Xa hai grupos convidados para o Festival de Ortigueira 2024

Nesta edición o cartel foi seleccionado a través dun Concurso de Carteis no que se recibiron 115 propostas chegadas desde todas partes de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Ortigueira | 24/03/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Días atrás foi seleccionado o cartel anunciador do Festival de Ortigueira deste ano. Recibíronse un total de 115 propostas chegadas de diferentes puntos de Galicia, España e, incluso, do estranxeiro. O xurado estivo formado por: Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira e responsable do Festival; Alberto Gómez, músico e directivo da Escola de Gaitas de Ortigueira; Pablo Rodríguez, licenciado en belas artes e director creativo de Reizentolo; Bea Luengo, deseñadora gráfica-editorial, profesora e autora do cartel de 2023; Elisardo de la Cruz, responsable do departamento de comunicación do Festival.

Cartel Festival de Ortigueira 2024. Fonte: Dpto Comunicación do festival.
Cartel Festival de Ortigueira 2024. Fonte: Dpto Comunicación do festival.

Ademais, o xurado contou co asesoramento de: Bruno Lozano, músico e presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira, e Montse Gutiérrez, licenciada en belas artes e profesora de debuxo e artes plásticas.

CARTEL GAÑADOR

O gañador do concurso foi Jorge Fernández Arteaga coa obra “El embrujo del dragón”. O deseñador e tatuador leonés, que será galardoado cun premio de 2.000 €, presentou unha peza que representa a esencia do Festival de Ortigueira a través dunha gaiteira, pandeireta, o Muíño do Campo da Torre e o emblemático dragón do Festival. O autor declarou que “supón un orgullo persoal moi grande, como fiel asistente a este Festival desde que pisei Ortigueira fai 10 anos por primeira vez, o que sen dúbida foi a miña principal fonte de inspiración para presentarme ao concurso”. Ao referirse ao cartel comentou que “Nel quixen representar de forma conceptual pero sen escatimar en detalles, os elementos que considero imprescindibles á hora de representar este Festival”.

AVANCE PROGRAMACIÓN

Acto seguido, o presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira, Bruno Lozano, centrouse nos obradoiros de baile e no Festival na Rúa: “Na pasada edición fixemos un total de 192 horas de Festival con case 400 músicos e 300 alumnos de talleres. O éxito do Festival vén dado tanto pola calidade musical como pola hospitalidade do pobo de Ortigueira, cousa que agradecemos desde a Escola, e que fai que a xente que non é nativa de aquí veña e sinta Ortigueira como propia”. Lozano engadiu “queremos adiantar que este ano teremos dúas bandas asturianas e outra chegada desde Barcelona”.

Autor do cartel, Jorge Fdez Arteaga. Foto: Prensa Festival de Ortigueira.
Autor do cartel, Jorge Fdez Arteaga. Foto: Prensa Festival de Ortigueira.

O director do Festival, Alberto Balboa, destacou os aspectos artísticos e musicais, subliñando a filosofía do evento: gratuíto e accesible para todos os públicos. Posteriormente, presentou a algúns dos artistas que pasarán por Ortigueira este verán: Ailá, Aroze, BackWest, Bagad Brieg, Capercaillie, Cúig, Dervish, Escola de Gaitas de Ortigueira, Fillas de Cassandra, Green Lads, Kinnaris Quintet, Muro Kvartet, Nogood Boyo y Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta