS
Pacientes nos corredores das Urxencias do CHUS | Fonte: Arquivo

"Cando os facultativos de urxencias asinan o ingreso en planta dunha persoa que foi atendida no servizo quere dicir que o seu estado de saúde xa non require atención urxente senón que precisa un entorno e unha atención médica e de coidados que só poden ser proporcionados polo persoal de planta", apuntan dende a asociación, e engaden que "unha persoa enferma que, como no caso da nai de Verónica, permanece 43 horas no servizo, das cales 18 estivo en observación e 22 horas agardando por unha cama, quere dicir que non está sendo atendida de conformidade cas recomendacións e estándares de calidade das unidades hospitalarias de atención urxente publicadas polo Ministerio de Sanidade no ano 2010 e que hoxe seguen sendo referencia fundamental para dar cumprimento ao principio de 'calidade dos servizos e a mellora continua, con énfases especial na calidade da atención clínica e da organización dos servizos, nunha atención personalidade e humanizada…', recollido no artigo 32.11. da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia".

Tamén dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS apuntan que "de acordo cos referidos estándares de calidade os pacientes non deben permanecer mais de 4 horas na unidade, nin mais de 24 horas na sala de observación e o tempo que transcorre entre a sinatura do ingreso en planta e a ocupación da cama non debe ser superior a 4 horas". Cando os tempos de permanencia exceden destes límites temporais quere dicir que non se están xestionando adecuadamente as camas hospitalarias e que non se poñen a disposición dos pacientes no momento en que son requiridas polo persoal facultativo. O resultado disto é, segundo indican, "pacientes graves nos corredores, demandantes de atención urxente, que non son atendidos no momento requirido porque as zonas de traballo están ocupadas por persoas que xa non precisan esa atención". Existe, polo tanto, segundo denuncian, "a comisión dunha fraude de lei ao empregar as instalacións para unha finalidade distinta da que prevee o ordenamento xurídico, en particular o artigo 52.3. do citado texto legal que expresamente indica que 'A atención urxente préstase ao paciente nos casos en que a súa situación clínica obriga a unha atención sanitaria inmediata'".

"Todo isto, que ten responsables con nomes e apelidos (a xerente da área Eloina Núñez e o xefe do servizo Plácido Mayán), non acontece en momentos puntuais ou imprevistos senón que se produce ao longo de todo o ano, con maior o menor intensidade durante as vagas de gripe, ca intención premeditada e consciente de normalizar o maltrato asistencial e converter os servizos de urxencias nun limbo asistencial no que permanecemos os pacientes sen recibir a atención que precisamos", conclúen dende a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta