Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2024 | Actualizada ás 20:49
A Xunta constituirá en outubro a comisión encargada de coordinar a implantación da lei galega do litoral, que superou no mes de abril o recurso de inconstitucionalidade interposto polo Goberno central. O decreto que regula este organismo, bautizado como a Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral, foi aprobado polo Consello da Xunta deste luns.
Terá como funcións supervisar, aplicar e facer o seguimento dos instrumentos de ordenación que inclúe o texto aprobado en xullo de 2023 polo Parlamento de Galicia. A Xunta define este órgano como unha "ponte" entre os departamentos e administracións con competencias no ámbito da ordenación do litoral e asumirá a elaboración dos criterios interpretativos ou directrices para que a costa sexa xestionada de forma "integrada".
PRODUCIÓN DE BIVALVOS
Ademais, o Goberno galego tamén autorizou un convenio coa Universidade de Vigo dotado cunha partida de 57.000 euros para realizar unha investigación sobre a criopreservación de larvas de invertebrados mariños de interese comercial. O obxectivo é impulsar o marisqueo e a acuicultura en Galicia a través do traballo que levará a cabo nos centros de investigación mariña de Corón (Pontevedra) e Ribadeo co obxectivo de mellorar o rendemento do criadeiro de moluscos bivalvos e equinodermos desde un punto de vista técnico, económico e ambiental para que poidan producir exemplares xuvenís en calquera época do ano.
SALMONETE DE ROCA
Outro dos acordos adoptados pola Xunta este luns foi o convenio entre a Consellería do Mar e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (Cetga) para financiar outra investigación, neste caso, sobre a diversificación de especies na piscicultura galega mediante o cultivo do salmonete de roca. A acción está financiada con máis de 150.000 euros ata o ano 2027 para analizar a posibilidade de cultivar esta especie, cuxas características a fan susceptible de ser producida da mesma forma que se fai o rodaballo ou o linguado.
LARVARIOS DE INVERTEBRADOS MARIÑOS
Así mesmo, o Consello deste xoves aprobou outro proxecto investigador, neste caso, coa Universidade de Santiago para analizar as infeccións nos cultivos larvarios de invertebrados mariños en criadeiro. Tamén levará a cabo no centro de investigacións mariñas de Ribadeo en colaboración co Laboratorio de Parasitoloxía do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global. Este organismo dependente da institución académica compostelá conta cunha ampla experiencia de patoloxías en acuicultura e investigará o efecto das bacterias patóxenas sobre as fases larvarias en cultivo ata o ano 2027.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.