Por E.P. | PONTEVEDRA | 19/05/2025 | Actualizada ás 21:35
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores, asinaron este luns un convenio que permitirá a construción de 118 novas vivendas de promoción pública na cidade. O acto tivo lugar esta tarde no barrio de Valdecorvos e durante o mesmo o goberno local cedeu de forma gratuíta tres parcelas ao Executivo autonómico para levantar alí ata 118 pisos de promoción pública.
A primeira en tomar a palabra foi a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, quen puxo en valor o traballo realizado nos últimos meses para desenvolver vivenda alcanzable en toda a Comunidade. Tamén reivindicou o compromiso da Xunta co acceso á vivenda dos máis novos, destacando a creación da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.
Tras ela tomou a palabra o rexedor pontevedrés, quen mostrou a súa "satisfacción" pola rúbrica deste convenio, xa que na cidade hai unha "gran demanda" de vivenda a prezo "razoable", especialmente entre os máis novos. Na mesma liña falou o presidente autonómico, que pechou o acto subliñando o apoio do goberno municipal á hora de asinar o convenio, porque "isto non é cuestión de cores políticas".
PONTEVEDRA
En concreto, esta cesión de chan en Pontevedra permitirá a construción de 118 pisos. Deles, 54 estarán en Valdecorvos, 52 na rúa Ernestina Otero e 11 nas Devesas. En total, suporán un investimento duns 22,48 millóns de euros. As novas promocións completarán un conxunto de actuacións que inclúe xa 132 vivendas entregadas e 182 en marcha, para un total de 432 vivendas públicas neste ámbito urbano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.