O Supremo libera á Xunta de pagar ao Goberno pola gratuidade das peaxes da AP-9 en Rande e A Barcala

O TSXG subliñou que "non é procedente" condenar ao Goberno galego a abonar directamente a Audasa a metade ou a totalidade dos pagos anuais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2024 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo rexeitou a inadmisión a trámite do recurso de casación presentado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que liberaba á Xunta de contribuír economicamente a compensar a Audasa polas peaxes en sombra de Rande e A Barcala.

A resolución do Supremo do pasado 6 de marzo, que avanzou este domingo Faro de Vigo e á que tivo acceso Europa Press, é firme e contra ela xa non cabe recurso. En xuño de 2022 o TSXG rexeitou a solicitude do Mitma para que a Xunta lle abonase a indemnización que o Goberno lle debe pagar a Audasa polas cantidades que deixou de percibir polas peaxes en sombra da Ponte de Rande e do tramo da comarca coruñesa da Barcala durante os anos 2017, 2018 e 2019.

A Administración central baseou a súa solicitude á súa vez nunha sentenza do Tribunal Supremo, que a condenou a pagar á concesionaria as cantidades acordadas en 2006 para que os tramos A Coruña-A Barcala e Rande-O Morrazo pasasen a ser gratuítos. Nese ano o pago foi asumido polo Estado, é dicir, pasaron a ser peaxes en sombra.

Desta maneira, a gratuidade destes tramos provocou un notable incremento do número de usuarios, polo que en 2017 o Goberno modificou, a través dun real decreto, o sistema de cálculo da peaxe que lle correspondía pagar a Audasa.

Con todo, en 2020 o Tribunal Supremo declarou o dereito da concesionaria a ser indemnizada polos prexuízos causados pola implantación do novo sistema de retribución dese real decreto e ordenou ao Estado a pagar a diferenza entre o que percibise con arranxo ao sistema anterior fixado en 2006. Esa cantidade é duns 15,6 millóns de euros, a cal o Executivo reclama á Xunta.

No entanto, o TSXG rexeitou esa petición, subliñando que "non é procedente" condenar ao Goberno galego a abonar directamente a Audasa a metade ou a totalidade dos pagos anuais que se devenguen dos anos 2017, 2018 e 2019, e ata o final do prazo da concesión da AP-9.

Neste sentido, a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG recalcou que o Estado reclama ese diñeiro cando "aínda non pagou a Audasa", tal como ordenou o Supremo. "A Administración Xeral do Estado xustifica o seu incumprimento en que parte das cantidades reclamadas eran debidas pola Xunta, causa obstativa de pago que foi rexeitada polo Tribunal Supremo nun auto de 14 de outubro de 2021", recolle a sentenza do TSXG.

Ao tempo, o tribunal galego indicou que, "en ningún caso", podería atenderse á cantidade reclamada polo Estado, lembrando que a cifra que lle teña que abonar a Audasa é "a que determine o Tribunal Supremo en execución da sentenza, sen proceder que a Xunta abone intereses das cantidades debidas, ao non ter responsabilidade na demora".


Ponte de Rande após a ampliación / EUROPA PRESS / Europa Press
Ponte de Rande após a ampliación / EUROPA PRESS / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta