Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 15/05/2024 | Actualizada ás 21:00
Defínese como "neofalantes" a aquelas persoas que, aínda que non teñen o galego como lingua nai, comezaron a empregalo por decisión persoal ou como símbolo de identidade. Existe o portal web neofalantes.gal, unha iniciativa que impulsa e visibiliza os novos falantes en galego. Con motivo do Día das Letras Galegas, recordamos algunhas das mensaxes que foron deixando os e as diferentes neofalantes que contaron a súa historia persoal coa lingua galega.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida por Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Entre os prexuízos que consideran vixentes entre a sociedade galega, en maior ou menor medida, sinalan o estigma de asocialo ao rural ou "a aldea soamente"; que se ligue a unha ideoloxía política "ser nacionalista ou do BNG"; ou inclusive a "que te fai menos". Fronte a isto, o remedio é falalo e defendelo. Definen o galego como "patrimonio e identidade como pobo", "un piar básico", "parte da cultura que preservar", "unha lingua coa que se pode chegar a onde un queira" ou "a fala como a arma máis forte que temos". Para coñecer cada un dos testemuños ao completo están dispoñibles nas redes sociais de Neofalantes. Nesta liña, reivindican a importancia da normalización e o traballo a desenvolver por parte das institucións, centros educativos,...
"SE OS PÍCAROS NON FALAN GALEGO, PODE MORRER A LINGUA"
Outro punto de vital importancia para preservar o galego e garantir un futuro, consideran que é a educación dos máis novos. Neste sentido, manifestan que "moitos nenos falan galego na casa e chegan ás escolas e comezan a falar en castelán". Unha nai expresa que un día lle leu a súa filla un conto en galego e que ela lle pedía "que o lera ben, que o lera normal". Iso fíxolle entender que "tiña unha oportunidade de familiarizar a súa nena coa lingua". Outra nai considera que "é un legado que quere trasladarlle aos seus fillos".
Desta maneira, entra en xogo a necesidade de "ter referentes" en distintos eidos da cultura. "Referentes que falen en galego, agora poden escoitar en Spotify, a SES, a Berto, As Tanxugueiras", comentaba unha mestra de Lugo. Rodri Míguez, xornalista musical en galego, destaca a importancia de que se escoite a lingua nas diferentes redes sociais. "Cada vez son máis os creadores", comentaba. Usuarios como o Dígocho Eu, creadoras como Leti da Taberna, Sara Seco, María (@pradorua), OlaxonMario, entre outros, acumulan unha gran comunidade de seguidores de todas as partes do mundo.
"SON DOS ESTADOS UNIDOS E APRENDIN GALEGO"
O galego tamén conquista aos que non son da terra, así o recoñecía Christina Weiler, dos Estados Unidos, que aprendeu para poder entender e ser entendida no centro educativo no que traballaba fai dous anos: "Namoreime da lingua". Ao igual que ela, Thomas decidiu aprender porque se deu conta de que tanto en Lugo como en Guitiriz, onde é mestre, "a xente fala galego día tras día" e así conseguiu conectar. Nesta liña, Simon, de Alemaña, aprendeu durante o seu ERASMUS na Universidade de Vigo e pensa que é importante porque aprecia "na sociedade galega unha desigualdade do castelán e do galego". Shannon, é tamén dos Estados Unidos, destaca "que a xente está perdendo as súas raíces cando abandonan a lingua propia". Paige anima a falar galego "porque se pode, é posíbel e hai que comezar cunhas palabras e logo cada vez van vindo máis".
Simone, naceu no norte de Italia, e decidiu cambiar de idioma de forma natural porque lle parece importante que "se vives en Galicia, tes que falar galego" e non ve outra forma de entender a comunicación. Desde Angola, Paulo considera que o galego "é unha lingua preciosa, en termos de comunicación, moi romántica tamén". Tamén Yamini, desde a India, reivindica que se fale galego porque "é unha lingua fermosa". Pecha o vídeo, Anxo que expresa que "o galego non morde, non te coloca nun lugar escuro, onde non falar con ningúen, nin ver a ninguén". Conclúe: "Faládeo porque é voso e porque o tedes aí, utilizádeo", e despois de ler tantas apreciacións, que é significa para ti o galego?
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Dous millóns de euros para accións de dinamización do galego son suficientes?
- “Andan os ratos no faiado”, unha das paremias galegas equivalentes para indicar que empeza a tronar
- Perdurar alén da vida: o pulo do galego nos ritos funerarios
- A plataforma Queremos Galego pide á Xunta que teña en conta ás entidades sociais no seu pacto pola lingua
- A Mesa pola Normalización Lingüística: "É necesario asegurar que existe o galego"
- A Xunta ve no Plan de normalización a ferramenta para tomar medidas ante "problema de uso social" do galego