Os expertos falan da realidade económica de Altri: cando o negocio supera o sentido común ambiental

"As estimacións de Altri á hora de presentar o seu proxecto están feitas pensando en rendementos óptimos, pero a realidade pode ser moi diferente", advirte Horario García, profesor titular de Xeografía Física na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Por Ángela Precedo | LUGO | 18/05/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A chegada de proxectos industriais de gran escala a Galicia adoita vir acompañada dunha promesa de progreso, emprego e tecnoloxía punteira. Mais, detrás dos titulares e dos anuncios institucionais, fórmanse sombras de dúbida sobre o verdadeiro impacto destas iniciativas no medio natural e en recursos esenciais como a auga. O proxecto que Altri plantexa instalar en Palas de Rei non é unha excepción. Presentado como unha oportunidade estratéxica para a comarca e para o tecido produtivo galego, tamén espertou unha fonda inquedanza e oposición en gran parte da sociedade civil e da comunidade científica, especialmente polo seu impacto hidrolóxico. Mentres os seus promotores insisten na viabilidade técnica e na eficiencia dos seus sistemas de depuración, voces expertas chaman á cautela e poñen o foco nos riscos que poden pasar desapercibidos nunha análise superficial ou excesivamente confiada na tecnoloxía do proxecto.

Varias persoas durante unha manifestación en barco contra Altri, a 12 de xuño de 2024, na Ría de Arousa
Varias persoas durante unha manifestación en barco contra Altri, a 12 de xuño de 2024, na Ría de Arousa | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

Galicia Confidencial fala con Horacio García, profesor titular de Xeografía Física na Universidade de Santiago de Compostela (USC), para facerlle unha pregunta clara: hai garantías suficientes de que os mecanismos tecnolóxicos de depuración da auga anunciados pola planta funcionarán como se promete? A resposta está lonxe de ser tranquilizadora. García afirma que, "na súa formulación actual, o proxecto que presenta Altri é máis 'probabilístico' (baseado en supostos) que 'garantista' (o que esixe a lei), ao trasladar o seu funcionamento a un marco hipotético de máximos óptimos baseado na idolatría da tecnoloxía e o emprego de datos reducionistas de caudal". Por iso, considera que "este marco crea dúas 'falsas sensacións': unha de seguridade e outra de abundancia de auga". Así, por unha banda, "a falsa sensación de seguridade camúflase baixo fundamentos tecnolóxicos para afirmar que os riscos son moi baixos e que a propia tecnoloxía que os causa ten a capacidade de solucionalos, se ben a evidencia dánola a historia, testemuña de que isto non é así".

Indo máis ao concreto, a proposta técnica para a depuración é a do biorreactor de membrana e a afirmación por parte do promotor do proxecto é que con esta tecnoloxía nunca se igualarán ou excederán os límites legais, baseándose nesa fiabilidade da bondade das novas tecnoloxías, porén, como advirte García, "non se amosaron os escenarios de confianza entre o rendemento de homologación das achegas do fabricante (rendemento óptimo) e o rendemento baixo condicións de uso (por exemplo, suciedade nas membranas)". Desta maneira, "enténdese que as estimacións calculadas están feitas, ao non indicarse o contrario na documentación ambiental, con rendementos óptimos, mais a diferenza entre marcos hipotéticos pode chegar a ser moi significativa", advirte.

"CANDO A LEI AMBIENTAL PERMITE QUE ALTRI POIDA AUTOAVALIAR O IMPACTO DA SÚA OBRA E ACTIVIDADE, O ASUNTO XA NON COMEZA MOI BEN"

Chegados a este punto, para o experto resulta evidente que no proceso de avaliación ambiental do proxecto de Altri non se tiveron o suficientemente en conta os riscos hidrolóxicos. Segundo critica, "pasáronse todos os riscos por alto". E iso que "as probas empíricas amosan que aprobar proxectos que non cumpran as condicións mínimas de risco e respecto medioambiental obriga á sociedade a actuar como plan de continxencia e de soporte de todos os riscos ambientais e económicos asociados á actividade". Polo tanto, para García, "a conclusión é que debemos traballar sempre con hipóteses de mínimos óptimos e co emprego de datos de caudal nas situacións máis críticas", porque, "facer o contrario, non conduce a nada máis que á consolidación dun círculo pernicioso cuxa máxima expresión é a ruptura dos ciclos ecolóxicos do río, algo que, en si mesmo, é incoherente --alterar o medio natural que é o soporte vital da sociedade e do territorio--, pero tamén moi custoso economicamente --é dicir, pagar para obter un servizo e un recurso: a auga que un río en bo estado xa nos achegaría de maneira natural--".

Varias persoas durante unha manifestación en barco contra Altri, a 12 de xuño de 2024, na Ría de Arousa
Varias persoas durante unha manifestación en barco contra Altri, a 12 de xuño de 2024, na Ría de Arousa | Fonte: Elena Fernández - Arquivo

Así as cousas, "cando a lei ambiental permite que Altri poida autoavaliar o impacto da súa obra e actividade, o asunto xa non comeza moi ben", pois "é agardable que os resultados sexan favorables aos intereses do promotor, como acontece sempre". Desta maneira, García advirte de que "o pacto de non agresión entre órgano ambiental (Xunta de Galicia) e promotor, fai que se poida tirar para adiante este tipo de proxectos" sen maiores cuestionamentos. Pola contra, baixo o seu punto de vista, "sería preciso reformular o sistema de avaliación tendendo cara procesos de revisión cega e con máis filtros de control que outorguen garantías reais". "Proxectos desta magnitude deben ser sometidos a moita tensión para detectar todas as fallas posibles", reflexiona, aseguran que "trátase de buscar un carácter propositivo e de crecemento, sen acritude, para dotar á análise dunha visión expansiva e diversa que se axuste o mellor posible ás consecuencias do impacto hidrolóxico".

"O 'FENÓMENO ALTRI' SIMBOLIZA O PODER ECONÓMICO VINCULADO Á EXPLOTACIÓN INDUSTRIAL QUE SE ESTÁ A PROMOVER EN GALICIA"

"O efecto de industrias que son grandes consumidoras de auga e con verteduras cuestionables aos ríos atópase de xeito abundante por todo o planeta", asegura García, que lamenta que "as normativas fanse e axústanse moitas veces segundo intereses". No caso do noroeste da Península Ibérica, apunta aos casos de ENCE en Pontevedra e Navia (Asturias), onde "no caso da primeira, as leis e regulamentos fóronse axeitando década tras década para que a industria se axustase aos mesmos". "Non deixa de ser todo un xogo de intereses que desemboca nunha perda de confianza na Administración por parte da sociedade", apunta o profesor da USC. Na súa opinión, "a industria é algo necesario", pero "temos que repensar certos aspectos, entre outros, que os usos consuntivos da auga debe, por parte da Administración, tratarse en marcos temporais máis pequenos, apoiados nunha xestión adaptada ao coñecemento progresivo". E, como resalta, "iso só se consegue cunha industria equilibrada, con impactos positivos que se maximicen nos territorios máis desfavorecidos, o cal fará tamén máis forte ao conxunto de Galicia; e con impactos negativos que se minimicen cunha actividade menos intensiva en termos de concentración".

"Toda revolución industrial con capacidade transformadora debe chegar a uns equilibrios que non sexan lesivos para o medio natural e, por extensión, para a sociedade", asevera García. O profesor da USC lamenta que "o 'fenómeno Altri' simboliza o poder económico vinculado á explotación industrial que se está a promover en Galicia". "A 'diagonal' que une ENCE de Pontevedra e Navia, con Altri como punto central, funciona como un signo de apropiación territorial por parte de intereses privados e o beneplácito político", advirte, sinalando que "un territorio soporta o que lle boten, pero o problema é que tipo de modelo territorial estamos a configurar". Para García, non cabe dúbida de que, "a todas luces, o equilibirio co ecosistema galego ráchase con este tipo de industrias que concentran tantos recursos enerxéticos de insumos básicos como a auga, e de materia prima como o eucalipto", conclúe.

Infografía do proxecto de fábrica de Altri
Infografía do proxecto de fábrica de Altri | Fonte: Greenfiber - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta