O Exército despregará 30 patrullas militares desde o 15 de agosto para vixiar os montes galegos

Para contribuír á prevención de incendios forestais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2024 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

As Forzas Armadas volverán despregarse nos montes de Galicia este verán, a partir do 15 de agosto, cun operativo de 30 patrullas e medios aéreos non tripulados de vixilancia para contribuír á prevención de incendios forestais.

Os detalles da nova campaña da operación 'Centinela Galego' foron presentado este mércores nunha rolda de prensa na que participaron o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o xeneral da Brigada "Galicia" VII (BRILAT), Alfonso Pardo de Santayana, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

Este operativo desenvólvese no marco dun convenio asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia, de case medio millón de euros, para realizar labores de vixilancia, disuasión e prevención dos incendios en 39 concellos, repartidos nun total de oito distritos forestais que abarcan 4.414 quilómetros cadrados.

O número de patrullas poderá ser ampliable ata 75 no caso de nivel máximo de esforzo, na actualidade o nivel é medio. Os militares despregados no monte tamén facilitarán información aos servizos de extinción e notificarán ás Forzas e Corpos de Seguridade sobre aquelas persoas que puidesen estar implicadas na provocación de incendios intencionados.

O subdelegado do Goberno en Pontevedra remarcou que a "traxectoria efectiva e exemplar" na protección dos montes e da cidadanía neste operativo, levou á creación este ano en Canarias dun operativo "irmán", o Sentinela Canario, que actuará no arquipélago durante este verán. Losada tamén destacou "o compromiso do Goberno para dar resposta a esta problemática mediante a cooperación entre administracións".

Neste sentido, informou de que este ano o Executivo central pon a disposición da Xunta preto de 4.000 efectivos, entre a UME, Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza, Terzo Norte da Armada, Exército de Terra, Garda Civil e Policía Nacional.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural subliñou a importancia da colaboración neste ámbito xa que "a loita contra o lume é cousa de todos". "Apelo ao noso corazón, que en Galicia é verde, para que siga sendo verde", esgrimiu.

María José Gómez lembrou que este ano mobilizaron a máis de 7.000 efectivos para esta finalidade, apoiados por unha trintena de medios aéreos --entre autonómicos e estatais-- e preto de 380 motobombas --da Xunta e municipais--.

Respecto dos militares que participan no Centinela Galego, o xeneral da Brigada "Galicia" VII apuntou que esta operación supón "unha oportunidade" para que os vexan e para que a cidadanía entenda que as Forzas Armadas "son unha magnífica ferramenta ás ordes do Goberno para as necesidades de todos".

Fume provocado por un incendio forestal
Fume provocado por un incendio forestal | Fonte: Gustavo da Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta