O Sergas aposta pola sanidade privada cun aumento dun 18% nos concertos desde 2019

Este investimento supuxo 242,4 millóns en 2023 e o o seu "peso relativo" no conxunto do sistema "mantense" no 4,6%

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) incrementou "de maneira sostida" o investimento en actividade sanitaria concertada tras a irrupción da covid-19. Segundo cifras que recolle o Consello de Contas, entre 2019 e 2023 o gasto subiu un 18%, de 205 millóns a 242,4 millóns.

Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela
Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Así o reflicte o informe de fiscalización da Conta Xeral do Sergas correspondente ao 2023, publicado este martes, que sinala que os concertos co sector privado cumpren "un papel relevante no marco dos sistemas nacionais de saúde", ante a ausencia de medios propios para atender á demanda asistencial.

En concreto, no último ano analizado polo Consello de Contas, o gasto en actividade concertada foi de 242,4 millóns de euros. Esta cifra implica un 7% máis que en 2022, pero a subida é dun 18% se se compara con 2019, o último ano sen covid. Naquel exercicio, este investimento foi de 205,5 millóns e supuña unha diminución dun 1% con respecto ao anterior, tal e como apuntou o informe de fiscalización de 2019. Ademais, Contas sinala que, de todo este incremento sostido desde que apareceu a covid, o salto de 2022 a 2023 foi o máis grande, cun 7% máis.

A pesar de todo iso, en termos de representatividade no conxunto do gasto do Sergas, a actividade concertada "mantense cun peso relativo do 4,6%" desde 2020. Por áreas sanitarias, o volume do concerto co Hospital Ribeira Povisa fai que a de Vigo acumule o 45% do montante total, seguida de lonxe pola da Coruña-Cee. A que menos cantidade dedica a concertos é a de Pontevedra-O Salnés.

"DEFECTOS" NA CONTRATACIÓN

Así mesmo, o Consello de Contas advirte de "defectos" na tramitación dos gastos de actividade concertada, porque o Sergas "segue utilizando a autorización de uso temporal" para contratar de maneira directa estes servizos "sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato", tendo en conta que carecen "das notas de excepcionalidade e temporalidade" que xustifican o emprego desta figura.

Xunto a isto, "ao obviarse a vía establecida" na lei de contratos do sector público, "non existe expediente de contratación", reprocha o órgano fiscalizador, que tamén sospeita de que parte dos contratos foron sometidos a "fraccionamentos dos importes". O Sergas, nas alegacións presentadas a este informe de Contas, sinalou que a figura da autorización de uso está "especificamente prevista" na Lei de Saúde de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta