Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2024 | Actualizada ás 16:11
A CIG presentou este luns a campaña do 8 de marzo 'Stop Precariedade. Traballo digno e igualdade', e esgrimiu que se trata dunha "precariedade" constatada no Informe da situación sociolaboral das mulleres en Galicia no ano 2023, no que se ve como desde a aprobación da última reforma laboral "todas as fendas de xénero víronse incrementadas".
Tal e como trasladou en rolda de prensa a responsable do gabinete de economía da CIG, Natividade López, estudaron a situación laboral das mulleres partindo da "situación precaria" que viven en comparación cos homes e incidindo en que "nin un maior nivel de formación, nin as sucesivas reformas laborais conseguen reducir esta situación". López destacou que desde o ano 2021 hai un "importante incremento", do 3,6 %, na afiliación de mulleres á Seguridade Social no réxime xeral, aínda así, "sorprende" a caída do 6,6 % da filiación do réxime especial de empregada do fogar, onde case o 97 % son mulleres.
Así mesmo, tamén "aumentaron todas as fendas existentes entre homes e mulleres", comezando pola contratación indefinida a tempo completo, onde aumentou a fenda en 25 puntos de diferenza en 2023, tendo as mulleres menos contratos deste tipo. O mesmo ocorre ao sumar todos os contratos indefinidos, o 70,1 % das mulleres teñen unha contratación indefinida, fronte ao 81,8 % dos homes, polo que a taxa de temporalidade das mulleres sitúase no 29,9 % fronte ao 18,2 % dos homes.
Esta maior presenza da temporalidade e a xornada non completa, afirmou a responsable de economía da CIG, "ten unha incidencia directa nos ingresos". No ano 2022, por primeira vez en seis anos, aumentou a fenda de xénero nos ingresos brutos anuais, pasando dun 18,6 % a un 18,7 % e no 2022 a diferenza de ingresos entre mulleres e home subiu a 4.519 euros, 281 euros máis que en 2021.
AUMENTO DO SMI
Este aumento da fenda salarial prodúcese nun ano no que o Salario Mínimo Interprofesional tamén aumentou, "algo que, en principio, debería beneficiar ás mulleres ao ser estas as que ocupan postos de traballo con menores ingresos", e que "só se explica pola menor cantidade de horas traballadas polas mulleres, ou polo aumento do emprego feminino en actividades con condicións laborais máis precarias".
Ademais, a Axencia Tributaria, a través do Módulo Salarial, que estima o salario que correspondería no caso de traballar durante todo o ano a xornada completa a fenda redúcese do 18,7 % dos ingresos ao 8,1 %, 10 puntos que se deben ás condicións laborais precarias das mulleres. Natividade López destacou á súa vez a relación entre a maior taxa de feminización e a crecente fenda de xénero, coa excepción da rama dos servizos sociais, un sector con moito persoal funcionario que presenta condicións "de entrada igualitarias".
Como resultado, a maior presenza de mulleres atópase nos tramos de menores ingresos. O 40,2 % das mulleres obtiveron ingresos inferiores ao SIM e preto de 100.000 mulleres non chegaron a ter uns ingresos medios brutos anuais de 3.012 euros, e outras 108.931 non alcanzaron os 10.712 euros brutos anuais, algo que "non corrixe nin a idade", pois nos primeiros anos de vida laboral xa comeza a fenda e a medida que aumenta a idade as diferenzas tamén o fan.
Doutra banda, o 75,7 % dos asalariados a xornada parcial en Galicia son mulleres, "non porque non queiran, senón porque non atopan tempo completo ou teñen que responsabilizarse dos coidados", o que, xunto coa reforma das pensións, ten consecuencias á hora da xubilación e eleva a fenda de xénero das pensións, no 2023, ao 33,6 %.
'STOP PRECARIEDADE'
Ante esta situación, a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denunciou que a reforma laboral de 2021 "agravou máis a fenda salarial de xénero", que os traballos temporais e parciais "seguen sendo desempeñados maioritariamente por mulleres" e que "os plans de igualdade non son útiles para deter os abusos contra as traballadoras". Tamén destacou que a incorporación da muller ao traballo non veu acompañada por un cambio no modelo social "onde sexan as institucións públicas as encargadas dos coidados, ou que estes sexan repartidos equitativamente entre adultos, sen importar o xénero".
MOBILIZACIÓNS 8M
Ademais, Castro chamou a todas as traballadoras, tamén ás que "traballan gratis" e ás desempregadas a participar nas concentracións convocadas pola CIG para o 8 de marzo, porque "as traballadoras galegas xa non aguantan ser seres humanos de segunda, esixen condicións de traballo e salarios dignos, xubilación digna, conciliación da vida familiar e laboral e servizos públicos de calidade". As mobilizacións previstas serán ás 11.30 na Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Vigo, A Guarda, Cangas e Vilagarcía; ás 12.00 en Ourense; ás 12.30 nas Pontes; e en Burela ás 11.00.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.