Investidura.- Pontón e Besteiro coinciden nos pactos pero avisan dunha oposición "firme e contundente"

A líder do Bloque e o do PSdeG ofrecen pactos en sanidade, vivenda e enerxía. Os nacionalistas tamén ofrecen diálogos en rexeneración democrática e os socialistas en lingua e un gran acordo local. Ojea, de Democracia Ourensana, pon o aceno nas "discriminacións" da Xunta con esta provincia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/04/2024 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

Consenso e acordo, si, pero sempre que sexa polo ben de Galicia e non polos "intereses" do PPdeG. Nacionalistas e socialistas coincidiron en recoller a luva lanzada o pasado martes por Alfonso Rueda no seu discurso de investidura e tamén ofreceron diálogo durante esta lexislatura pero tamén avisaron de que realizarán unha oposición "firme e contundente" en defensa dos intereses do país.

A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro no debate electoral de TVE para as eleccións galegas
A candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á presidencia da Xunta, Ana Pontón e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro no debate electoral de TVE para as eleccións galegas | Fonte: Agostime - Europa Press

Durante os seus discursos nesta segunda sesión de investidura, tanto a  nacionalista Ana Pontón, coma o socialista José Ramón Besteiro, propuxeron pactos en sanidade, vivenda e política enerxética. A líder do Bloque tamén apuntou un cuarto pacto pola rexeneración democrática da política galega, mentres que o líder do PSdeG sumou un cuarto e un quinto pacto pola lingua e por un gran acordo local. Os dous insistiron en que a estes consensos se chegará sempre que e se fagan "a favor dos galegos e das galegas" e "se pense nos intereses do país e non nos do PPdeG".

"O BNG está aquí para traballar a favor de Galiza, a favor dos galegos e das galegas, de todos e cada u, pensen como pensen, votasten o que votasen porque ese é o noso obxectivo e a nosa razón de ser", dixo na súa intervención a voceira parlamentaria do BNG. "Este país pode contar con nós. Pode facelo porque temos a ambición de que Galicia sexa protagonista, porque aspiramos a que medre como debe e merece, sen as ataduras ás que a someten as políticas conservadoras e timoratas", apuntou tamén o  portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

PACTOS

Pontón ofreceu un "Pacto de país" en catro asuntos que considera "prioritarios"; sanidade, acceso á vivenda, modelo enerxético e rexeneración democrática. En Sanidade pediu reverter os recortes en atención primaria, garantizar pediatras en toda Galicia e rematar coa precariedade laboral no Sergas. En vivenda, un plan masivo de compra de vivenda baleira; en enerxía, crear unha empresa 100% pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega e en rexeneración democrática un novo modelo de medios públicos, máis respecto polo Parlamento e máis transparencia nos contratos públicos.

"Son os catro pactos que lle propoño a favor de Galiza. Espero que non os desprece pero, en todo caso, o BNG vai traballar por e para os galegos e galegas, tanto se contamos coa súa colaboración como se non", destacou Pontón.

Pola súa banda, Besteiro reivindicou durante a súa intervención no debate de investidura unha "Galicia protagonista" e propuxo cinco acordos de país en vivenda, sanidade, economía, impulso do galego e financiamento local para "avanzar" e "paliar o déficit". Un plan de vivenda para construír 2.500 vivendas públicas ao ano e controlar o mercado residencial tensionado; un acordo para a contratación de profesionais santiarios e outro para crear un ecosistema económico, conformado por enerxía, empresas, industrias e "con seguridade xurídica".

O líder socialista tamén ofreceu un pacto pola defensa do galego e un quinto consenso para acadar un Gran Acordo Local Galego que remate cos problemas da infrafinanciación e competencias impropias. "Estaremos no traballo, ofrecendo a nosa man para intentar construír un país mellor. Estaremos encantados de coincidir se atopamos nesta lexislatura puntos en común que sexan positivos. E teremos toda a vontade de ofrecer as alternativas e os acordos que cremos que se precisan", engadiu durante o discurso.

FIRMEZA

En todo caso, tanto nacionalistas como socialistas tamén coincidiron que os vindeiros catro anos realizarán unha oposición "firme e contundente" polo "ben de Galicia". "Imos traballar por e para os galegos e galegas, para mellorar as súas vidas, para poñer en marcha unha Galiza con máis oportunidades, capaz de afrontar os retos que xa están aquí", indicou Pontón. "O PSOE fará unha oposición firme, construtiva e responsable. A razón é doada: temos vocación de goberno e iso demostrase cando gobernas pero aínda con máis altura de miras cando non o fas", sinalou Besteiro.

CRÍTICAS

Pontón e Besteiro tamén aproveitaron o seu discurso para criticar o modelo político de Rueda, "herdeiro do de Feijóo" e avisaron de que estarán moi vixiantes para que non se continúe pola senda dos anteriores gobernos populares en desmantelamento da sanidade, a educación ou aos servizos públicos. Os dous tamén criticaron a "excesiva dependencia" do líder do PPdeG de Madrid e que a súa estratexia sexa a mesma que a do seu antecesor; atacar a Madrid.

Así, Pontón criticou a "crispación" que, ao seu xuízo, o PP "está a instalar na vida pública" e pediu a Rueda que abandone para poder alcanzar "acordos de país" en asuntos como a sanidade, vivenda, enerxía ou "calidade" democrática. "Para formar parte da 'Confraría da Perpetua Crispación' que lle impón (Alberto Núñez) Feijóo, non conte connosco", aseverou Pontón, nunha chiscadela ás palabras de Rueda nas que, durante o discurso de investidura, acusou veladamente ao Bloque de actuar como a "confraría da perpetua negativa".

Pola súa banda, Besteiro criticou a Rueda por buscar "inimigos para autodefinirse". "A liña estratéxica do goberno galego foi vivir da confrontación --con Madrid--, xustificando iso nunha suposta defensa da terra. Os socialistas galegos seremos defensores dos intereses de Galicia, pero entendemos que a primeira opción debe ser sempre a cooperación", salientou."Non teña dúbida de que discreparemos co Goberno do Estado cando creamos que esa crítica está xustificada", apuntou Besteiro, que sinalou que "entre Galicia e o PSOE, non dubidará en elixir Galicia e os intereses dos galegos e galegas".

DO

Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, apelou ao candidato do PP á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, a reverter a "discriminación histórica" que, ao seu xuízo, sufriu Ourense desde a Xunta ao longo dos anos de autogoberno, polo que confirmou que se absterá para entregar un voto de confianza en aras de que se produza un cambio no tratamento do Goberno galego á provincia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta