Temas: MULLER

O Colexio e a Xunta piden aos xornalistas que eviten o sensancionalismo ao informar sobre o machismo

"É tarefa das e dos xornalistas poñer o foco nas súas causas estruturais", argumenta o Colexio de Xornalistas. A secretaria de Igualdade da Xunta critica a tendencia ao dramatismo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/11/2015 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

No Día Internacional contra a violencia de xénero, a Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas de Galicia reitera o seu rexeitamento a todas as manifestacións da violencia contra as mulleres e convida aos e ás xornalistas galegas a unha reflexión profunda sobre o papel dos medios de comunicación na loita contra os crimes machistas, un dos máis graves problemas da nosa sociedade.

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: uvigo

O Colexio lembra que os medios de comunicacións son decisivos na visibilización sobre a violencia de xénero pero, malia as melloras no seu tratamento informativo, seguen existindo exemplos abondos de abordaxes inadecuadas.  "É tarefa das e dos xornalistas poñer o foco nas súas causas estruturais. As novas sobre violencia de xénero deben afrontarse sen eufemismos, evitando o sensacionalismo, a culpabilización das vítimas e a xustificación das agresións", engade a institución que dirixe Xosé Manuel Pereiro.

Na opinión da institución é recomendable que os medios dispoñan de códigos autorregulatorios sobre o tratamento da violencia de xénero, pero sobre todo que poñan en práctica no día a día principios como os recollidos na Declaración de Compostela, entre eles a consulta a fontes expertas e a protección da intimidade das mulleres agredidas e das súas familias.

Por outra parte a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na xornada “As fontes de información en violencia de xénero”, onde destacou o “incuestionable” labor dos medios de comunicación na denuncia e na visibilización do grave problema que representa a violencia contra as mulleres.

“O papel dos medios de comunicación é clave na loita contra a violencia de xénero, xa que sodes a ferramenta que serve de plataforma para denunciar estas agresións, á vez que sodes a tribuna dende a que se pode concienciar á sociedade de que esta violencia contra as mulleres é un delito”, destacou a secretaria xeral.

López Abella fixo un repaso pola evolución da información respecto á violencia de xénero nos medios de masas en España, pasando de ser un problema social oculto e privado a tratarse como un problema global, de interese para a opinión pública e explicado dentro do seu contexto.

Sen embargo, alertou da necesidade de non caer na tendencia do dramatismo e o vitimismo á hora de informar sobre este problema e avogou por “abrir o foco” e dar entrada a testemuños de mulleres que lograron saír do círculo da violencia. Dar información positiva e de avance para que as mulleres se animen a denunciar e saiban que hai saída.

Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia
Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia
Temas: MULLER
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta