Un defecto de construción provocou o derrube da ponte de Xunqueira de Espadanedo do século XIX, segundo a Xunta

O Goberno galego estima en tres meses o prazo para reconstruír e abrir ao tráfico a infraestrutura.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/02/2024 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O derrube de parte da ponte de Xunqueira de Espadanedo na estrada OU-536 produciuse como consecuencia dun defecto de construción desta infraestrutura levantada no século XIX, segundo trasladou a Xunta este xoves. O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou este xoves a ponte de Xunqueira que colapsou parcialmente o pasado luns, días despois de ser pechado totalmente ao tráfico tras detectarse o agravamento dos problemas na súa estrutura que levaron á súa clausura parcial a comezos de xaneiro.

As estimacións da Xunta calculan que o proxecto para a reconstrución do estribo (parte extrema da ponte sobre o que descansan os taboleiros) prolongarase durante tres meses, segundo recolle un comunicado do Goberno galego. Os traballos consistirán na reconstrución do apoio da ponte a través dun recheo de pedra nos primeiros metros e cun ancho "suficiente" nos muros de sillería que permitan garantir a súa resistencia.

Os técnicos da Administración autonómica concluíron que a causa do colapso foi a "deficiente execución" no momento da súa construción (século XIX) "que non se axustou ao proxecto orixinal" porque non contou coa "anchura necesaria na súa parte inferior para garantir a capacidade de resistencia e cun recheo insuficiente e de mala calidade". Isto, continúan, provocou que se derrubase na súa parte superior, polo que o proxecto elaborado polo departamento de Infraestruturas prevé a reconstrución cun recheo "adecuado" que salve os problemas que causaron a súa caída.

Mentres permaneza cortado o paso pola ponte ata que finalicen os traballos de reconstrución, o tránsito de vehículos producirase polas estradas OU-0106 e OU-0153, o que, segundo os cálculos da Xunta, leva un aumento de 5 minutos na duración do traxecto ao pasar de 1,4 a 3,8 quilómetros.

SEN DANOS NO ARCO CONTIGUO

Ademais, a análise determinou que o colapso non afectou ao arco contiguo da ponte, situado a 4 metros de distancia, segundo trasladou a Xunta, que iniciou as tarefas para retirar o firme e o recheo a través dun procedemento de urxencia. A monitorización do estado da infraestrutura tras ser detectados os problemas estruturais consistiu nun modelado en 3D con puntos "diana" para a detección de movementos "inmediatos".

Técnicos da Consellería de Infraestruturas visitan a ponte derrubada en Xunqueira de Espadanedo
Técnicos da Consellería de Infraestruturas visitan a ponte derrubada en Xunqueira de Espadanedo | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta