Pola Avenida de Lovaina

Moito se ten falado do que pasou en Bruxelas antes de Semana Santa. Pouco de como é a cidade realmente.

Por Serafin Pazos | Bruxela | 13/04/2016

Comparte esta noticia

Bruxelas non é unha cidade, senón unha rexión con dezanove concellos. Vivo no de Saint Josse, o máis pequeno de Bélxica e disque o máis pobre.  Quilometro cadrado e medio, algo así coma un Mónaco con 20% de paro. Tamén é o distrito máis diverso na cidade máis cosmopolita do mundo. Tamén é a terceira cidade máis rica de Europa, 230% da renda española. Hai varias rúas en Saint Josse nas que dunha punta á outra o nivel de renda quintuplícase, alomenos segundo a estatística; moito do diñeiro gañado na cidade gástase nas vilas de millonarios  que viven fóra de Bruxelas - por iso as rúas ca cidade precisan dunha boa limpeza .  Atravesa Saint Josse a Avenida de Lovaina que é unha rúa tan longa que vai desde a Praza Maior de Bruxelas á da desoutra cidade,  que está a trinta quilómetros, os numerais das casas chegan ós miles. Un bus da compañía pública flamenga fai o percorrido nunha hora. 

Ó pe da rúa hai  un restaurante libanés, máis ben unha tasca, catro xeracións de belas mozas cristiáns maronitas. Seguindo pola avenida hai un bar de búlgaros, coma tamén búlgara é a cadea de supermercados "Sofia" da que hai varios establecementos  no barrio. Aínda que nada coma as dúas tendas polonesas e unha romena para proveerse de carne de porco e cervexa. No supermercado Delhaize, que é coma o Gadis belga, hai sección española con colacao e horchata de chufas (¿?) e logo de tantos anos de espera agora tamén teñen Albariño, polbo cocido, marisco e calamares de Pescanova.  Un pouco máis aló acaba de abrir un supermercado e cafetería portuguesa, que é dos poucos sitios onde tomar bo café,  amais de unto para o cocido e pan de broa coma xa non hai nas nosas aldeas. Tamén alí perto ata hai uns meses estaba aberta a Livaria Portuguesa e Galega Orfeu , froito do esforzo desinteresado e heroico de Joaquim Pinto, ó que Portugal é Galicia nunha llo terán agradecido bastante.  Para tetilla , chourizos do país e empanada hai unha tenda española máis aló.   Tamén unha cafetaría siciliana onde teñen un excelente buffet e repostaría, pero onde che meten unha boa se non es da illa.
Pero obviamente se por algo Saint Josse é coñecido é porque a inmensa maioría da poboación é musulmán, de feito Bruxelas é a gran cidade europea con máis poboación estranxeira (tres cuartos) e onde alomenos a metade profesan ou se poden identificar co Islam.  En Saint Josse predominan os Turcos. Antes vivía máis aínda no medio do barrio e cando fun por primeira vez a Turquía todo era xa tremendamente familiar, os mesmos cheiros, os mesmos produtos nas tendas, o mesmo pan e doces, os mesmos xornais (que abren o domingo a diferencia dos belgas, polo que podo mercar a prensa española ou británica), a mesma cervexa Efes...a diferenza é obviamente o clima. 

Disque cada bar, cheos de vellos que lembran ás tascas das nosas aldeas, pertence a unha confraría sufí, e onte mesmo celebraron cun xantar na rúa (aberto a todos) o primeiro aniversario da construción da mesquita do barrio, un bo exemplo de arquitectura respectuosa co urbanismo da zona. Por suposto, sendo un barrio moi seguro (moitos traballan, pero en negro, para así cobrar os xenerosos subsidios belgas, o que explica en parte o do alto paro) non todo é idílico: no extremo do barrio viven os kurdos, e o día que me mudei, hai xa máis dunha década, plantáranlle lume ó seu centro cultural. Pero tamén é certo que non vin máis incidente desde aquela. O que non significa que non haxa tensións soterradas, como cando a tenda armenia apareceu vandalizada. Por non falar dos varios xastrerías e tendas    cristianos siríacos e asirios que vén con preocupación a guerra en Siria, máis que dalgún xeito os doces feitos en Damasco seguen a chegar ás tendas. Seguindo pola rúa tamén hai unha prezenza de tendas e bares africanos, aínda que estes predominan noutros barrios (como tamén o fan os portugueses que viven concentrados en Flagey en Saing Gilles e Flagey e onde literalmente, desde o tendeiro ó farmacéutico son todos curmáns nosos). Seguindo pola avenida adiante chégase a un punto onde todos os letreiros pasan a estar en Holandés , todo semella igual pero ese sutil cambio reflicte o conflito non tan soterrado entre Flamengos e Belgas francófonos polo control de Bruxelas.
Esta é a cidade do mundo onde é mellor ser estranxeiro. Ninguén é daquí, ninguén che obriga a que te integres, tamén porque non hai nada realmente a que integrarse. Os belgas aplican cos estranxeiros o mesmo comunitarismo que se aplican entre eles mesmos: o idioma e o tipo de estrato social ó que pertenzas (liberal, católico, socialista) determina moito o circulo pechado onde te movas desde que naces ata que morres: se vés dunha familia  liberal irás a unha escola liberal, a unha mutua sanitaria liberal, unha universidade liberal, unha profesión liberal e supoño que un cemiterio liberal. Os estranxeiros somos pois unha comunidade máis. Aínda quedan no barrio señoronas maiores belgas "de toda la vida" e resulta incrible ver o pouco que se queixan de terse convertido nunha rareza na súa propia capital. O feito que por unha carambola a capital da UE non fora París senón Bruxelas dálle unha dimensión aínda máis á cidade pero os ingredientes desta cosmópole xa están no ADN da cidade desde moito antes. Está claro que vivir nun sitio así, onde todo é tan relativo, onde as certezas parroquiais doadamente se desmontan, non é para calquera, nin creo que o resto de países e cidades teñan que ir por esta ruta de desenraizamento brutal. Pero está ben que existan estas cidades de encontro, de inestable e frecuentemente efémero equilibrio: Toledo,Xerusalen, Estambul, o Shangai de entreguerras, Hong Kong, Ciudad del Este.  O que pasou hai un par de semanas é o prezo que desgraciadamente hai que pagar por vivir nunha cidade aberta ó mundo. Dificilmente consolo a quen perdeu a alguén nos ataques, pero moito peor é ceder ás voces alarmistas e os cantos de serea da obsesión securitaria e a militarización das rúas.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA