A Xunta recoñece níveis altos de níquel, cadmio, cobre e zinc e revoga a autorización da mina de San Fins

Detecta niveis de metais superiores ao límite permitido na auga. Ecoloxistas en Acción alertan do risco de abandono e fuga da empresa, "en mans de homes de palla peruanos", e esixen unha caución de 10 millóns de euros

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 12/04/2024 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

Augas de Galicia revogou a autorización de vertedura de augas residuais industriais da mina de San Finx, no municipio coruñés de Lousame, á vez que detectou niveis de metais superiores ao límite permitido.

En febreiro de 2023, Augas de Galicia outorgou a Tungsten San Finx a autorización de vertedura ao río Pesqueira ou arroio de Rabaceiros (conca da ría de Muros e Noia) de augas residuais industriais depuradas procedentes da explotación mineira de estaño e wolframio. Estableceuse un prazo de catro meses para a finalización das obras correspondentes aos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais, prazo que logo foi ampliado pero non cumprido pola compañía.

Tras unha inspección en agosto de 2023 de técnicos, requiriuse á empresa un axuste da xestión das augas residuais xeradas nas instalacións ás condicións establecidas na autorización de vertedura outorgada.

En outubro do mesmo ano, persoal de Augas de Galicia realiza nova inspección na que se constata que as instalacións de depuración das augas residuais industriais "seguen sen estar executadas na súa totalidade", así como a existencia dunha vertedura ao dominio público hidráulico con concentracións superiores aos límites autorizados nos parámetros de níquel, cadmio, cobre e zinc.

A Xunta apunta que o "prazo foi reiteradamente incumprido ata o punto de que nin sequera se iniciaron as obras varios meses despois de vencer o prazo para a súa conclusión". A resolución, con data do 9 de abril deste ano, está asinada pola directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. Contra esta resolución cabe presentar recurso de alzada.

ECOLOXISTAS ESIXEN 10 MILLÓNS PARA GARANTIR A RESTAURACIÓN

Pola súa banda, Ecoloxistas en Acción celebra esta revogación dunha autorización que "puxo en pé de guerra a toda a comarca", xa que a empresa "viña ignorando o condicionado repetidamente da autorización, o que levou a principios deste ano a que se lle impouxese unha sanción de 180.000 euros pola comisión dunha infracción grave derivada das verteduras con concentracións elevadas de sustancias tóxicas, incluíndo cadmio, cobre, cinc e níquel".

Os ecoloxistas celebran unha resolución que "frea en seco a vertedura de case 1.000 millóns de litros de augas residuais ao ano". No entanto, avisan de que esta decisión "non pon fin ao conflito", polo que anuncia novas accións para unha solución definitiva ás verteduras, que pase polo selado e taponado das galerías de desaugadoiro.

Alertan do risco de abandono e fuga da empresa, "en mans de homes de palla peruanos", e esixen unha caución de 10 millóns de euros para garantir a restauración. Por iso, urxen medidas para parar a contaminación.


Vertedura da mina de San Finx
Vertedura da mina de San Finx | Fonte: Confraría de Noia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta