Compostela e Vigo disfrutarán da música dun Stradivarius

A violinista letona Baiba Skride tocará esta semana coa Real Filharmonía de Galicia cun violín de 1734 baixo a batuta do director burgalés Eduardo Portal.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/03/2016 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

Un Stradivarius de 1734 será o protagonista esta semana de dous concertos que terán lugar en Vigo e en Santiago de Compostela. Un instrumento que será interpretado pola violinista letona Baiba Skirede baixo a batuta do director Eduardo Portal e o acompañamento da Real Filharmonía de Galicia.

A violinista letona Baiba Skride
A violinista letona Baiba Skride | Fonte: Auditorio de Galicia

As actuacións de Santiago e Vigo comezarán coa Abertura Leonora nº 3 de Beethoven (1770-1827) e concluirán co Concerto para violín de Johannes Brahms (1833-1897), que dedicou ao seu amigo Joseph Joachim. A orquestra tamén interpretará a obra Abertura, scherzo e finale do compositor romántico alemán Robert Schumann (1810-1856).

No concerto intervirá a violinista letona Baiba Skride que tocará un Stradivarius. As súas interpretacións refrescantes e a súa sensibilidade musical levárona a tocar cos mellores directores e coas orquestras máis prestixiosas, entre elas as Filarmónicas de Berlín, Londres e Nova York. Na actualidade é artista en residencia coa Orquestra Sinfónica Cidade de Birmingham.

O primeiro concerto terá lugar o xoves no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. Ao día seguinte, o venres, a orquestra tocará en Santiago, no Auditorio de Galicia ás 21:00 horas. En ambas as actuacións levará a batuta o mozo mestre burgalés Eduardo Portal, de 32 anos, que foi director asistente, entre outras, da Orquestra Filarmónica de Londres e da Nova Orquestra Nacional de España. O concerto de Santiago retransmitirase en directo por streaming a través da web da orquestra (www.rfgalicia.org) e das redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta