Galicia acumulou uns 20.000 millóns de déficit de financiamento autonómico entre 2009 e 2021: 559 euros por habitante

O Consello de Contas avisa que o sistema non cobre sobrecustos por envellecemento e dispersión, e detecta que a recadación fiscal da Xunta é seis puntos inferior á media.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2024 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

O Consello de Contas cifra en 19.956 millóns de euros o déficit de financiamento autonómico de Galicia entre 2009 e 2021, aínda que a cantidade se reduce a 13.978 millóns se se descontan recursos extraordinarios nese período (como fondos covid e outros adicionais). Este informe de Contas, realizado a petición do Parlamento de Galicia, recolle que o gasto de Galicia anual de media en servizos básicos (referido a sanidade, educación e promoción social) é de 6.859 millóns de euros, mentres a liquidación do Fondo de Garantía que financia estes servizos alcanzou os 5.324 millóns anuais. Isto arroxa un déficit anual de 1.535 millóns de euros (1.075 millóns descontados recursos extraordinarios).

O órgano fiscalizador indica que, no período 2009-2021, de forma global os ingresos do sistema de financiamento autonómico supoñen unha media anual de 7.420 millóns de euros e representan o 84 % dos ingresos non financeiros da Comunidade Autónoma de Galicia. Por habitante, supón un déficit medio anual de 559 euros (391 euros excluído outro financiamento adicional). Galicia mantén durante todo o período analizado un financiamento per cápita tres puntos superior á media das comunidades, aínda que cunha tendencia decrecente respecto dos primeiros anos de vixencia do modelo (ano 2010).

Na senda de crecemento do financiamento autonómico que se mantivo ata o ano 2019, Galicia foi das que menos creceu. En contra da dinámica xeral das comunidades, en Galicia a perda sistemática de poboación total e axustada incidiu nesa dinámica dos recursos. O peso relativo dos recursos de Galicia no sistema de financiamento autonómico descendeu dun 7,1 % no exercicio 2010 a un 6,6 % no 2021.

REBAIXAS DE IMPOSTOS DA XUNTA MAIOR QUE A MEDIA

Contas tamén analiza a marxe de que dispoñen as comunidades para elevar ou reducir os tributos cedidos. Aquí, conclúe que Galicia presenta unha capacidade fiscal seis puntos por baixo da media das comunidades autónomas e unhas necesidades de gasto sete puntos por encima da media das autonomías. Nos exercicios 2021 e 2022 visualízase en Galicia un cambio de tendencia nos efectos do exercicio desas medidas tributarias, cun saldo negativo na recadación que reflicte que os beneficios fiscais superan as medidas de incremento de recadación.

Aínda que na maior parte do período de vixencia do modelo o exercicio da capacidade normativa serviu para incrementar os recursos facilitados polo sistema, nos exercicios 2021 e 2022 o exercicio das competencias normativas tributarias por Galicia supuxo unha diminución deses ingresos ao superar os beneficios fiscais as medidas de incremento da recadación.

DISPERSIÓN E ENVELLECEMENTO

No período analizado, a insuficiencia de ingresos en Galicia xestionouse recorrendo a niveis de gasto inferiores, por baixo da media das comunidades, o que se traduciu nun déficit público inferior á media e unha débeda por habitante axustado tamén por baixo desa media (é a segunda comunidade con menos débeda por habitante axustado).

Sede do Consello de Contas de Galicia
Sede do Consello de Contas de Galicia | Fonte: Xunta

A ponderación das principais variables poboacionais dese indicador, como a poboación protexida (38 %) ou a poboación en idade escolar (20,5 %), non representa o peso real dos gastos destes bloques, situado en Galicia ao redor do 45 % e 25 %, respectivamente, do gasto autonómico.

"Tampouco a dispersión como variable non poboacional ten un tratamento adecuado para dar resposta aos sobrecustos que presenta esta realidade en Galicia, nin o factor do envellecemento un tratamento diferenciado acorde cos custos reais que xera", avisa Contas. O peso relativo ponderado dese indicador de poboación axustada foi diminuíndo en Galicia, pasando do 6,78 no ano 2009 ao 6,56 no 2021. Esta caída de 0,22 puntos implica unha perda de recursos do Fondo de Garantía que pode estimarse en 2021 en 220 millóns de euros.

A proposta do Ministerio sobre a nova determinación da poboación axustada aproxima as ponderaciones e a definición das variables poboacionais ao gasto dos distintos bloques competenciais autonómicos e, por tanto, ás necesidades reais de gasto. Con todo, "factores como o escaso peso dos tramos de maior idade na ponderación da poboación protexida, a consideración de usuarios potenciais no canto de reais no ámbito educativo ou a non ponderación dos custos de servizos sociais atendendo aos graos de dependencia (SAAD) son aspectos que a Xunta alega que prexudican ao financiamento da comunidade".

O mantemento da ponderación da variable dispersión no 0,6 % tampouco dá resposta ao déficit de financiamento que esta realidade ocasiona en Galicia. Coa nova proposta do Ministerio, Galicia tampouco recibirá recursos a través da variable de custos fixos, e só percibirá unha reducida porcentaxe no criterio de despoboamento.

RECOMENDACIÓNS

No apartado de recomendacións, o Consello de Contas aposta por "defender un modelo baseado na suficiencia global de recursos, na nivelación total e distribución en proporción ás necesidades reais de gasto". Defende un deseño do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) que garanta o financiamento suficiente dos investimentos produtivos.

En decembro de 2021, o Ministerio de Facenda enviou ás CCAA unha proposta de cálculo da poboación axustada. A ferramenta trata de reflectir os maiores custos que supón prestar os servizos básicos do Estado de benestar en cada rexión segundo as súas características poboacionais, territoriais e sociais. Tamén avoga pola revisión do cálculo da poboación axustada, en base a un estudo rigoroso do custo da prestación dos servizos.

Igualmente, apela a información sobre as medidas tributarias adoptadas e publicala no portal de transparencia. Valora o impacto sobre a suficiencia e a equidade de escenarios definidos polos posibles incrementos da capacidade fiscal. O Consello de Contas lembra que o sistema leva caducado desde o ano 2014, data desde a que se está incumprindo a previsión legal de revisións quinquenais e de avaliación de resultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta