'Día da Clase Obreira Galega': Ferrol lembra a Amador Rey e Daniel Niebla e a CIG maniféstase en diversas cidades

Á convocatoria do Concello sumáronse os sindicatos CC.OO., UGT, MAS e USTG. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, pediu "frear o abuso" da contratación a tempo parcial e fixa descontinua, algo do que culpou á última reforma laboral.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 10/03/2024 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Un ano máis o Concello de Ferrol realizou na mañá deste domingo un acto institucional para lembrar a Amador Rey e Daniel Niebla, dous extraballadores da antiga Bazán, que faleceron o 10 de marzo de 1972 cando participaban nunha manifestación dos operarios do estaleiro e foron abatidos a tiros por axentes policiais.

Para lembralos, concentráronse na zona onde se produciu a acción luctuosa, no barrio de Recimil, lugar no que está situado o monumento ao 10 de marzo, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, xunto con edís do seu goberno e do resto de grupos da oposición, ademais de representantes dos sindicatos CC.OO., UGT, MAS e USTG. O rexedor foi o encargado de dar lectura a un manifesto no que lembrou que a corporación municipal de Ferrol conmemora de maneira institucional o 'Día da Clase Obreira Galega' nesta data, que se acordou de maneira unánime polo Parlamento de Galicia en 1997.

"A ofrenda floral de hoxe facémola en memoria de Amador e Daniel, e tamén en recordo e recoñecemento de todos aqueles que onte, hoxe e mañá esfórzanse e traballan con honestidade para conseguir unha sociedade mellor, sen distincións de clase e a favor da igualdade de oportunidades", manifestou Rey Varela.

O alcalde da cidade tamén asegurou que "o 10 de marzo debe de ser tamén unha xornada de gratitude para todos aqueles que fixeron a súa achega para dotarnos dunha democracia baseada nas liberdades e nos dereitos". "E nós, como representantes públicos, temos a obrigación de defender e ofrecer", aseverou.

CREACIÓN DE EMPREGO

Así mesmo, Rey Varela detallou que unha das súas prioridades en Ferrol está "no desenvolvemento económico, na creación de emprego de calidade, nunha economía global", ademais de "apostar polo desenvolvemento tecnolóxico e non perder oportunidades a nivel internacional", detallando que nesta cidade saben "ben o que é perder oportunidades, a pesar de contar con todas as potencialidades".

Do mesmo xeito, sinalou que tamén saben "ben o que significa a reivindicación de dereitos e de oportunidades para a cidade", incidindo en que Ferrol ten "industria, coñecemento, posición xeográfica, recursos humanos de primeiro nivel e unha bagaxe naval como ningunha outra comarca do país". Por iso, asegurou que necesita "apoio do conxunto das administracións e unidades de acción, porque Ferrol non merece menos". Acto seguido, levouse a cabo unha ofrenda floral na que participaron representantes políticos, sindicais e tamén cidadáns ante o monumento ao 10 de marzo.

Concentración da CIG ante o monumento ao 10 de marzo
Concentración da CIG ante o monumento ao 10 de marzo | Fonte: E.P.

A CIG PIDE "FREAR O ABUSO" DA CONTRATACIÓN A TEMPO PARCIAL

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, pediu "frear o abuso" da contratación a tempo parcial e fixa descontinua, algo do que culpou á última reforma laboral. Así se manifestou en declaracións este domingo en Ferrol ante o monumento ao 10 de marzo, no barrio de Recimil, no marco da celebración do 'Día da Clase Obreira Galega', en recordo a Amador Rey e Daniel Niebla.

Carril sinalou que esta é "unha xornada de reivindicación e de reafirmación na necesidade de dar unha alternativa, de dar unha confrontación á realidade actual de crise". Ademais, o secretario xeral da CIG xustificou esta mobilización polos "baixos salarios e a precariedade laboral, así como para reclamar "unha nova lexislación laboral que restitúa dereitos perdidos e que recoñeza dereitos novos ante as ameazas ante o cambio do tecido produtivo da economía",

Así mesmo, demandou "a necesidade de cursar un plan galego de industrialización, de creación de emprego digno, defensa de servizos públicos e que cree emprego digno", ademais de "un marco galego de relacións laborais, no que se poida "de forma directa, os traballadores galegos decidir as condicións de traballo" e con "competencias plenas para decidir o noso futuro".

OUTRAS MOBILIZACIÓNS

A mobilización da CIG realizouse nas sete cidades galegas, sendo a central a de Ferrol, baixo o lema 'Stop precariedade - traballo digno, marco galego de relacións laborais'. Na de Santiago de Compostela, os manifestantes concentráronse na Praza Roxa ás 12.00, para, poucos minutos despois, arrincar a marcha encabezados por unha pancarta en defensa dun "marco galego de relacións laborais".

Os manifestantes, entre os que se atopaba a alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín, avanzaron cara a O Hórreo para logo entrar á zona vella por Porta Faxeira e terminar na Praza do Toural. No percorrido, marcado por choivas e claros, os asistentes gritaron consignas pola loita obreira como: 'Sen traballo non hai futuro', 'Non falta diñeiro, sobran ladróns' ou 'Se sobe o IPC, os salarios tamén'. Así mesmo, non faltaron pancartas en reclamo de igualdade de condicións para homes e mulleres: 'Stop precariedade. Traballo digno e igualdade'.

Acto institucional ante o monumento ao 10 de marzo
Acto institucional ante o monumento ao 10 de marzo | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta