Estase xestando un plan de inspección de seguridade industrial que abarcará tamén hoteis, centros comerciais e discotecas

A previsión da Xunta é realizar case 350 inspeccións tanto en instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial, como vén sendo habitual, como no sector hoteleiro, diferentes espazos de lecer e gardarías.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2024 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia traballa na elaboración dun plan extraordinario de inspección en materia de seguridade industrial enfocado a hoteis, centros comerciais, grandes auditorios, espazos multiusos, gardarías, salas de festas e discotecas. Así o avanzou este luns a directora xeral de Estratexia Industrial e Chan Empresarial, Margarita Ardao, durante a inauguración en Vigo do I Xornada sobre seguridade industrial organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a Consellería de Economía e Industria.

Segundo apuntou, este plan extraordinario desenvolverase a través dun convenio de colaboración coa Asociación Galega de Organismos de Control Autorizados. Conforme precisou, a previsión é realizar case 350 inspeccións tanto en instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial, como vén sendo habitual, como no sector hoteleiro, diferentes espazos de lecer e gardarías.

Como se fai no marco do actual Plan anual de inspección en materia de seguridade industrial, serán obxecto de revisión as instalacións eléctricas de baixa tensión, alta tensión e centros de transformación particulares; os ascensores; as instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos para subministración a vehículos; as instalacións de almacenamento de produtos petrolíferos para a subministración de combustible a vehículos propios; as instalacións térmicas en edificios; e as instalacións de almacenamento de produtos químicos, de gas, e de seguridade contra incendios en establecementos industriais.

A maiores, acometeranse inspeccións naquelas instalacións con equipos a presión, de xeración asociadas ao autoconsumo ou frigoríficas, ademais de parques eólicos con acta de posta en servizo. Margarita Ardao lembrou que a seguridade industrial comprende aquelas actividades de prevención e limitación de riscos, ou protección contra accidentes e sinistros que poden producir danos e perdas ás persoas ou bens ou ao medio ambiente, derivados da actividade industrial ou do uso, funcionamento e mantemento das instalacións ou dos equipos e da produción ou almacenamento de produtos industriais.

Coa deste luns, son oito as xornadas informativas sobre seguridade industrial que se van a convocar tamén en Ferrol, Ourense, Santiago, A Coruña e Lugo. As actuacións conxuntas da Consellería de Economía e Industria e do ICOIIG inclúen, ademais, a celebración do primeiro congreso sobre esta materia que se organiza en Galicia, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro en Santiago de Compostela.

A directora xeral de Estratexia Industrial e Chan Empresarial, Margarita Ardao, participa en Vigo na inauguración do I Xornada sobre seguridade industrial organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia
A directora xeral de Estratexia Industrial e Chan Empresarial, Margarita Ardao, participa en Vigo na inauguración do I Xornada sobre seguridade industrial organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta