Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/05/2025 | Actualizada ás 14:00
Primeiro foron os albergues do Camiño de Santiago. Logo, as mochilas. Despois, os dormitorios. As chinches de cama volveron, como polizonas invisibles na roupa e nas equipaxes de quen peregrinan. Non fan ruído, non avisan, pero deixan picadas e noites en vela. O que semellaba unha praga do pasado rexurdiu con forza en Galicia, como unha sombra que se coa entre as costuras do turismo, da fe e do cansancio. Recorren os mesmos carreiros que os camiñantes, dormen onde eles dormen e multiplícanse en silencio. A diferenza do pó ou a lama do camiño, non chega con sacudilas ao chegar á casa: quédanse con nós, nas nosas pertenzas. E o que comeza como unha incomodidade entre etapas, pode rematar como unha infestación no salón dun fogar galego calquera. José Antonio Quiroga, xerente e responsable técnico da empresa Sergal, especializada en control de pragas, conta ao Galicia Confidencial que están tendo moitas chamadas sobre este problema, que vén de lonxe.
"Hoxe mesmo vin nas noticias que hai unha praga de chinches no aeroporto de Madrid-Barajas", comenta José Antonio. Efectivamente, os medios de comunicación deron esta mesma semana a noticia dunha incontrolable praga no principal aeroporto español que afectaba tanto a viaxeiros como aos propios traballadores. Como se apuntaba, as zonas máis afectadas son os mostradores, mesas, áreas de facturación e mesmo os baños. Parte do persoal xa acode ao traballo con repelente ou spray, para evitar picaduras. O problema, como contaban, non é só físico, senón tamén mental, pois viven nun estrés psicolóxico constante derivado do temor a novas picaduras ou a levarse os insectos á casa despois da xornada laboral. Mentres, dende Aena aseguran que a situación está xa baixo control e que as tarefas de limpeza e hixienización son constantes, tanto pola noite como pola mañá.
Ademais, cómpre recordar que cada ano volve saltar a alerta de que nos albergues do Camiño hai chinches. Isto é algo que causou especial balbordo social o pasado verán, pero que, como asegura José Antonio, "aínda segue estando aí". En xullo a Asociación Hostelería Compostela advertía da presenza destes insectos en establecementos do Camiño, pedindo aos propietarios extremar as precaucións para previr o que sempre ameaza con converterse nun problema máis grave. Ademais, instaban á Xunta de Galicia e ás empresas de transporte de equipaxe a tomar conciencia da situación, porque é a través das mochilas dos peregrinos que as chinches rematan chegando aos hostais. A asociación reclamaba un protocolo de actuación común, non só para os aloxamentos, senón tamén para que os propios peregrinos sexan conscientes de que poden ser picados por unha chinche e levala con eles nas súas equipaxes e roupas, recomendándolles revisarse antes de saír de calquera establecemento.
"AS CHINCHES DE CAMA VIAXAN NA NOSA ROUPA E NAS NOSAS EQUIPAXES, POLO QUE SE ALGUÉN QUE FAI O CAMIÑO AS PORTA, VAINAS IR DEIXANDO POR EL"
Segundo explica o xerente e responsable técnico de Sergal, a globalización --a mesma que trouxo tamén a Galicia o picudo vermello das palmeiras-- tamén explica este novo brote. "A Galicia chega moita xente doutros lugares, lugares nos que hai diversidade de insectos que, unha vez chegan aquí, poden desencadear pragas", reflexiona. Así, lembra que, fai cousa de dous anos, en París tiñan serios problemas coas chinches, a nivel xeral, pero especialmente no transporte público, cines e outros espazos públicos. Este problema causou verdadeira alarma tanto entre os residentes coma entre os visitantes, e foi amplamente cuberto polos medios de comunicación. A situación chegou ao punto de levar ás autoridades parisinas a implementar medidas de control e prevención para abordar a praga e minimizar a súa propagación. Ademais, este brote en París tamén xerou alertas noutras cidades europeas, que comezaron a monitorar e reforzar os seus protocolos de hixiene e control de pragas en espazos públicos.
E é que podería quedar recluído á contorna dun país en tempos pasados, no presente significa que hai un serio risco de que se espalle por outros, pois as pragas viaxan coas persoas. "As chinches de cama viaxan na nosa roupa e nas nosas equipaxes", apunta José Antonio, que resalta que "se unha persoa que tiña chinches na casa ou que estivo en contacto con elas chega a Galicia a través do Camiño de Santiago dende, por exemplo, Roncesvalles, tras durmir en numerosos albergues, pode ir deixándoas en todos, de maneira que o que vén por detrás e para nos mesmos lugares, xa ten a festa montada e contribuirá tamén a espallar a praga". É unha cadea de transmisión que resulta moi complicada de rachar.
"ESTANNOS CHAMANDO TAMÉN PARA REALIZAR TRATAMENTOS EN DOMICILIOS PARTICULARES, PORQUE HOUBO UN INCREMENTO DA PRAGA NAS CASAS"
Pero na actualidade a situación escalou ao punto de que xa non só se detectan esta chinches en albergues ou aloxamentos turísticos, senón que "tamén nos están chamando dende domicilios particulares", pois, como detalla dende Sergal, "houbo un incremento importante da praga en casas". E é que, como explica José Antonio, unha vez que as chinches entran na casa, xa é tarde para rastrexar onde comezou todo e, ademais, de pouco serviría sabelo. Algo semellante asegura que acontece no caso das pulgas. "A xente adoita asociar pulgas a mascotas, pero hai persoas que nos chaman que non teñen mascotas e non entenden que poden collelas igualmente na rúa ou no campo, sen maiores requerimentos", advirte.
No tocante ao tratamento, resalta que este é moito máis complexo do que poida semellar nun primeiro momento. "As chinches son un insecto que se mete en calquera recuncho, polo que temos que facelo moi ben á hora de poñer en marcha o tratamento para non deixar ningunha", explica. No caso desta empresa, combinan métodos físicos con métodos químicos. "Hai xente que só emprega produtos químicos, o cal non está mal, pero logo rematan chamándonos a nós para arranxar o problema igualmente, porque só con iso non son quen de rematar coa praga na súa totalidade", asegura. E é que as chinches teñen a capacidade de aproveitar calquera recuncho para agocharse e non ser atopadas. En Sergal aseguran que "nós, con independencia do tratamento que haxa que aplicar, garantimos o resultado, sempre avisando ao cliente de ata onde chegan as nosas posibilidades en función do problema".
"A CLAVE ESTÁ NA PREVENCIÓN E EN NON DEIXAR NINGÚN RECUNCHO NO QUE SE POIDAN AGOCHAR SEN TRATAR"
Actualmente, as chinches son máis que unha molestia: son un símbolo de como mesmo as pragas do pasado poden volver con forza no presente. Os ecos dos problemas que afectan a outros países chegan aquí, coma se a globalización non só trouxera produtos, senón tamén as súas sombras. José Antonio insiste en que "a clave está na prevención", para non deixar que o que comeza sendo unha pequena incomodidade se convirta nun pesadelo a longo prazo. E, aínda que o tratamento non é doado, a solución está nas mans de quen se atreven a enfrontarse ao invisible, ao que se agocha nos recunchos máis recónditos das nosas casas. A globalización fixo que esta praga sexa máis difícil de erradicar, pero tamén nos ensinou a estar alerta. As chinches, como as historias que percorren o Camiño de Santiago, seguen viaxando, atopando novos camiños, novos fogares e novas vítimas. E, cando xa estamos atrapados na súa rede, é só entón cando entendemos que, se os camiños do peregrino son eternos, as pragas tamén o son.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.