As mulleres do cerco collen o relevo dos homes, que se enfrontan a Feijóo

Representantes dos mariñeiros e o presidente da Xunta protagonizan un tenso encontro na rúa. As mulleres inician esta noite a súa acampada en Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 11/12/2015 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

As mulleres do cerco collen este venres o relevo ós homes, que xa cumpriron cincuenta días acampados fronte os edificios de San Caetano e que a pasada noite se enfrontaron en Carballo co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Feijóo, cos representantes do cerco, en Carballo.
Feijóo, cos representantes do cerco, en Carballo. | Fonte: Eu apoio o cerco en Galicia.

"Non nos representa!"

Un grupo de mariñeiros puido, por fin, achegarse a Feijóo onte pola noite nun mitin en Carballo do PP galego. Os homes do cerco xa tentaran en días previos falar cara a cara co presidente da Xunta para espetarlle os seus problemas e abandono institucional no que se atopan. Antes do mitin en Carballo, unha representación dos mariñeiros puido desta vez achegarse a Feijóo para entregarlle un documento coas súas reivindicacións e para pedirlle unha reunión.

A situación foi tensa, xa que Feijóo lles respondeu que el xa se reunira co sector e, ante as críticas, subliñou que o reparto da cuota "se pactou" entre os barcos. "Sei de que vai isto, sei de que vai isto...", repetiulles o presidente a uns mariñeiros indignados que lle pediron que mirase "á cara a esas 1.200 familias". Entre berros de "ti non es galego nin nada!" e "vostede non nos representa!", os homes do cerco despediron a Feijóo, que marchou cun "vale, vale".

Fronte ó lugar onde o PP celebrou onte o seu mitin en Carballo, os mariñeiros do cerco exhibiron unha faixa na que se podía ler "Eu apoio o cerco galego" e tras a que se situou o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, do Partido Popular.


Vídeo da plataforma "Eu apoio o cerco de Galicia".

As mulleres toman o relevo na acampada

Esta noite, as mulleres tomarán o protagonismo na acampada reivindicativa do cerco fronte as instalacións de San Caetano. Elas relevarán aos homes e organizarán charlas informativas para dar a coñecer aos cidadáns os problemas e demandas deste sector.

Ó día seguinte, sábado, as mulleres do cerco organizarán encontros entre as 10.00 e as 12.00h cos medios de comunicación para espallar a súa mensaxe. Xa ao mediodía realizarase unha actividade simultánea entre Santiago de Compostela e Malpica, que consistirá en formar unha cadea humana a prol da correcta atención educativa, hospitalaria e domiciliaria para os máis cativos. E ás 12.30h lerase un comunicado das mulleres do cerco.

A partir das 16.00h. haberá coloquios; de 18.00 a 19.30h organizarase un obradoiro das redeiras galegas, que amosarán como é o seu traballo. Por último, Pilar-Aymara Fernández explicará a partir das 19.30h como se están a usar as redes sociais na loita do cerco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Non hai que pedirlle nada, hai que votar por outros. Os politicos estan para servir o pobo e resolver os seus problemas, se non o fan mudase o voto. Hai forzas propias galegas que si estan a defender os nosos sectores economicos.