Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/05/2025 | Actualizada ás 22:00
Tralo apagamento eléctrico sen precedentes que afectou a boa parte de España e Portugal o pasado 28 de abril, unha das primeiras hipóteses apunta á suposta 'sobreprodución' de enerxía renovable como posible causa do fallo. Aínda que o Goberno advertiu que levará meses coñecer os motivos exactos, o episodio reabriu o debate sobre os límites e desafíos da transición enerxética. Galicia, cun dos 'mix' eléctricos máis limpos do Estado, situouse inevitablemente no centro da conversa. Mais, é certo que producir moitas enerxía renovable pode xerar inestabilidade na rede? Ou o problema de fondo está noutra parte? Para afondar nisto, Galicia Confidencial fala con Oriol Sarmiento, xerente do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) --entidade que representa a máis dun centenar de empresas galegas vinculadas á cadea de valor das enerxías limpas-- e enxeñeiro industrial cunha destacada traxectoria no sector enerxético galego, nun momento no que o modelo enerxético galego volve estar baixo os focos.
Galicia é unha das rexións líderes en xeración de enerxía renovable de España. Como indica Sarmiento, "o peso das renovables é moi importante no mix eléctrico galego, pois representan máis do 80 % da xeración eléctrica da comunidade". Segundo os últimos datos de Red Eléctrica Española (REE), Galicia xerou en 2023 arredor de 25.000 GWh de electricidade renovable, o que supón case o dobre do seu consumo. Dentro delas, as tecnoloxías máis importantes son a enerxía hidráulica e a eólica. De feito, sempre se di que Galicia é unha potencia hidráulica, algo que o xerente de Cluergal confirma, asegurando que a nosa terra "é unha das comunidades autónomas con maior potencia hidráulica instalada", ata chegar a supór "máis do 20 % do total de España". Esta cifra tradúcese en máis de 3.000 MW de potencia hidroeléctrica operativa, segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Por outra banda, no ámbito eólico Galicia tamén destaca fortemente, sendo "unha das rexións con maior capacidade eólica instalada, con preto de 4.000 MW", o que representa o 14 % da potencia eólica total do país. Con todo, Sarmiento lamenta que "nos últimos anos está a perder ese liderado debido á paralización eólica".
Cómpre lembrar que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) leva paralizados máis de 60 parques eólicos no último ano debido a cuestións ambientais e administrativas. Chegados a este punto, e tendo en conta que como causa principal do apagamento que se viviu en España o pasado 28 de abril se está apuntando á 'sobreprodución' de renovables, á falta de que se coñezan oficialmente os motivos deste 'blackout' eléctrico sen precedentes --algo que, como indicou o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tardará uns meses--, estaría Galicia máis exposta a sufrir problemas deste estilo no futuro debido á súa alta xeración de renovables? Neste senso, Sarmiento fai un chamamento á "prudencia", pois lembra que "aínda non temos unha comunicación oficial das causas do apagamento". En calquera caso, considera que esa alta xeración de renovables "non é un problema". Con todo, si cre que, "independentemente das causas do apagamento, este si foi unha chamada de atención sobre o feito de que para desenvolver a transición enerxética é esencial adaptar a infraestrutura eléctrica e desenvolver sistemas de almacenamento enerxético para xestionar axeitadamente a variabilidade das renovables".
"NUN CONTEXTO DE CRISE CLIMÁTICA CUNHA URXENTE NECESIDADE DE DESCARBONIZACIÓN, AS RENOVABLES SON IMPRESCINDIBLES"
Galicia é unha das principais xeradoras de electricidade de España e exporta unha parte importante da súa produción a través das interconexións eléctricas, tal e como explica o xerente de Cluergal, que apunta que estas interconexións "son importantes para garantir a seguridade da subministración e facilitar a integración das enerxías renovables". Segundo REE, a comunidade galega exportou en 2023 arredor do 35 % da electricidade que produciu. Con todo, asegura que "son insuficientes". É por iso que afirma que "nos próximos anos será moi importante investir na rede eléctrica, incluíndo a mellora das interconexións transfronteirizas". De cara ao futuro, Sarmiento considera que unha das enerxías que ten maior percorrido de crecemento en Galicia a 10 ou 15 anos vista é a eólica, grazas ás repotenciacións dos parques máis antigos e a creación doutros novos, "se finalmente superamos a actual paralización xudicial". Tamén apunta á chamada eólica 'offshore', favorecida polas condicións climáticas e polo coñecemento adquirido coa industria auxiliar. De feito, o Goberno central prevé abrir poxas de eólica mariña a partir de 2025 nas zonas con máis potencial, como a costa galega.
Doutra banda, apunta ao biometano, "un perfecto substituto do gas natural de combustible fósil e contribuínte á economía circular". España só aproveita o 1 % do seu potencial de produción de biometano, segundo a Axencia Internacional da Enerxía (IEA), e Galicia podería xerar uns 2.000 GWh anuais deste gas renovable aproveitando residuos agroindustriais. Así mesmo, Sarmiento cre que "seguirán crecendo ao mesmo tempo outras tecnoloxías como a xeotermia, a biomasa ou o autoconsumo fotovoltaico, por citar algunhas". En xeral, todas as enerxías de futuro pasan pola visión renovable, pois, como asegura o xerente de Cluergal, "nun contexto de crise climática cunha urxente necesidade de descarbonización, as renovables son imprescindibles". Por iso, a todos aqueles que tralo apagamento se afanan en dicir que hai demasiada enerxía renovable e que iso causa inestabilidade na rede eléctrica, diríalle que a culpa non é das renovables, senón que, en todo caso, "é necesario investir en mellorar esas redes, desenvolver os sistemas de almacenamento axeitados e planificar para garantir unha transición enerxética segura e eficiente".
"PODERIAMOS FALAR DE AUTOABASTECEMENTO ELÉCTRICO, PERO, PARA ELO, NECESITARIAMOS MÁIS ENERXÍAS XESTIONABLES E UN MAIOR ALMACENAMENTO"
É moito tamén o que se escoita falar da capacidade que ten Galicia para autoabastecerse a nivel enerxético, grazas a esa importante xeración de enerxías renovables, pero realmente isto sería posible para a nosa terra? Sarmiento amósase contundente ao respecto: "Galicia non ten capacidade de autoabastecemento enerxético xa que depende aínda, en máis dun 70 %, dos combustibles fósiles como o gas ou o petróleo". Segundo datos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o 73 % da enerxía final consumida en Galicia no ano 2022 procedía de fontes fósiles, especialmente no transporte e na industria. Agora ben, tamén concede que "si é certo que poderiamos falar de autoabastecemento eléctrico, xa que temos unha elevada produción renovable, pero, para elo, necesitariamos máis enerxías xestionables ou un maior desenvolvemento do almacenamento enerxético para os períodos nos que non hai recurso eólico ou solar". Noutras palabras, as fontes de enerxía renovables son máis dependentes da climatoloxía, polo que precisan que esta sexa favorable para poder producir, habendo oscilacións no nivel de produción en función da época do ano ou da hora do día.
Sarmiento insiste así no tema do almacenamento, algo que tamén está no punto de mira do debate público despois do apagamento. Dende o seu punto de vista, "a falta de capacidade de almacenamento enerxético é un dos principais desafíos aos que nos enfrontamos, sobre todo nas centrais hidroeléctricas de bombeo reversibles e tamén nas grandes instalacións de baterías". Afortunadamente, celebra que a día de hoxe estanse a plantexar proxectos moi interesantes arredor de como almacenar a enerxía, como é o caso dos de Meirama, As Pontes, o río Sil, o río Xallas e outros, e "é importante que cheguen a bo termo". A modo de exemplo, tamén sinala que nese intento por mellorar o almacenamento de enerxía e garantir a estabilidade da rede, "as baterías e os sistemas de bombeo reversible son fundamentais". Ademais, asegura que o hidróxeno verde, sobre o cal xa se están a desenvolver os primeiros proxectos en Galicia, "tamén emerxe como un vector enerxético importante a medio prazo". A Xunta estima que Galicia podería xerar preto de 30.000 toneladas anuais de hidróxeno renovable en 2030, se se desenvolven os proxectos previstos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.