Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/05/2025 | Actualizada ás 21:00
Na natureza hai tempos marcados por silencios cheos de vida. Tempos nos que os niños acollen novos latexos, as tobeiras gardan crías e as árbores brotan coas promesas dunha nova estación. Hai un ritmo ancentral que se repite cada ano, discreto e constante, no que cada paxaro, cada anfibio e cada insecto ten o seu intre axeitado para nacer e medrar. Mais é xusto nestes días nos que moitos están comezando a ter as súas crías cando máquinas, motoserras e escavadoras chegan sen contemplación, interrompendo o ciclo máis delicado do ano. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de denunciar que as recentes intervencións de "limpeza de cauces para evitar inundacións", anunciadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, están a poñer en risco centos de especies en plena época reprodutiva, ameazando con silenciar un proceso vital que se desenvolve, case sempre, sen que o vexamos.
En concreto, os traballos afectan aos ríos Barbantiño e Arnoia, dous regatos en Toén e Viana do Bolo e á canle principal da Lagoa de Antela, zonas incluídas na Rede Natura 2000 ou nas propostas de ampliación da mesma. Para a SGHN, esta coincidencia é "alarmante", non tanto polo tipo de intervencións, que consideran discutibles, senón polo momento escollido para realizalas. En palabras de Serafín González Avedaño, presidente da entidade, "é difícil escoller unha época peor para facer estas actuacións". Con todo, as actuacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non son unha excepción, senón que hai moitas outras ao longo de toda Galicia. Por exemplo, nos concellos de Rois e Padrón estanse executando labores de limpeza en case 20 quilómetros de ríos para previr inundacións por parte de Augas de Galicia. Do mesmo xeito, estanse a realizar tarefas de conservación en 5,3 quilómetros de ríos dos concellos de Baiona e Gondomar, incluíndo os ríos Groba, Baíña e o regato das Tres Regueiras, coa retirada de árbores caídos e biomasa.
"É AGORA CANDO HAI MÁIS NIÑOS ACTIVOS Á BEIRA DOS RÍOS; SE HAI UN PROBLEMA DE SEGURIDADE NUN MURO, HAI MOITOS MESES PARA INTERVIR"
Segundo explica González ao Galicia Confidencial, entre mediados de marzo e finais de xuño concéntrase a maior intensidade de cría da fauna galega. É o momento no que a vida se multiplica: paxaros nos niños, crías nas tobeiras, movemento constante nos hábitats fluviais e forestais... "Hai especies que comezan antes, mesmo no inverno, como algunhas nocturnas, e outras que estenden o período de cría máis aló do verán", aclara o experto, pero resaltando que, "en calquera caso, é agora cando hai máis niños activos nas árbores á beira dos ríos, cando hai máis actividade de alimentación e cando hai máis risco de que unha intervención mal programada destrúa sen remedio un ciclo enteiro de reprodución". E non é un fenómeno puntual: é o corazón do calendario biolóxico.
Chegados a este punto, o que máis preocupa á entidade é que este tipo de traballos se están multiplicando duns anos cara esta parte. O presidente da SGHN pon exemplos recentes: obras na Ponte Vella de Ourense, xusto antes da chegada dos cirrios, ave protexida no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial; podas en árbores urbanas en Santiago cando acaban de brotar as follas novas; ou intervencións en muros de pedra en Vigo onde aniñaban paxaros. "Se hai un problema de seguridade nun muro, hai moitos meses no ano para intervir, pero facelo agora é un erro innecesario, a non ser que o perigo sexa flagrante", apunta.
"OS REFRÁNS XA ADVERTÍAN QUE EN FEBREIRO COMEZA O CICLO VITAL, NON FAI FALTA MÁIS INVESTIGACIÓN PARA SABER QUE EN MARZO XA ESTÁN A CRIAR"
Así, González insiste en que non se trata de estar contra o mantemento, senón de planificalo mellor. "Sabemos que as árbores non morren por agardar un pouco máis; e, desde o punto de vista da fauna, é un momento pésimo facelo agora", sinala. Tamén lembra que non hai que ser un xenio nin un estudado da materia para darse conta disto, pois o saber popular galego xa marca esta época como sensible: 'Por San Blas (3 de febreiro), as cegoñas verás' e 'Cando a Candeloria (2 de febreiro) chora, medio inverno vai fóra', esta última época na que se di que 'casan' os paxaros. "Se os refráns xa advertían que en febreiro comeza o ciclo vital, non fai falta máis innovación para saber que en marzo xa estarán a criar, con botar man do noso refraneiro, abonda", engade, entre risas, pero con moita verdade detrás.
A SGHN remitiu escritos á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Consellería de Medio Ambiente solicitando a paralización inmediata das limpezas ata que remate a tempada de cría. Piden sentido común, respecto polos tempos da natureza e un mínimo de planificación para evitar que cada actuación de mantemento se converta nunha sentenza para centos de seres vivos. "Hai moitas semanas ao ano para facer estas tarefas sen prexuízo para a biodiversidade", insisten. Non é unha cuestión técnica nin económica: é ética. Porque cando se interveñen ríos e árbores no momento en que están a dar vida, non se está a limpar: estase a arrasar. E como demostra o refraneiro popular, xa o sabían os nosos devanceiros que, en moitos casos, tiñan máis respecto pola natureza. Entón, que escusa queda para mirar cara outro lado?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.