Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 09/04/2024 | Actualizada ás 19:28
O Teatro Principal de Ourense acolle este mércores, 10 de abril, a preestrea da película '+Cuñados', que chegará aos cinemas o próximo día 19. Esta produción de Portocabo, que conta coa participación de Televisión de Galicia (ademais de RTVE e Movistar+, a Deputación de Ourense, a Denominación de Orixe Ribeiro e a Xunta de Galicia), dálle continuidade á exitosa comedia 'Cuñados', a maior estrea na historia do cinema en galego ata o momento. O acto contará coa presenza do elenco e do equipo da película, e de autoridades das institucións implicadas na súa produción.
O filme, rodado en galego, conta de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do panorama audiovisual galego: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles sumaranse, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá. Nesta secuela de 'Cuñados', dirixida por Luís Avilés, a acción sitúase dous anos despois do sucedido na primeira película.
Esta nova aventura dos cuñados arrinca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. A provincia de Ourense volve ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén ten unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.