O Goberno galego continúa privatizando a xestión de dúas das súas webs por máis de 300.000€

Os contidos e o soporte técnico do Portal Galicia Aberta da Secretaría Xeral de Emigración e o Portal Eido Local, da Dirección Xeral de Administración Local, tamén seguirán en mans dunha empresa privada.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/03/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia  (Amtega) destinará case 320.000 euros paracontinuar a externalizar os contidos e o soporte técnico de dúas webs da Xunta; o Portal Galicia Aberta, dependente da Secretaría Xeral de Emigración, que ata agora xestiona o Grupo Voz, e o Portal Eido Local, dependente da Vicepresidencia.

Distintas aplicacións para teléfonomía móbil
Distintas aplicacións para teléfonomía móbil

Deste xeito, continuarán en mans privadas os servizos de comunicación e información (directorios, foros, novas ou axenda) e das canles de colaboración da Xunta coas comunidades galegas no exterior.  Tamén, a relación telemática do Goberno galego cos 315 concellos, as 4 deputuacións e 35 entidades locais.

Segundo o prego de condicións, a empresa adxudicataria deste concurso terá como obxectivos principais a dinamización de contidos, o desenvolvemento evolutivo e o soporte técnico destas dúas webs. Deste xeito, a Xunta deixará en mans privadas as tarefas de actualización continuada dos contidos destes dous portais.

Entre as obrigas do adxudicatario estará unha proposta proactiva de melloras de deseño, funcionais e de organización de contidos, revisión de contidos publicados nos portais “para garantir unha homoxeneidade de estilo e de calidade, e aliñamento co establecido nas políticas web corporativas da Xunta”, a redacción de guías de recomendación, a colaboración na elaboración de contidos do portal e na documentación formativa ou divulgativa e na edición e mantemento dos contidos.

Por outra banda, a empresa gañadora tamén participará nas tarefas de dinamización de contidos con áreas de novas, canles de participación, elaboración de boletíns ou aqueles que xurdan durante a execución do proxecto. Tamén se encargará da publicación diaria de contidos para esas canles e elaborará un plan de dinamización de contidos. Ademais, o adxudicatario terá que realizar o deseño, desenvolvemento e instalacións de novas funcionalidades.

Web Eido Local da Xunta
Web Eido Local da Xunta

Finalmente, terá que realizar o soporte técnico das incidencias que se produzan nestes dous portais cun tempo máximo de resposta de 60 minutos. A empresa terá que facilitar mensualmente á Amtega un informe coa actividade realizada e os parámetros da calidade dos servizos acadados.

Portal web Galicia Aberta da Xunta
Portal web Galicia Aberta da Xunta
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta