Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2025 | Actualizada ás 18:59
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que a liberalización da peaxe na AP-7 na circunvalación de Alacante é unha nova "mostra de discriminación" cara a Galicia por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, que descarta aplicar unha medida similar na autoestrada AP-9. "Mentres en Galicia dise que non, noutros lugares dise que si".
Así se manifestou en declaracións aos medios no transcurso dunha visita oficial ao Pazo de Lourizán, en Pontevedra, onde lembrou que o Ministerio rexeitou a solicitude de liberalizar o tramo da AP-9 entre Vigo e O Porriño, que enlaza coa autovía A-52.
Con todo, apuntou, agora o Executivo central anunciou que fará gratuíta a AP-7 en Alacante, o que Rueda interpreta como "unha mostra máis dun trato que non podemos entender e que temos que denunciar".
Así, Alfonso Rueda referiuse a as explicacións dadas polo ministro Óscar Puente, que xustificou a decisión de liberalizar a peaxe da AP-7 en Alacante argumentando que é un tramo de alta demanda e con "moi pouco uso" e que "así desafoga outra estrada con moito tráfico". "É dicir, razóns que en Galicia se di que non, noutros sitios dise que si", insistiu o titular do Goberno galego.
"Dinnos que é impensable, e nin sequera nun pequeno tramo son capaces de facelo, mentres que noutras partes de España si se está facendo", sinalou.
Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou que o PSdeG prometeu a "gratuidade total" da AP-9 durante a campaña electoral en Galicia, aínda que en opinión do presidente da Xunta, parece que "agora ninguén o lembra".
Por último, reiterou que a administración autonómica "non solicita un trato preferente", pero si que esixe que, "se llo dan aos demais, a Galicia tamén llo teñen que dar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.