A carta inédita de Pedro Sarmiento de Gamboa a lord Burghley que confirma a súa identidade galega

Investigadores de Chile e Bolivia atopan e traducen un manuscrito orixinal en latín do navegante do século XVI no que enlaza crónicas e lendas de Galicia coa súa propia xenealoxía e que ratificaría a súa proveniencia pontevedresa.

Por Alberto Quian | Madrid | 19/05/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Un texto inédito e descoñecido do navegante Pedro Sarmiento de Gamboa (1532-1592) acaba de saír á luz. Trátase dunha carta redactada en latín e dirixida a lord Burghley, primeiro ministro de Isabel I de Inglaterra, cuxo contido enlaza crónicas e lendas de España e Galicia coa propia xenealoxía deste explorador, científico e humanista. Segundo os descubridores do manuscrito, o texto resolvería a polémica da procedencia de Sarmiento —fillo de pai pontevedrés e de nai biscaíña— e confirmaría a hipótese de que a súa patria era Galicia, contradicindo a aqueles que defenden que era madrileño, natural de Alcalá de Henares.

Pedro Sarmiento de Gamboa. Pintura de Guillermo Muñoz Vera.
Pedro Sarmiento de Gamboa. Pintura de Guillermo Muñoz Vera.

O manuscrito orixinal foi achado, traducido ao castelán e publicado no último número da revista Hipogrifo polos investigadores Andrés Eichmann Oehrli, da Universidad Nuestra Señora de La Paz (Bolivia), e Joaquín Zuleta Carrandi, da Universidad de Los Andes (Chile), que participan no proxecto FONDECYT de postdoutorado 'Estudio y edición crítica de los textos de Pedro Sarmiento de Gamboa relativos a su segundo viaje al estrecho de Magallanes (1580-1591)'.

O manuscrito atopado é o único documento de Sarmiento escrito integramente en latín do que se ten noticia

A carta orixinal foi atopada en Londres, nos Arquivos Nacionais do Reino Unido (The National Arquives), e permaneceu inédita e descoñecida ata agora. Trátase do único documento de Sarmiento do que se ten noticia escrito integramente en latín, lingua coa que se comunicou oralmente cos seus captores en Inglaterra.

O manuscrito foi redactado catro días despois da liberación de Sarmiento, polo que, segundo os autores do achádego, "é moi probable que fose escrito e enviado desde Francia como un último xesto de gratitude a un dos protectores de Sarmiento durante o seu cativerio en Londres", lord William Cecil Burghley (1520-1598), o ministro máis importante do reinado de Isabel Tudor e home clave nas finanzas do reino inglés.

William Cecil, primeiro barón de Burghley
William Cecil, primeiro barón de Burghley | Fonte: National Portrait Gallery.

Lord Burghley xogou un papel fundamental na liberación do descubridor galego e na discusión da súa misión diplomática, como o propio Sarmiento xa deixara claro como gobernador do estreito de Magallanes nas páxinas finais da Sumaria relación, memoria redactada polo navegante galego sobre a infeliz expedición que en 1581 ordeou Felipe II para a fortificación deste estreito cunha frota de 23 naves e casi dúas mil persoas ao cargo do xeneral Diego Flores de Valdés.

Desde 1580, Sarmiento de Gamboa dedicou todas as súas enerxías á consecución do proxecto que marcaría os últimos anos da súa vida: a fortificación e poboamento do estreito de Magallanes. En febreiro de 1581, Felipe II aceptou a proposta defensiva de Sarmiento e decidiu organizar a Armada do estreito de Magallanes, unha enorme frota que debía trasladar poboadores e soldados ata o estreito, levar ao novo gobernador de Chile, Alonso de Sotomayor, ata a súa gobernación, e mover todo un exército de infantería destinado á Guerra de Arauco. O obxectivo principal desta Armada era construír dous fortes no punto máis angosto do paso interoceánico (Primeira Angostura), e regresar a España logo de perseguir e acabar cos corsarios que puidesen acharse en augas do Atlántico. A Armada do Estreito partiu do porto de Cádiz en decembro de 1581, con Sarmiento a bordo en calidade de gobernador do estreito de Magallanes. Pero na travesía numerosas naves naufragaron, moitos tripulantes desertaron e a Armada dividiuse en Río de Janeiro. Finalmente, Sarmiento desembarcou na entrada oriental do estreito en febreiro de 1584 canda 338 mariñeiros e alí fundou dúas poboacións: Cidade do Nome de Jesús e Cidade do Rey Don Felipe. Foi durante a súa travesía de volta a España, no ano 1586, cando Pedro Sarmiento foi capturado polos ingleses.

Os investigadores saben que Sarmiento mantivo unha reunión coa raíña Isabel I de Inglaterra, que buscaba a paz con España

PRESO POLOS CORSARIOS INGLESES

Pedro Sarmiento de Gamboa foi tomado prisioneiro por corsarios ingleses preto das illas Azores en agosto de 1586. O explorador galego dirixíase a España logo de pasar máis dun ano en Río de Janeiro esperando axuda para as poboacións que fundara no estreito de Magallanes.

Sarmiento embarcara rumbo a España para entrevistarse persoalmente co rei Felipe II, tras a fracasada expedición do estreito de Magallanes. Nese traxecto foi capturado por corsarios baixo as ordes de Jacob Whiddon, un mariño ao servizo de sir Walter Raleigh, quen era un escritor e político de gran influencia na corte de Isabel I. O navegante galego foi levado prisioneiro a Plymouth, no suroeste de Inglaterra.

A súa estadía en Inglaterra prolongouse durante dous meses: desde o 31 de agosto de 1586 ata o 30 de outubro do mesmo ano. Ás terras británicas chegara coa fama de ser o mellor mariñeiro de España e pronto se gañou a confianza de Raleigh e recibiu un trato de hóspede.

Os historiadores consideran "evidente" que nese tempo "Sarmiento se reuniu con exploradores e cosmógrafos, e que proveu aos ingleses de certas informacións xeográficas concernentes ao Mar do Sur". Pero aínda que Sarmiento compartiu algúns dos seus achados cos seus captores, "tamén se informou das exploracións inglesas no hemisferio norte", aclaran os expertos. Así, por exemplo, coñeceu "a busca do paso do nordeste pola costa de Rusia ou as últimas expedicións de John Davis na costa de Norteamérica, onde Inglaterra concentraba por entón os seus esforzos para localizar o paso do Noroeste que conectaría hipoteticamente á illa británica con China e India".

Os investigadores tamen saben que Sarmiento mantivo unha reunión coa raíña Isabel Tudor. "Podemos ter acceso ao contido deste encontro grazas a unha carta do embaixador de Inglaterra, Bernardino de Mendoza, a Felipe II: Isabel Tudor desexaba a paz con España e a cambio ofrecía retirar o seu apoio militar aos rebeldes flamencos. Cara a 1586, en Inglaterra sabíase xa da preparación da Armada Invencible no porto de Lisboa e a misión diplomática confiada pola raíña a Sarmiento podería afectar favorablemente o curso dos acontecementos. Con todo, Sarmiento foi capturado polos hugonotes en Francia e permanecería prisioneiro en Mont-de-Marsan ata mediados de 1590. Así, a prevista misión diplomática ante Felipe II non chegou a realizarse", relatan os autores.

A novidade radica na "inusitada relación que propón a partir das erráticas crónicas do poboamento de España, a historia particular de Galicia e a súa propia xenealoxía"

CARACTERÍSTICAS DA CARTA

Os investigadores non puideron precisar nin o tipo nin as dimensións do papel manuscrito, xa que o que conseguiron foi unha reprografía dixital dos Arquivos Nacionais do Reino Unido. Si puideron comprobar que a carta ocupa dous folios escritos en ambas as caras.

En canto ao contido gráfico, pode distinguirse, dun lado, o texto escrito pola man de Pedro Sarmiento de Gamboa, e doutro, algúns subliñados e notas marxinais autógrafas de lord Burghley.

A carta, que presenta algúns riscos do propio autor, é encabezada co signo da cruz na parte superior da primeira páxina e segue co indicium personae do destinatario, de corte clásico: "moi sobrio (nin sequera inclúe o nome), sen engadidos de ningún tipo, tal como aconsellaban os «receitarios» renacentistas para a redacción de cartas", explican os autores do achádego. A partir de aí, o manuscrito organízase en dous parágrafos.

No primeiro, bastante breve, Pedro Sarmiento de Gamboa expón o que considera máis relevante do contexto do seu escrito. Levado polo temor de ser considerado unha persoa vaidosa polo feito de manifestar a súa liñaxe, os investigadores relatan que "bota man dun eficaz recurso de modestia" e "desígnase a si mesmo como «un pobre español», un «homeciño» que pasa por grandes rubores ao verse obrigado a referirse a súa prosapia. «Temo», di, «causar prexuízo aos meus maiores ao dicir que procedo deles». Se o fai é pola insistencia do seu benefactor, quen lle proporcione un salvoconduto para retornar a España despois de dous meses de catividade londiniense. Engade unha consideración sobre o escaso e relativo valor da liñaxe, que condimenta cunha oportuna cita de Juvenal".

Un dato que os investigadores tiveron en conta na súa análise do texto é "o gusto de lord Burghley polas xenealoxías, afección que excedía o ámbito recreativo e formaba parte da actividade profesional do ministro como membro da Court of Wards and Liveries, institución encargada de administrar as terras de novos herdeiros cuxa familia debía vasalaxe á Coroa". Por iso, cren "razoable" considerar a carta de Sarmiento como "un xesto de agradecemento", pero tamén "unha maneira de reforzar" a súa relación "cun dos homes máis poderosos de Inglaterra, tomando en conta que, supostamente, Sarmiento se movía agora nas esferas da diplomacia europea".

No segundo parágrafo, de gran extensión, desenvolve o prometido. "Comeza coa «historia antiga» da súa familia (na que se despregan as fantasías viterbianas, tan estendidas na época), desde Noé ata a época de Juan II, cuxa vida (deste último) esténdese entre os anos 1405 e 1454. A continuación láiase de que Paulo Jovio non incluíse noticias de moitos nobres españois e italianos da súa familia polo feito de que os descendentes destes na actualidade (que é tamén a de Jovio) caesen na pobreza. Despois pasa revista aos soares de maior realce que pertencen a membros da familia Sarmiento en Galicia. Pasa a falar do seu pai Bartolomeu Sarmiento e menciona os seus avós paternos. Di que é fillo do (xa nomeado) Bartolomeu e de María de Gamboa, e ocúpase da ascendencia vasca desta última para indicar que constitúe a parcialidade ou «bando» biscaíño de maior realce, tradicionalmente enfrontado co dos Óñez, e que poucos anos antes a cabeza dos Gamboa foi o avó da súa nai. Engade un peche temático e volve ao tópico da modestia despois do cal declara o que entende como auténtico motivo de orgullo, que (sorprendentemente) non é un mérito propio, xa que o recoñece como don da misericordia divina: «son cristián español». O que segue, os seus servizos ao rei de España, ben pode entenderse como consecuencia de tal índole persoal (recibida do alto, está claro), pero tamén, á vez, como resposta esforzada e decidida, coa resolta vontade de quen sente amor incondicional polo seu soberano (na época identificábase en gran medida co amor á patria): «consumín os meus anos e o meu patrimonio no seu servizo, e morrerei por el mil veces». Engade a noticia da catividade á que foi reducido e manifesta o seu agradecemento polo salvoconduto. Pecha cunha súplica en favor da concordia, aludindo á que se desexaba entre España e Inglaterra. Segue unha breve fórmula de despedida e a súa firma", anticipan os investigadores antes de presentar o texto completo.

"Cremos que a carta a lord Burghley vén confirmar as investigacións de José Miguel Barros respecto da patria de Sarmiento: Pontevedra, Galicia".

GALICIA, A PATRIA DE SARMIENTO

Os autores do achádego salientan que "o contido da carta apunta a un obxectivo bastante preciso: trazar a xenealoxía de Sarmiento, acto exposto como servizo e xesto de gratitude, deixando claro ademais que o autor responde a unha solicitude explícita efectuada polo destinatario".

A partir de aí, Sarmiento fai unha reseña da historia de España e de Galicia, recreando unha versión oficial do seu tempo. Así, "as «antigas historias» que refire sinalaban a Túbal, neto de Noé, como o fundador da monarquía hispánica", unha liña que "é debedora do Antiquitatum Variarum do dominico Annio de Viterbo, un corpus de textos publicados a finais do século XVI e cuxo obxectivo era reivindicar a orixe dos Reis Católicos e doutras monarquías europeas no ámbito da unión dos reinos da Península Ibérica".

Como ben lembran os investigadores, o navegante e escritor galego estaba familiarizado con esta versión da historia de España, utilizada xa na Historia índica, obra que propugnaba a lexitimación da conquista do imperio inca e na que Sarmiento propón a Túbal e os seus descendentes non só como primeiros poboadores de España, senón tamén das Indias. Na propia carta, Sarmiento refírse ademais a un fillo de Noé chamado Titeo que sería o primeiro en plantar a vide en Galicia

Os autores salientan que "os embustes de Viterbo gozaron de ampla difusión durante o século XVI e chegaron a Sarmiento por medio de Anton Beuter", quen publicara en 1546 a Primeira parte da corónica xeral de toda España, e especialmente do reino de Valencia«No ano décimo do reino deste, que corrían douscentos cincuenta e nove do diluvio, veu Noé da África a España a visitar o seu neto Túbal e ver como lle ía. Entón fundou do seu nome a poboación Noela que está en terra de Galicia, e a poboación Noega, que está aínda nas Asturias. E feito isto volviose a Italia e morreu alá».

A "novidade e rareza" do documento presentado radica, segundo os investigadores, na "inusitada relación que propón Sarmiento a partir das erráticas crónicas do poboamento de España, a historia particular de Galicia e a súa propia xenealoxía".

Pedro Sarmiento de Gamboa fixera xa noutros escritos alarde da nobreza dos seus antepasados, "pero nunca dunha maneira tan explícita e detallada" como na carta agora presentada. Así, os investigadores lembran que na Sumaria relación, por exemplo, di a Felipe II: «eu sei que a súa maxestade se fía de min e non se ha de frustrar a confianza que de min ten, nin o meu sangue nin a miña condición permitirano nin sufrirán». E noutra oportunidade Sarmiento fai a seguinte declaración: «Suplica á vosa maxestade sexa servido traer á memoria que o suplicante é ben nado, de pais e maiores nobres que viviron e morreron no seu real servizo, honrosa e loablemente, e dos seus predecesores da vosa maxestade».

Para os historiadores, algunhas afirmacións de Sarmiento resultaban ata agora "incomprensibles". Grazas a este achádego, agora saben que se refería particularmente "á heroica participación dos seus antepasados na guerra de Reconquista: os «homes da casa real dos Sarmiento» tomaron a iniciativa na expulsión dos mouros de Galicia e, desa forma, os «pais maiores e nobres» de Sarmiento servirían aos predecesores de Felipe II", argúen os autores tras revisar o texto, no que as referencias a lendas galegas e á propia historia e épica familiar son numerosas.

"Como moitos beneméritos do seu tempo, Sarmiento mostra unha conciencia de cristián vello, e enxalza as accións heroicas dos seus antepasados. Doutra banda, cremos que a carta a lord Burghley vén confirmar as investigacións de José Miguel Barros respecto da patria de Sarmiento: Pontevedra, Galicia", conclúen os investigadores.

CARTA TRADUCIDA AO GALEGO POR GC DA VERSIÓN PUBLICADA EN CASTELÁN 

Excelente e ilustrísimo presidente

Este pobre español, servo seu, soubo que vostede, en sinal de gran condescendencia, ordenábame informar á súa excelencia acerca da miña liñaxe. En verdade que se non fose porque xa tres veces tiven ocasión de falar con vosted, ilustrísimo señor, e non coñecese o seu ánimo xeneroso e o seus cristianísimo corazón, facilmente podería crer que a súa excelencia xogaba comigo. Pero estaba ao corrente desa a súa serena e moi soada intelixencia, tan amante da antigüidade, o cal souben por experiencia cando coa graza e a graciosa afabilidade da raíña e dos magnates mostroume na súa casa antigüidades e documentos; o que certamente encomio, xa que eles [os magnates] eran dignos [de tal cousa]. En cambio eu, pobre e insignificante homeciño, creo que son máis ben motivo de deshonra que de estima para a nosa liñaxe; pois os que traen a súa orixe dunha nobre ascendencia, ningún deixa de saber (e eu mesmo non ignoro) ata que punto sexan precisados a abrazar o seu berce. No cal, ao sentirme de tan escaso valor, non podo evitar o temor de causar prexuízo aos meus maiores ao dicir que procedo deles, xa que eles foron virtuosos e excelentes mentres que eu defectuoso e insignificante. Pero «nun milenio o pastor sexa rei e o rei pastor», e direi o mesmo que o poeta, «que importan as árbores xenealóxicas? De que serve, Póntico, pertencer a un sangue antigo?». Pola miña banda, ilustrísimo señor, por orde súa e non pola miña inclinación [referirei] breve e rapidamente a miña gloria van; con todo, mesmo se se ri quede isto dentro de vós, non sexa que outros me consideren van.

Das antigas historias, como mellor leu a súa excelencia, sabemos que, despois da división das linguas nas planicies de Sinaar mentres se construía a torre babilónica, o patriarca Noé repartiu o mundo aos seus fillos e sobriños, para que indo por todas as terras habitáseno. Ao seu fillo Sem encomendou Asia, a Cam África, a Iafet Europa e a outros o resto. (Xa chego a España, a miña patria). E Iafet habitou en Italia, desde onde enviou fillos e sobriños a outras partes de Europa, e a España enviou ao seu fillo chamado Tubal, o cal primeiro fundou e construíu a cidade de Setubal en Portugal, e chamouna co seu nome. Poucos anos despois o propio patriarca Noé viu a España para ver os traballos dos seus fillos e sobriños e, ao vir a Galicia, alí fundou a cidade de Noia, e ante todo construíu a torre que mira ao mar e chamouna a partir do seu nome, é dicir, de «Noé» Noia. E para que este monumento permanecese para sempre, na mesma torre esculpió a figura da súa arca na que foron salvados os viventes contra as augas do gran diluvio, e deste xeito alí está na actualidade e consérvase en Galicia. E deixou alí, ao regresar a Italia, a un fillo seu que procreou despois do diluvio, de nome Titeo, o cal foi o primeiro en plantar, por orde do seu pai, unha viña en Galicia, e debido a aquela cepa das vides da que saen os gomos que se chaman en español «sarmiento», mantívose para el e os seus sucesores este nome «Sarmiento», que indignamente eu gozo. Entón por aquel tempo e co devandito nome [chamáronse] todos os reis que houbo no reino de Galicia ata os tempos da fe cristiá cando o defunto apóstolo Santiago foi levado a Galicia polos seus discípulos San Teodoro e San Atanasio. Pois naquel tempo reinaba alí unha poderosísima raíña que non tiña marido; o nome da raíña era Lupa. Esta raíña [era unha] santa muller porque, esperando o reino de Deus, foi a primeira en acoller a fe católica, e todo o reino recibiuna con ela. E ela mesma, coas súas mans levaba sobre a súa cabeza as pedras para construír unha igrexa, que foi o primeiro sitio no que comezou a celebrarse o oficio divino dos cristiáns. E a súa estatua de pedra consérvase hoxe na igrexa de Santiago, coñecida por todos. Despois dela moitos dos seus parentes reinaron ata o tempo en que os mouros devastaron España a excepción só de Galicia, Asturias e Biscaia. E de Galicia os primeiros que comezaron a arroxar aos mouros foron estes homes da casa real dos Sarmiento e Valcaceres. Aquí podería contar marabillas e expoñer as sucesións en liña recta, pero a curtidade do tempo non o permite, nin a miña memoria, que é fraca, pode reter todas estas cousas a fin de abarcalo nun só arranque. Esta antiquísima liñaxe deixou de ter reis en sucesión cando o reino pasou á xurisdición de Castela. Pero algúns anos despois un dos nosos chamado don Pedro Sarmiento, o maior dos españois despois do rei de Castela don Juan o Segundo, casou coa filla do rei e así outra vez foi renovada a antiquísima sangue real coa máis ilustre destes reis actuais, e desta liña sempre foron (e son) os máis nobres homes eminentes na casa real, na guerra e no goberno do reino tanto na nosa España como en Italia. E Paulo Jovio non rexistrou nada dos homes desta xenealoxía e dos seus feitos e de todos os que neste tempo caeron na pobreza. Teñen algunhas casas nada despreciables das que lle nomearei as principais, porque non será posible dicilas todas. Esta familia dos Sarmientos ten os seguintes príncipes en España: o condado de Salinas, así mesmo o condado de Ribadeo, e tamén o condado de Ribadavia onde está o mellor viño, lugar onde se cre que primeiro estiveron plantadas as vides que dixen antes; o señorío de Val de Horras e tamén o gran señorío de Salvaterra; despois a casa da baronía de Vilamaior e a nosa, pequeniña, que está en Pontevedra, no medio de todas as grandes ditas e outras que non é preciso engadir. O meu pai chamouse Bartolomeu Sarmiento, home san e forte, fillo de don Simeón Rodríguez Sarmiento e Isabel Sarmiento, os meus avós, que na casa real gozaron de honra e no reino de Galicia foron venerados e amados, tendo moitos servos e rendas. Eu son o único fillo de Bartolomeu Sarmiento e de dona María de Gamboa, a miña nai, biscaíña, e por este motivo chámome Pedro Sarmiento de Gamboa e teño de ambos os dous o escudo e títulos. A prosapia de Gamboa en Biscaia é a máis elevada e nobre de todas as daquela rexión, pois alí hai dúas partes ou partidos de xente nobre, ás que chamamos «bandos», que teñen entre si as súas competencias e varias diferenzas. Unha chámase Gamboa, a outra Óñez. Son liñaxes antiquísimos e nobilísimos, pero considérase máis nobre o bando dos Gamboa, e hai poucos anos a súa cabeza foi o avó da miña nai, que se chamaba Txarraín de Gamboa. Esta é a miña xenealoxía, ilustrísimo señor. Dita con esta brevidade, xa que en absoluto paga a pena e importa que alguén saiba quen sexa eu, que non son senón deshonor dos meus maiores, para cuxa vergoña se tería coñecemento de min, aínda que é verdade que non me mostrei indigno do seu andar. O que me enorgullece e Deus outorgoume pola súa inefable misericordia direino: son cristián español. Servín ao rei de España, o meu señor, durante trinta anos na India Occidental e en moitas outras partes en ocasións de certa importancia, e consumín os meus anos e o meu patrimonio no seu servizo, e morrerei por el mil veces. E ao cabo fun conducido e reducido á catividade, de cuxa liberdade a súa excelencia deume o salvoconduto, polo que lle dou infinitas grazas, e agrégueme no número dos seus servos, e ofrézome á miña señora ilustrísima, a súa esposa, como o menor. Suplico e imploro, excelentísimo príncipe, a concordia que tanto ama entre tantos príncipes e considéreo bo e xusto para a común tranquilidade.

Un cordial saúdo. 

Pedro Sarmiento de Gamboa.

-----------------------------------------------------

Andrés Eichmann Oehrli e Joaquín Zuleta (2016). 'Edición y traducción de la «Carta a lord Burghley» de Pedro Sarmiento de Gamboa'. Hipogrifo. Revista de literatura y cultura del Siglo de Oro, vol. 4, número 1, pp. 23-42.

Manuscrito de  Pedro Sarmiento de Gamboa a lord Burghley
Manuscrito de Pedro Sarmiento de Gamboa a lord Burghley | Fonte: Hipogrifo. Revista de literatura y cultura del Siglo de Oro.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

8 Eu nom fum

Pois nom sei... Após profunda leitura, acho confirmado que este senhor era como Alexandra a da FPG. Muito historia coa Galiza, mas remata fazendo-lhe as beiras ao rei em Madrid.

7 cuito cuanavale

En resumo. Pedro Sarmiento, como bo galego era bo católico español. Iso é todo.

6 Rosa

Que peniña de tradución. GC sempre me decepciona con este tema. Non é xusto...

1 Rosario

A ver, muller, ao mellor a quen debes pedir explicacións é aos historiadores que descubriron e traduciron do latín ao español o texto. Non é xusto...

5 Españolistas dades noxo

Mais unha tradución liberal de Hispania como España. O nacionalismo non para. Tan precisa coma Galliciense Regnum como Reino de León.

4 mmUx

"Un cordial saludo"? Jajaja Pero que trapallada es esta? Se trasladó a mayo el día de las inocentadas? Y las tintas no oxidadas, como si el papel se hubiese cocinado la semana pasada? Por favor...