O Sergas executou entre 2021 e 2023 un 16 % menos do orzamento previsto no seu plan de saúde mental

Son datos do último informe do Consello de Contas, que pide máis sanitarios neste ámbito tras a incorporación de 224 entre 2020 e 2023, 17 por baixo do planificado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/05/2025 | Actualizada ás 14:59

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) executou entre os anos 2021 e 2023 algo máis de 24,5 millóns de euros ao amparo do seu plan de saúde mental, cando o previsto inicialmente, na memoria económica, eran 29,1 millóns. É dicir, houbo unha "desviación final" do 16 %, segundo datos que recolle o Consello de Contas de Galicia. Así o estipula o seu informe de auditoría de varios programas do ámbito da saúde mental do Sergas no que se destaca que "se logrou a implantación de varios proxectos estratéxicos, pero non se dotaron os recursos económicos considerados como necesarios" na memoria do plan de saúde mental posto en marcha tras a covid-19. Esta falta de recursos supuxo "atrasos significativos na contratación de persoal e que non se executasen proxectos cualificados como prioritarios", engade Contas.

Sede da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), en San Lázaro, Santiago de Compostela
Sede da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde (Sergas), en San Lázaro, Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

En concreto, de acordo cos datos do informe do órgano fiscalizador, recollido por Europa Press, o Sergas previra, na memoria económica do plan de saúde mental, un total de 29.183.25 euros a implementar entre 2021 e 2023. Xa de inicio, os orzamentos da Xunta reservados para esas tres anualidades foron 28.859.434 euros, é dicir, non asignaron as cifras previstas ao devandito plan --un 1,1 % menos--. Tendo en conta as modificacións de crédito, esta cifra quedou nun 28.979.771 euros, o que rebaixou a desviación ao 0,7 %. Con todo, hai que ter en conta que, "a pesar de ter crédito dotado, non se executou o gasto". Por tanto, o efectivamente executado foron 24.5524.770 euros, uns 4,6 millóns menos do previsto inicialmente entre 2021 e 2023. En conclusión, a desviación final foi do 16 %.

MENOS PERSOAL DO PREVISTO

Ademais, o informe do Consello de Contas recolle datos sobre o persoal de saúde mental que se prevía contratar entre 2020 e 2023. En total, esperábase incorporar 241 profesionais neste campo: 66 enfermeiros, 54 psiquiatras, 45 psicólogos, 42 axiliares de Enfermaría, 29 traballadores sociais e cinco terapeutas ocupacionais. De todos eles, finalmente contratáronse 224, algo que Contas achaca a un "atraso temporal" dos obxectivos. E é que no ano 2020 estaba previsto que empezasen no Sergas 55 profesionais, pero de todos eles só o fixeron dous psicólogos clínicos.

Isto foise corrixindo nalgunha das anualidades seguintes --por exemplo, en 2021 contratáronse 103 profesionais de 65 que había previstos--, pero o balance final é de 17 incorporacións menos das planificadas. A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que o cociente adecuado de psiquiatras está entre 13 e 15 por cada 100.000 habitantes. Esta cifra era de 8,7 en Galicia en 2019, inferior ao recomendado pero minimamente superior á media estatal.

IMPACTO DA PANDEMIA EN SAÚDE MENTAL

O informe de Contas tamén confirma o impacto que tivo a pandemia da covid na saúde mental da poboación. O número de consultas atendidas en Psiquiatría aumentou un 13 % en 2021 e un 3 % en 2022 en relación con 2019. Non se considera o 2020 polo impacto que tivo sobre a asistencia no Sergas. Do igual modo, incrementouse o número de pacientes en listas de espera: dos 8.411 que había en decembro de 2019 aos 10.431 que había en decembro de 2023. Isto veu da man dun incremento da espera media de 43 días a 73,2.

Non entanto, estes datos varían en función da área sanitaria. Así, o tempo medio de espera disparouse nas de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras (+214 %), Lugo-A Mariña-Monforte (+149 %) e Vigo (+103 %). En canto ás restantes, subiu un 41 % na área de Ferrol, mantívose igual na de Santiago-Barbanza, e descendeu nas da Coruña-Cee (-8 %) e Pontevedra-O Salnés (-43 %). Por tanto, Contas subliña que o obxectivo que incluía o plan de saúde mental para reducir a lista de espera "só se cumpre en tres das sete áreas sanitarias" e que hai unha "falta de equidade territorial" no acceso a estes servizos.

CONSUMO DE FÁRMACOS

Outro dato que deixa o informe fiscalizador é o aumento do 13 % nas receitas de ansiolíticos e antidepresivos entre 2019 e 2023. Especialmente preocupante é a subida entre os mozos de ata 19 anos, cuxo consumo destes fármacos disparouse un 52 % desde a aparición da covid. O principal incremento deuse nos anos 2021 e 2022. Ademais, os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) reflicten que o número de mortes por suicidio incrementouse nun 4 % en 2020, nun 15 % en 2021 e nun 12 % en 2022.

RECOMENDACIÓNS

Dentro do apartado de recomendacións, o Consello de Contas pide ao Sergas que adopte "as medidas necesarias para garantir que os recursos económicos" para os seus plans de saúde mental "sexan suficientes e estean dispoñibles de maneira oportuna". En paralelo, que faga un "sistema de seguimento forte" a través de informes periódicos de avaliación que permitan "facer axustes baseados nos resultados conseguidos" e que estes se publiquen. En recursos humanos, Contas pide "ampliar a contratación de persoal especializado, especialmente naquelas áreas nas que se detectaron desequilibrios territoriais, para garantir que toda a cidadanía teña acceso a servizos adecuados".

Así mesmo, suxire "seguir impulsando cambios" na atención, por exemplo implantando a Psicoloxía Clínica na atención primaria, así como reducir "a desigualdade no acceso" que existe --tanto territorial como de determinados colectivos-- de cara ao deseño do novo plan de saúde mental, previsto para este mesmo 2025. Para a elaboración desta folla de ruta, recomenda incorporar "indicadores medibles en todos os programas" que poidan "avaliarse periodicamente para axustar as estratexias ás necesidades emerxentes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta